Marzo: comezo cheo de actividade

Despois da interesante excursión organizada pola nosa Sección Ultreia Mocidade e Patrimonio á comarca do Bierzo, Cultura do País enceta a primeira semana de marzo cunha chea de actividades no noso local social.

O mércores 6 de marzo inaugúranse no Lar da Cultura do País as Xornadas de Lingua e Cultura Portuguesa, organizadas en colaboración coa Liga Estudantil Galega. Estas xornadas, que contan co recoñecemento dun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, darán comezo este mércores a partir das 19:30 hs. cunha palestra sobre a Historia de Portugal, impartida polo Doutor en Humanidades Antón Somoza. O xoves 7 de marzo continuará a actividade cunhas aulas de bases lingüísticas do portugués impartidas polo profesor da EOI de Lugo Joseph Ghanime e máis a proxección de cinema clásico O Pai Tirano.

O venres 8 de marzo a partir das 21:00 hs., Cultura do País súmase á reivindicación antipatriarcal do Día da Muller Traballadora cunha nova actividade: presentarase no Lar o número 6 dos nosos cadernos formativos, o Ronsel da Cultura do País, adicado á participación política da muller no galeguismo do primeiro terzo do século XX. A súa autora, a historiadora Isabel Rodríguez Mate, presentaranos ás mulleres máis activas nas loitas de reivindicación cultural e nacional da época, reivindicando o seu papel na historia do nacionalismo.

O sábado 9 de marzo acolleremos a presentación do libro O galego é uma oportunidade, a través dun obradoiro que correrá a cargo dos autores: Jose R. Pichel e máis Valentim R. Fagim. Neste acto, que se desenvolverá tamén no Lar da Cultura do País a partir das 18:30 hs., exporase esta publicación, que está orientada a poñer en valor a comunidade lingüística coa lusofonía e o carácter internacional da nosa lingua para persoas castelán-falantes.