Comezan os cursos no Lar

Este outono a oferta de cursos no Lar da Cultura do País é máis ampla e variada. Continuando con actividades que xa fixeramos o curso anterior, como pandeireta e contacontos para nenos e nenas, engadimos á nosa programación algúns cursos cunha duración máis reducida.

En outubro xa comezaron as aulas de pandeireta e canto tradicional, impartidas por Branca Villares -membro do grupo Eudemónicas-; que serán todos os xoves ás 20:00 hs. para o grupo de aperfeizoamento e ás 21:00 hs. para iniciación. O custo do curso é de 20 euros ao mes, con prezo reducido de 15 euros para socios/as de Cultura do País. Durante o mes de outubro as aulas son de balde.

As actividades para crianzas refórzanse este curso. Mantemos as sesións de obradoiros de contos para nenos e nenas que viñan impartindo desde Anima Acción os venres de 17:30 a 18:30, que terán o custo dun bono de 15 euros equivalente a catro sesións. O prezo para persoas asociadas de Cultura do País é de 12 euros o bono. As sesións comezarán o venres 8 de novembro. Tamén para pícaros/as será o curso de expresión corporal e teatro que se oferta os luns de 17:00 a 18:00 hs, impartido por Eva do Roxo. Este obradoiro terá lugar entre o 4 de novembro e o 23 de decembro e o custo é de 15 euros ao mes (10 euros para socios/as).

Outra novidade é o curso titulado manualidades en outono, destinado a adultos. Impartirase os luns de 18:00 a 19:55 e tamén durará desde o 4 de novembro ao 23 de decembro. Centrarase en técnicas de encadernación creativa e customización de obxectos. O custo é de 25 euros ao mes, con custo reducido para persoas asociadas de 20 euros/mes.

A fin de semana do 9 e 10 de novembro organizamos un obradoiro de nivel básico de tamboril tradicional impartido por Arantza Alfaia, integrante do grupo Habelas Hainas. Optamos por un curso intensivo que tería horarios de mañá e tarde o sábado (11:00-14:00 e 16:00-19:00) e sód e mañá o domingo (11:00-14:00). O prezo é de 45 euros (25 euros para socios/as de Cultura do País).

Este outono, aprende no Lar! anótate!

2 thoughts on “Comezan os cursos no Lar”

  1. Boas tardes,

    Quixera participar no curso de contacontos para nenas e nenos, pero como habedes de notar o meu galego é de aldea. Para miña desgraza crieime no extranxerio e alí non tiven ocasión de aprender a nosa fermosa lingua. Podría participar ?

    Un cordial saludo,
    Manuel

Os comentarios están pechados.