1918-2018: Centenario do Manifesto de Lugo

Este ano é especial para Cultura do País por varios motivos. Fanse cen anos da celebración da primeira Asemblea Nacionalista, no Lugo Salón e no Hotel Méndez Núñez, o 17 e 18 de novembro de 1918, data en que se ‘xuntaron na cidade, viñeron de toda a Patria’, como di a cantiga d’A Quenlla, membros das Irmandades da Fala e redactaron o primeiro programa político do nacionalismo galego: o Manifesto de Lugo.

Tamén se fan dez anos do nacemento de Cultura do País, 3.650 días e algún máis de activismo cultural cunha perspectiva autocentrada, acumulando outras tantas edicións da celebraciónd e actos de conmemoración do Manifesto de Lugo e da súa festa máis senlleira: a Festa Dandi. Polo tanto, para esta data de duplo aniversario e dada a relevancia dun feito centenario que sempre tivemos moi presente na nosa actividade, gardamos unha programación especial que queremos que teña a meirande repercusión posíbel. Presentámosvos hoxe a imaxe gráfica dos actos do centenario e nimámosvos a difundir a efeméride a participar dos actos que iremos avanzando nos vindeiros meses.

Domingo 1 de xullo: concerto de Anxo Rei

En Cultura do País damos comezo ao verán cun concerto do cantautor valdeorrés Anxo Rei, que se ten inspirado no poeta galeguista Florencio Delgado Gurriarán e e porá música nesta ocasión aos poemas doutro valdeorrés: Xosé Rodríguez Ferrer. Este acto terá lugar o vindeiro domingo 1 de xullo a partir das 18:00 hs. no Bodegón A Fouce (R/ Ramón Montenegro, 2).

sábado 16 de xuño: xantar celta. Romani ite domum!

As tropas de César Augusto achéganse un ano máis a Lugh para invadir o territorio galaico. O clan da Cultura do País organizará a resistencia coa 6ª edición do xantar celta no Lar, que terá lugar o vindeiro sábado 16 de xuño a partir das 14:00. O prezo do xantar é de 12 euros. Os membros do clan e trebas amigas podédesvos anotar até o xoves 14 de xuño en culturadopais@gmail.com

Romani ite domum!

maio: Mar de Lumes, fútebol gaélico e Proxecto Ríos

Chegou o mes da lingua e con el novas actividades de Cultura do País. O vindeiro xoves 10 de maio o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes comeza os actos polo seu quinto aniversario de activismo internacionalista. Farao coa palestra titulada ‘Honduras: a resistencia dun pobo’ ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País, na que o activista político e social hondureño Jairo Velásquez, que falará sobre a realidade do seu país desde o golpe de Estado que depuxo o presidente Manuel Zelaya e instalou un goberno títere até as últimas protestas masivas nas rúas pola fraude eleitoral coa que o goberno de Juan Orlando Hernández pretende manterse no poder e impedir o acceso da coalición progresista que gañou as eleccións de Novembro pasado.

O vindeiro sábado 12 de maio a partir das 16:00 hs. volve a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto ao céspede de Nadela, na que será a derradeira xornada da competición regular. A nosa equipa, as Torques de Lugoslavia, que afronta este último encontro co campionato de liga xa matematicamente acadado desde hai dúas xornadas, enfrontarase ao Fusquenlha de Pontedeume. Ás 17:30 xogarán Afiadoras de Ourense contra O Condado de Ponteareas. Ao remate o terceiro tempo celebrarase no Bodegón A Fouce.

O sábado 19 de maio a partir das 16:00 hs. levaremos a cabo a inspección de primavera do Proxecto Ríos, actividade que realizamos en colaboración coa asociación ecoloxista ADEGA. Combinamos diante da Facultade de Formación do Profesorado para dirixírmonos até Begonte, onde realizaremos unha nova inspección do estado de saúde ambiental do río Ladra. Podédesvos anotar até o 17 de maio en culturadopais@gmail.com

 

14-15 de abril: Noite da lusofonia na noite dos tempos

Este ano imos pasar a Noite da Lusofonía na noite dos tempos, cunha viaxe a Vila Real e Vila Nova de Foz Côa que terá lugar a fin de semana do 14 e 15 de abril, actividade que se desenvolve en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo.

O autocarro no que faremos a viaxe sairá ás 8:30 do sábado 14 de abril de diante da EOI en dirección a Vila Real, visitando ademais o Museo e o xacemento de gravados rupestres de Foz Côa, meirande xacemento de arte paleolítica ao aire libre, declarado Patrimonio da Humidade pola UNESCO. O prezo da viaxe (83 euros/persoa) inclúe autocarro, seguro de viaxe, aloxamento en Vila Nova de Foz Côa, visita guiada ao xacemento e ao museo e xantar do domingo. Máis información e inscricións en roteiroscdp@gmail.com.

domingo 11 de marzo: aínda é tempo de cocido

 

Aínda é tempo de cocido… e en Cultura do País non queremos deixar pasar a oportunidade de realizar unha xornada de convivio arredor dos produtos da terra. O vindeiro domingo 11 de marzo a partir das 14:30 hs. xuntarémonos no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1-baixo 5) para dar boa conta dun cocido completo. Previamente, ás 13:30 terá lugar unha sesión-vermú con picadiscos de música galega. Na sobremesa faremos xogos e outras actividades. O custo do xantar do cocido é de 21 euros/persoa e podédesvos anotar até o xoves 8 de marzo en culturadopais@gmail.com

Sábado 26 de xaneiro: roteiro até a Insua de Seivane

Entre documentario e documentario temos organizado un roteiro para esta última fin de semana de xaneiro: unha camiñata até a Insua de Seivane, en Martul (Outeiro) o vindeiro sábado 27, con saída ás 10:00 de diante do Lar da Cultura do País e volta arredor das 17:00 hs. Farase unha parada para xantar na zona, para o cal é preciso levar comida. Para facer este percorrido, de 30 km. de distancia en total, requírese tamén calzado e condición física axeitadas. A realización do roteiro está supeditado ás condicións climatolóxicas favorábeis.

Comezarmos un 2018 cheo de Cultura do País

Cultura do País comezará o ano 2018 cunha completa programación cultural. Como xa vén sendo habitual, no mes de xaneiro teremos unha nova edición -e vai pola terceira- do ciclo de documentarios ‘Enxergando o País’. As sesións, que terán lugar os martes e venres  ás 20:00 hs. no Lar entre o 9 de xaneiro e o 2 de febreiro e contarán coa presenza dos/das directores/as, amosarán as mellores producións documentais que saíron no último ano sobre a realidade social e cultural galega, co seguinte programa:

  • martes 9 de xaneiro: ‘100% CEF’ (2016, Arraianos Producións), dirixido por Aser Álvarez e coa participación de Luis Tosar representando a Celso Emilio Ferreiro.
  • venres 12 de xaneiro: ‘O canteiro de Sebil’ (2017, Quinteiro do Umia), sobre a figura do militante nacionalista Xoán Xesús González, asasinado polos golpistas en 1936.
  • martes 16 de xaneiro: ‘Alén do Cosmos’ (2017, Pedro Pablo Alonso e Rubén Pardiñas), sobre o futbolista galego Santiago Formoso, que xogou no Cosmos de Nova Iorque coas estrelas do balompé da súa época.
  • venres 19 de xaneiro: ‘Morrer devagar’ (2017, Irene Pin e Begoña Fernández), unha ollada galega sobre a crise dos refuxiados en Grecia.
  • martes 23 de xaneiro: ‘Aberto e con fume’ (2017, Illa Bufarda), sobre a Comunidade de Montes de Tameiga e os seus espazos comunitarios.
  • venres 26 de xaneiro: ‘Sitio distinto’ (2017, Davide Cabaleiro), sobre a comunidade galega emigrada a Euskal Herria e as súas relacións coa cultura e a lingua vasca.
  • martes 30 de xaneiro: ‘O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao’ (2016, Pinancho Audiovisuais), sobre a tradición do Entroido Ribeirao.
  • venres 2 de febreiro: xornada adicada ao audiovisual no ensino, coa proxección dos documentarios ‘Videopoemas 8 de marzo’ e ‘Eu cantar cantei’ (alumnado do IES de Arzúa) e a curta de ficción ‘O rumor’ (alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba).

O sábado 13 de xaneiro a partir das 19:00 hs. tamén no Lar da Cultura do País contaremos coa presentación dunha das investigacións de meirande novidade e relevancia no eido da memoria histórica en Galiza: o libro recentemente saído do prelo ‘Meirás. Un pazo/ un caudillo /un espolio’, de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo; publicación que amosa como a familia Franco recadou baixo coacción recursos para a construción do Pazo de Meirás e se continúa a apropiar del aínda corenta anos despois da morte do ditador. Na presentación deste libro contaremos coa participación dos autores, así como de María do Carmo García Negro en representación da Fundación Galiza Sempre -editora da publicación- e de Isabel Rodríguez Mate, Vicepresidenta de Cultura do País e Doutora en Historia Contemporánea.

Salvar Pena Grande: coa mobilización popular paramos a venda do xacemento

Cultura do País congratúlase de que a mobilización popular conseguira parar a venda do xacemento

Desde Cultura do País queremos manifestar a nosa satisfacción pola retirada da poxa do xacemento paleolítico de Pena Grande, confirmada hoxe documentalmente polo funcionariado do Ministerio de Facenda -mais aínda pendente de publicación no BOE ao irmos presentar a oferta económica. Somos conscientes de que, de non ser pola mobilización e a resposta popular encetada a partir do anuncio de Cultura do País para concorrer á poxa, nestes momentos non estariamos a celebrar a paralización do procedemento. Nos últimos días constatamos que, trala nosa decisión de constituírmonos como última liña de defensa na protección do xacemento, fomos capaces de mobilizar colectivos, medios e persoas implicadas nun mesmo obxectivo. Tamén fomos capaces de mobilizar algúns intereses inmanentes non moi confesábeis que, aínda que xurdiron como unha resposta reaccionaria ao noso anuncio; tamén serviron para evitar que a poxa seguira adiante.

Hoxe é un día de celebración e de parabenizármonos, de agradecer as múltiplas achegas económicas que recibimos e a difusión que se lle deu á nosa campaña por innumerábeis colectivos, persoas e medios; sendo radiografía do país que temos e do grao de consciencia que fica en defensa do patrimonio. Mais a loita non remata aquí. Como xa temos manifestado, cónstanos que nos últimos anos se teñen vendido a través dese mecanismo da poxa mámoas e castros en diversos puntos do noso país, polo cal debemos seguir a traballar para que se garanta que non se volven dar este tipo de situacións nas que o Estado fai caixa co patrimonio de todo o pobo galego e o entrega a intereses especulativos que poden ser lesivos para a súa conservación.

decembro: A raíña das velutinas, obradoiro de trompa e aniversario do himno

Rematamos o 2017 cunha intensa actividade en Cultura do País. O venres 15 de decembro a partir das 20:30 hs. no Lar presentaremos o libro ‘A raíña das velutinas’, de Lionel Rexes, gañador do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta 2016. O propio autor comentaranos unha historia que sitúa a dúas rapazas enviadas pola Consellaría de Medio Rural para combater a praga das vespas velutinas nunha casa de turismo rural, na que coinciden cun grupo de recuperación da memoria histórica.

O sábado 16 de decembro de 16:00 a 21:00 no Lar terá lugar o obradoiro de trompa de boca impartido por Daniel do Pando, que nos ensinará as claves deste instrumento idiófono tradicional que permaneceu vivo na montaña lucense. Non é preciso levar instrumento, pois será subministrado no propio obradoiro. O prezo do curso é de 25 euros (20 euros socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o 13 de decembro.

O mércores 20 de decembro cúmprense 110 anos desde a primeira interpretación do himno nacional no Centro Galego da Habana (Cuba), nunha función de homenaxe ao seu compositor, Pascual Veiga. Con motivo desta efeméride ás 21:00 hs. contaremos cunha actuación do Grupo Vocal Solo Voces no Xardín de San Roque, diante da estatua do compositor rexionalista Xoán Montes. Posteriormente, ás 21:15 hs. no Lar da Cultura do País a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro dará unha palestra sobre as manipulacións que sufriu e a iniciativa parlamentar que ela desenvolvera no seu día como deputada do grupo parlamentar do BNG para volverlle a súa letra orixinal ao  himno nacional.