1918-2018: Centenario do Manifesto de Lugo

Este ano é especial para Cultura do País por varios motivos. Fanse cen anos da celebración da primeira Asemblea Nacionalista, no Lugo Salón e no Hotel Méndez Núñez, o 17 e 18 de novembro de 1918, data en que se ‘xuntaron na cidade, viñeron de toda a Patria’, como di a cantiga d’A Quenlla, membros das Irmandades da Fala e redactaron o primeiro programa político do nacionalismo galego: o Manifesto de Lugo.

Tamén se fan dez anos do nacemento de Cultura do País, 3.650 días e algún máis de activismo cultural cunha perspectiva autocentrada, acumulando outras tantas edicións da celebraciónd e actos de conmemoración do Manifesto de Lugo e da súa festa máis senlleira: a Festa Dandi. Polo tanto, para esta data de duplo aniversario e dada a relevancia dun feito centenario que sempre tivemos moi presente na nosa actividade, gardamos unha programación especial que queremos que teña a meirande repercusión posíbel. Presentámosvos hoxe a imaxe gráfica dos actos do centenario e nimámosvos a difundir a efeméride a participar dos actos que iremos avanzando nos vindeiros meses.

Domingo 1 de xullo: concerto de Anxo Rei

En Cultura do País damos comezo ao verán cun concerto do cantautor valdeorrés Anxo Rei, que se ten inspirado no poeta galeguista Florencio Delgado Gurriarán e e porá música nesta ocasión aos poemas doutro valdeorrés: Xosé Rodríguez Ferrer. Este acto terá lugar o vindeiro domingo 1 de xullo a partir das 18:00 hs. no Bodegón A Fouce (R/ Ramón Montenegro, 2).

sábado 16 de xuño: xantar celta. Romani ite domum!

As tropas de César Augusto achéganse un ano máis a Lugh para invadir o territorio galaico. O clan da Cultura do País organizará a resistencia coa 6ª edición do xantar celta no Lar, que terá lugar o vindeiro sábado 16 de xuño a partir das 14:00. O prezo do xantar é de 12 euros. Os membros do clan e trebas amigas podédesvos anotar até o xoves 14 de xuño en culturadopais@gmail.com

Romani ite domum!

maio: Mar de Lumes, fútebol gaélico e Proxecto Ríos

Chegou o mes da lingua e con el novas actividades de Cultura do País. O vindeiro xoves 10 de maio o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes comeza os actos polo seu quinto aniversario de activismo internacionalista. Farao coa palestra titulada ‘Honduras: a resistencia dun pobo’ ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País, na que o activista político e social hondureño Jairo Velásquez, que falará sobre a realidade do seu país desde o golpe de Estado que depuxo o presidente Manuel Zelaya e instalou un goberno títere até as últimas protestas masivas nas rúas pola fraude eleitoral coa que o goberno de Juan Orlando Hernández pretende manterse no poder e impedir o acceso da coalición progresista que gañou as eleccións de Novembro pasado.

O vindeiro sábado 12 de maio a partir das 16:00 hs. volve a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto ao céspede de Nadela, na que será a derradeira xornada da competición regular. A nosa equipa, as Torques de Lugoslavia, que afronta este último encontro co campionato de liga xa matematicamente acadado desde hai dúas xornadas, enfrontarase ao Fusquenlha de Pontedeume. Ás 17:30 xogarán Afiadoras de Ourense contra O Condado de Ponteareas. Ao remate o terceiro tempo celebrarase no Bodegón A Fouce.

O sábado 19 de maio a partir das 16:00 hs. levaremos a cabo a inspección de primavera do Proxecto Ríos, actividade que realizamos en colaboración coa asociación ecoloxista ADEGA. Combinamos diante da Facultade de Formación do Profesorado para dirixírmonos até Begonte, onde realizaremos unha nova inspección do estado de saúde ambiental do río Ladra. Podédesvos anotar até o 17 de maio en culturadopais@gmail.com