marzo no Lar: enxergando o País na pantalla e a pé

Chega o mes de marzo cheo de actividade en Cultura do País. Semanalmente teremos unha proxección do IV ciclo de documentarios ‘Enxergando o País’, que nesta nova edición amosará os seguintes proxectos:

  • xoves 7 de marzo: ‘XX anos de bravío (1994-2014)’, dirixido por Anna Diz e producido por Chantada Films, que analiza o movemento bravú.
  • venres 15 de marzo: ‘Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige (2002-2019)’, curta documental de Caneca Films sobre  a explosión de protesta creativa que resultou da marea negra do 200 e a mobilización do mundo da cultura ante a catástrofe do Prestige.
  • venres 22 de marzo: ‘Pucho Boedo. Un crooner na fin do mundo’, dirixido por Xurxo Souto, que reconstrúe a vida e a obra do mítico cantante dos Tamara que fixo renacer a música galega a partir de clásicos da nosa literatura.
  • venres 29 de marzo: ‘Tecido resistente. A silenciosa revolución das mulleres de Présaras’, dirixido por Marina Chiavegatto, sobre o empoderaento e a transformación da vida das traballadoras da fábrica ‘Hilados y Tejidos’ de Vilasantar.
  • venres 5 de abril: ‘Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas’, dirixido por Xosé Bocixa e coa colaboración de Nós Televisión, sobre o traballo das plataformas Mina Touro – O Pino Non e varios colectivos en defensa do rural contra os impactos da minaría, a xestión insustentábel dos resíduos e os parques eólicos.

Todas as sesións serán no Lar da Cultura do País ás 20:30 hs. e contaremos membros dos proxectos audiovisuais e plataformas cuxas loitas son reflectidas neles.

O domingo 24 de marzo de 16:00 a 21:00 no Lar impartirase un curso de manipulación de alimentos para a obtención do certificado de formación en hixiene alimentaria, que será entregado ás persoas asistentes. O prezo do curso é de 10 euros (de balde para socios/as de Cultura do País) e podedes inscribirvos en culturadopais@gmail.com

E a última fin de semana de mes… toca roteiro! Desta volta, organizado en colaboración coa Fundaçom Artábria e Asociación Cultural Ferrolterra Antiga. O domingo 31 de marzo sairemos ás 8:30 da Facultade de Formación do Profesorado para repartirnos en carros. Pola mañá faremos un roteiro polo patrimonio medieval de Chanteiro, Montefaro e Cervás. Xa pola tarde, logo dun xantar de confraternidade na Fundaçom Artábria, percorreremos a historia e o patrimonio da cidade de Ferrol. A inscrición custa 12 euros (10 euros para socios/as das tres entidades organizadoras) e podédela facer tamén no noso enderezo de correo electrónico.

Domingo 24 de febreiro: roteiro e cocido no Deza

O último domingo do mes de febreiro organizamos un roteiro pola comarca do Deza. Sairemos ás 8:30 da Facultade de Formación do Profesorado para repartirnos en carros e dirixirnos até a área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces. Veremos o mosteiro de Carboeiro, a fervenza do Toxa e xantaremos o que din que é un dos mellores cocidos do País. O prezo da actividade é de 35 euros (30 para socios/as de Cultura do País) e as prazas son moi limitadas. Podédesvos anotar en culturadopais@gmail.com.