domingo 27 de xaneiro: roteiro pola Terra Chá

O vindeiro domingo 27 de xaneiro temos programado un roteiro pola Terra Chá. Achegarémonos até o xacemento paleolítico de Pena Grande, que motivara unha campaña da nosa Asociación contra a súa subasta pública. Faremos un percorrido circular de 14 kms. no que visitaremos ademais a escola da Liga Santaballesa, a anta da Pedra Puída, a Medoña de Estelo, o castro de Santaballa e o dolmen da Roza das Modias. Quedamos ás 11:30 hs. no Lar para repartirnos en carros. Cómpre levar comida para ao camiño. Podédesvos anotar en culturadopais@gmail.com
Este roteiro fai parte dun calendario que impulsamos para este curso que marca unha viaxe nas últimas fins de semana de cada mes a unha comarca do País na que poremos en valor o noso patrimonio. Anotade nas vosas axendas!

xoves 24 de xaneiro: presentación de Ad Inferos

Comezamos o ano cunha proposta literaria: o poemario de Mónica Sánchez ‘Ad Inferos’, que toma o seu título da pasaxe mítica do descenso de Ulises ao inferno. Este poemario mestura referenzas mitolóxicas coa memoria persoal da autora e experimenta coa imaxe a través de poemas visuais. A presentación do libro, editado por Chan da Pólvora, terá lugar o vindeiro xoves 24 de xaneiro ás 20:30 no Lar da Cultura do País, e contará coa presenza da autora e máis do editor, Antón Lopo.