17 e 18 de novembro: Centenario do Manifesto de Lugo

Este ano faise un cento da celebración da primeira asemblea nacionalista, na que se aprobou o Manifesto de Lugo, efeméride que vimos conmemorando en Cultura do País ao longo dos nosos dez anos de vida. Con motivo do cen aniversario ampliamos a programación e redobramos esforzos, xuntándoos tamén a outros colectivos que teñen preparados actos para as datas referidas.
A meirande parte dos actos terán lugar no Hotel Méndez Núñez. Como en anos anteriores, o sábado 17 de novembro a partir das 21:30 celebraremos a Festa Dandi, que nesta ocasión contará con varias actuacións: Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapodre DJ set. As entradas, que se poderán retirar no Lar ou na Fouce de forma anticipada ou o propio día no Hotel, teñen un custo de 5 euros. Como en anteriores edicións, outorgaranse os Premios Dandi ás mellores caracterizacións coa estética dos anos vinte entre as persoas asistentes.
plataforma Vía Galega, entidade social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza da que fai parte a nosa Asociación, ten programados unha serie de eventos o domingo 18 de novembro na nosa cidade con motivo do Centenario. A partir das 10:45 terá lugar no IES Lucus Augusti a Asemblea da plataforma, na que se aprobará a Carta de Dereitos do Pobo Galego.
Ás 13:00 diante do Hotel Méndez Núñez está prevista a celebración da ofrenda floral unitaria promovida, xa desde hai varios anos, xunto con outros colectivos da cidade, enmarcada na Convocatoria Faraldo. Seguidamente, ás 13:30 farase un roteiro polo adarve da Muralla promovido por Vía Galega, no que se dará lectura a varios textos das Irmandades da Fala.
Pola tarde, ás 17:00 de novo na Sala Almirante do Hotel Méndez Núñez representaremos a función ‘A lus da estrela que brila ó lexos, espectáculo de danza, poesía, teatro e música preparado por socios/as e simpatizantes da nosa Asociación en homenaxe aos asinantes do Manifesto de Lugo. A entrada é gratuíta. O título da función é recollido dun verso do poema ‘No Escuro’ (Vento Mareiro, 1915) de Ramón Cabanillas.