Comezarmos un 2018 cheo de Cultura do País

Cultura do País comezará o ano 2018 cunha completa programación cultural. Como xa vén sendo habitual, no mes de xaneiro teremos unha nova edición -e vai pola terceira- do ciclo de documentarios ‘Enxergando o País’. As sesións, que terán lugar os martes e venres  ás 20:00 hs. no Lar entre o 9 de xaneiro e o 2 de febreiro e contarán coa presenza dos/das directores/as, amosarán as mellores producións documentais que saíron no último ano sobre a realidade social e cultural galega, co seguinte programa:

  • martes 9 de xaneiro: ‘100% CEF’ (2016, Arraianos Producións), dirixido por Aser Álvarez e coa participación de Luis Tosar representando a Celso Emilio Ferreiro.
  • venres 12 de xaneiro: ‘O canteiro de Sebil’ (2017, Quinteiro do Umia), sobre a figura do militante nacionalista Xoán Xesús González, asasinado polos golpistas en 1936.
  • martes 16 de xaneiro: ‘Alén do Cosmos’ (2017, Pedro Pablo Alonso e Rubén Pardiñas), sobre o futbolista galego Santiago Formoso, que xogou no Cosmos de Nova Iorque coas estrelas do balompé da súa época.
  • venres 19 de xaneiro: ‘Morrer devagar’ (2017, Irene Pin e Begoña Fernández), unha ollada galega sobre a crise dos refuxiados en Grecia.
  • martes 23 de xaneiro: ‘Aberto e con fume’ (2017, Illa Bufarda), sobre a Comunidade de Montes de Tameiga e os seus espazos comunitarios.
  • venres 26 de xaneiro: ‘Sitio distinto’ (2017, Davide Cabaleiro), sobre a comunidade galega emigrada a Euskal Herria e as súas relacións coa cultura e a lingua vasca.
  • martes 30 de xaneiro: ‘O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao’ (2016, Pinancho Audiovisuais), sobre a tradición do Entroido Ribeirao.
  • venres 2 de febreiro: xornada adicada ao audiovisual no ensino, coa proxección dos documentarios ‘Videopoemas 8 de marzo’ e ‘Eu cantar cantei’ (alumnado do IES de Arzúa) e a curta de ficción ‘O rumor’ (alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba).

O sábado 13 de xaneiro a partir das 19:00 hs. tamén no Lar da Cultura do País contaremos coa presentación dunha das investigacións de meirande novidade e relevancia no eido da memoria histórica en Galiza: o libro recentemente saído do prelo ‘Meirás. Un pazo/ un caudillo /un espolio’, de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo; publicación que amosa como a familia Franco recadou baixo coacción recursos para a construción do Pazo de Meirás e se continúa a apropiar del aínda corenta anos despois da morte do ditador. Na presentación deste libro contaremos coa participación dos autores, así como de María do Carmo García Negro en representación da Fundación Galiza Sempre -editora da publicación- e de Isabel Rodríguez Mate, Vicepresidenta de Cultura do País e Doutora en Historia Contemporánea.

Salvar Pena Grande: coa mobilización popular paramos a venda do xacemento

Cultura do País congratúlase de que a mobilización popular conseguira parar a venda do xacemento

Desde Cultura do País queremos manifestar a nosa satisfacción pola retirada da poxa do xacemento paleolítico de Pena Grande, confirmada hoxe documentalmente polo funcionariado do Ministerio de Facenda -mais aínda pendente de publicación no BOE ao irmos presentar a oferta económica. Somos conscientes de que, de non ser pola mobilización e a resposta popular encetada a partir do anuncio de Cultura do País para concorrer á poxa, nestes momentos non estariamos a celebrar a paralización do procedemento. Nos últimos días constatamos que, trala nosa decisión de constituírmonos como última liña de defensa na protección do xacemento, fomos capaces de mobilizar colectivos, medios e persoas implicadas nun mesmo obxectivo. Tamén fomos capaces de mobilizar algúns intereses inmanentes non moi confesábeis que, aínda que xurdiron como unha resposta reaccionaria ao noso anuncio; tamén serviron para evitar que a poxa seguira adiante.

Hoxe é un día de celebración e de parabenizármonos, de agradecer as múltiplas achegas económicas que recibimos e a difusión que se lle deu á nosa campaña por innumerábeis colectivos, persoas e medios; sendo radiografía do país que temos e do grao de consciencia que fica en defensa do patrimonio. Mais a loita non remata aquí. Como xa temos manifestado, cónstanos que nos últimos anos se teñen vendido a través dese mecanismo da poxa mámoas e castros en diversos puntos do noso país, polo cal debemos seguir a traballar para que se garanta que non se volven dar este tipo de situacións nas que o Estado fai caixa co patrimonio de todo o pobo galego e o entrega a intereses especulativos que poden ser lesivos para a súa conservación.

decembro: A raíña das velutinas, obradoiro de trompa e aniversario do himno

Rematamos o 2017 cunha intensa actividade en Cultura do País. O venres 15 de decembro a partir das 20:30 hs. no Lar presentaremos o libro ‘A raíña das velutinas’, de Lionel Rexes, gañador do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta 2016. O propio autor comentaranos unha historia que sitúa a dúas rapazas enviadas pola Consellaría de Medio Rural para combater a praga das vespas velutinas nunha casa de turismo rural, na que coinciden cun grupo de recuperación da memoria histórica.

O sábado 16 de decembro de 16:00 a 21:00 no Lar terá lugar o obradoiro de trompa de boca impartido por Daniel do Pando, que nos ensinará as claves deste instrumento idiófono tradicional que permaneceu vivo na montaña lucense. Non é preciso levar instrumento, pois será subministrado no propio obradoiro. O prezo do curso é de 25 euros (20 euros socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o 13 de decembro.

O mércores 20 de decembro cúmprense 110 anos desde a primeira interpretación do himno nacional no Centro Galego da Habana (Cuba), nunha función de homenaxe ao seu compositor, Pascual Veiga. Con motivo desta efeméride ás 21:00 hs. contaremos cunha actuación do Grupo Vocal Solo Voces no Xardín de San Roque, diante da estatua do compositor rexionalista Xoán Montes. Posteriormente, ás 21:15 hs. no Lar da Cultura do País a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro dará unha palestra sobre as manipulacións que sufriu e a iniciativa parlamentar que ela desenvolvera no seu día como deputada do grupo parlamentar do BNG para volverlle a súa letra orixinal ao  himno nacional.

Salvar Pena Grande: hoxe constituímos a garantía. A poxa segue vixente

Cultura do País constitúe a garantía para concorrer á poxa do xacemento de Pena Grande. A día de hoxe a poxa segue vixente

Como xa foi trasladado publicamente desde Cultura do País continuamos a campaña de recadación de achegas, que xa tivo unha importante resposta tan só nas primeiras horas de ser posta en andamento, malia as informacións que apareceron en algúns medios de comunicación que aventuran unha hipotética retirada da poxa do xacemento.

Queremos sinalar que até o momento non se tén producido ningún acto con forza legal nin actuación efectiva que retirara o xacemento da poxa e esta desenvólvese con total normalidade. Proba fefacente disto é que hoxe pola mañá vimos de constituír a garantía precisa como aval para podermos participar na poxa.

Observamos con preocupación como se están a lanzar mensaxes compracentes que, probabelmente polas presas por buscar unha solución a este despropósito, poden contribuír a desmobilizar a resposta popular. Cómpre permanecermos alerta pois unha mera declaración de intencións non é suficiente para efectivizar a retirada dos bens da citada poxa. É por isto que, mentres non haxa ningunha actuación oficial que confirme legalmente a paralización, a campaña de recadación segue en marcha e continuaremos a recibir apoios.