Salva o xacemento da Pena Grande

Como probablemente coñezas polos medios, o Ministerio de Facenda vai poñer á venda por terceira vez un inmoble no concello de Vilalba que contén os que probablemente sexan os restos máis importantes do Paleolítico Superior galego: o xacemento da Pena Grande.

Consideramos que esta situación non se debería ter dado. As institucións públicas están a incumprir o seu deber de velar polo patrimonio cultural do noso país dunha forma tan obscena como o é alienando o que xa era unha propiedade pública. Que lles impide mañán vender o castro de Viladonga, o dolmen de Dombate ou o petróglifo de Mogor? É insultante que pretendan facer caixa a costa do patrimonio do pobo galego.

A nosa esperanza é que alguén entre en razón e retiren o ben da poxa. Mais se isto non se produce, nós articularemos unha última vía para evitar que este patrimonio acabe en mans de intereses especulativos que poidan afectar á súa integridade. Non sería a primeira vez, só hai que lembrar as múltiplas denuncias que o asociacionismo galego en defensa do patrimonio ten presentado en relación a xacementos convertidos en eucaliptais ou canteiras.

Pensamos que a sociedade civil, ante a situacións deste tipo, non debe ficar parada nin laiándose, e debe dar resposta desde unha óptica auto-organizada. De aí o lema que escollemos para esta campaña: “Esperta do teu sono”, que ademais fai referencia a un verso do himno nacional.

Que podes facer para apoiar a campaña?
Podes facer achegas económicas, con calquera cantidade, para axudarnos a cubrir o importe da poxa. Toda achega é importante.
Podes axudar a difundir nas redes sociais, no teu círculo de amizades, podes enviarnos un vídeo de apoio á campaña ao seguinte enderezo: culturadopais@gmail.com
Podes tamén colocar un peto de recadación no teu local aberto ao público.

Como podes facer efectiva a túa achega?
Hai tres posibilidades:

1. A prioritaria, por razóns de urxencia, mediante ingreso na conta bancaria:
ES45 0081 2141 6200 0125 0928.
Titular: A.C. Cultura do País
2. Nos próximos días poremos en marcha un crowdfunding a través dunha das plataformas de micromecenado máis habituais
3. Haberá petos en diversos lugares para facer efectiva a túa axuda en metálico.

Que pasará co teu diñeiro?
No caso de que non se chegue a adquirir o ben, por calquera causa (retírano da venda, que sería o desexable; ou ben non chegamos a cubrir o importe ou a nosa oferta é superada): devolveremos integramente o importe a quen se identifique para tal fin.

No caso de adquirirmos o ben, comprometémonos a:

• dar voz de xeito efectivo na xestión a todas as persoas que colaboren economicamente co proxecto nas actuacións que se realicen para poñer en valor o xacemento.
• darase publicidade da súa achega a aqueles colectivos ou persoas que queiran.
• no caso de recadarmos máis diñeiro do prezo, dedicarase o excedente a proxectos de xestión sustentable e posta en valor do espazo que decidades.

Que prazo tes para colaborar?
Antes do domingo 10 de decembro debemos saber se imos dispór de fondos suficientes para presentar a oferta. Por iso pregámosche que, se tes pensado colaborar, o fagas canto antes. Porén, se finalmente presentamos a oferta, a campaña de micromecenado seguirá activa un tempo máis para completarmos os fondos necesarios para cubrir a oferta.

 

Máis en novembro: Magosto Asociativo e presentación de ‘Ocidente’

Despois dos actos polo aniversario do Manifesto de Lugo continúa a actividade no mes de novembro en Cultura do País. O vindeiro venres 24 de novembro participaremos no Magosto Asociativo, organizado pola Rede de Asociacións da que facemos parte. A festa comezará ás 19:00 hs. no Campo Castelo e contaremos coa actuación do grupo Os Amigos do Caldeiro.

O xoves 30 de novembro ás 20:30 hs. presentaremos o libro ‘Ocidente’, de Alberte Momán no Lar da Cultura do País. Esta obra, que amosa paralelismos con outras publicacións do autor, como a Triloxía Vattene ou Bosquexos para unha distopía, preséntase coa seguinte reflexión:

Atar é submeter.

Manter preso um animal com a pele de outro ani­mal.

A humilhação como a máxima expressão do domí­nio.

Submeter os escravos com a pele de outros escravos.

Aprendemos em crianças a falar a língua do homem branco, aquela do ocidente que se tornou universal, porque o ocidente só conhece uma língua.

Pego no copo, antes do primeiro sorvo olho ao redor e só vejo ocidente.

Sábado 18 de novembro: 99º Aniversario do Manifesto de Lugo

Un ano máis en Cultura do País celebramos o aniversario do Manifesto de Lugo, asinado o 18 de novembro de 1918 polos asistentes á Primeira Asemblea Nacionalista no Hotel Méndez Núñez. Para este 99º aniversario preparamos unha xornada de actividades que, como vén sendo xa tradicional, ten o seu colofón coa Festa Dandi, que vai pola súa IX edición.

A xornada comezará ás 12:30 da mañá diante do Hotel Méndez Núñez coa ofrenda floral unitaria que vimos promovendo desde hai anos por parte das entidades culturais nacionalistas da cidade. Despois de realizarmos varias convocatorias en datas históricas do nacionalismo que gardan relación con Lugo demos formato conxunto á Convocatoria Faraldo, marco de actuación que fai referencia ao papel de Antolín Farlado, militante da causa galega que defendera a independencia de Galiza na Asemblea Federal de Lugo de 1843 e fora Secretario da Xunta do Goberno Revolucionario de Galiza en 1846, obrigado a marchar ao exilio pola represión da ditadura de Narváez.

Pola tarde as actividades concentraranse no café O Mesón (r/ Cregos, 31), onde a partir das 20:00 hs. o grupo de teatro da Sociedade Cultural Medúlio de Ferrol interpretará a peza ‘Mal de moitos’ (1915), escrita polos membros da Irmandade ferrolá Uxío Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Esta representación, dirixida e adaptada por Francisco Rodríguez Sánchez, que exporá unha contextualización previa do tempo das Irmandades da Fala, e será interpretada por Roberto e Felipe Vázquez Fernández.

Mo mesmo emprazamento a partir das 22:00 hs. terá lugar a Festa Dandi, coa actuación do grupo “decano” deste evento, os ‘Airiños da Freba’, que veñen de presentar recentemente o disco “O’de Lacón”. Como xa é tradicional, outorgaranse os Premios Dandi -que van pola VIII edición- ás persoas asistentes mellor caracterizadas coa estética dandi dos anos 20. A entrada aos eventos (teatro e concerto incluídos) custa 5 euros.