31 de outubro: VIª edición do Lugo de Medo

Chega a noite de Samaín e, con ela, o Lugo de Medo. Nesta sexta edición temos preparada unha xincana do medo, na que as persoas participantes terán que superar probas terroríficas nos recunchos máis escuros da cidade. A actividade comezará ás 22:00 hs. no Lar da Cultura do País e, ao remate, contaremos historias de lobos, de trasgos, de mouras e de ánimas do alén con caldo e queimada… ímolo pasar de medo!

e despois do San Froilán… máis Cultura do País

Aínda coa resaca do San Froilán continuamos a programar actividades en Cultura do País. Volven outro ano máis os cursos de canto e pandeireta tradicional. Desta volta redobramos oferta con aulas de mañá e de tarde. Os cursos da mañá impartiraos os xoves Branca Villares, en horario de 11:00 a 12:oo para iniciación e 12:00 a 13:00 para o curso básico. A docencia vespertina correrá a cargo de Pepa Yáñez, que incorporará tamén ás aulas a ensinanza doutras percusións, os mércores de 20:00 a 21:00 iniciación e de 21:00 a 22:00 perfeccionamento. O custo dos cursos é de 20 euros ao mes (15 euros para socios/as de Cultura do País). Podedes obter máis información e inscribirvos en culturadopais@gmail.com.

O domingo 22 de outubro realizaremos a inspección de outono do río Ladra, encadrada dentro do Proxecto Ríos. Sairemos ás 9:30 de diante da Facultade de Formación do Profesorado e dirixirémonos ao Clube Fluvial de Begonte para testar o estado de saúde ambiental do río. Recoméndase traer roupa e calzado axeitados para andar e bocata ou similar para comer durante a inspección. Podédesvos anotar até o 19 de outubro en culturadopais@gmail.com.

E a última fin de semana do mes organizamos unha viaxe de dous días á comarca da Limia e o Alto Tâmega. Visitaremos Montalegre, o Couto Mixto, Vilar de Santos e Xinzo. A viaxe partirá o sábado 28 de outubro ás 9:00 de diante da Facultade de Formación do Profesorado -onde nos repartiremos en carros- e farase pernocta no Albergue de Vilar de Santos. O custo da viaxe é de 55 euros (45 € socios/as) e inclúe aloxamento e almorzo, entrada do museo, cea do sábado e xantar do domingo. Inscricións en culturadopais@gmail.com até o mércores 25 de outubro.

San Froilán: fútebol gaélico e Oktopusfest

Outro ano máis volta o San Froilán, a máis bela das festas do outono, e en Cultura do País volvemos recibir unha nova tempada da Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto coa nosa equipa, as Torques de Lugoslavia, defendendo o título de liga. A primeira xornada terá lugar no Campo Municipal de Nadela o sábado 7 de outubro a partir das 16:00 hs. cos partidos Torques -Buril e Fanecas Bravas -Cascarilha. Ao remate celebrarase o terceiro tempo no Bodegón A Fouce.

E o xoves 12 de outubro, como todos os anos, celebramos a Oktopusfest, a festa do polbo e da cervexa, que xa vai pola quinta edición. A polbada comezará ás 14:30 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1-baixo 5) e terá un prezo de 15 euros (12 euros para socios/as da nosa Asociación). Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o martes 10 de outubro. 

Este ano incorporamos unha nova actividade á Oktopusfest: ás 18:00 hs. faremos unha cata de cervexas artesás da comarca, que será comentada por Jesús Rivera. Por 10 euros degustaremos as cervexas Bubela Loura (Lugo), Aloumiña Tosta e Orixe (Lugo), Casa Agrexo Buxo (Vigo de Mosteiro, Guntín) e Cova da Serpe Imperial Stout (Lugo), aprezando os matices e características de cada variedade. Podédesvos inscribir e recibir máis información en fillos.da.malte@gmail.com