Sábado 1 de xullo: Xantar celta

Como xa vén sendo tradicional en Cultura do País, con motivo da invasión romana da nosa cidade por mor do Arde Lucus, celebraremos outro ano máis un xantar de confraternidade céltica, que terá lugar o vindeiro sábado 1 de xullo no Lar da Cultura do País a partir das 14:00 hs. O custo do xantar será de 12 euros/persoa. Podédesvos anotar até a sexta feira (venres) 30 de xuño en culturadopais@gmail.com

Romani ite domum!

mércores 7 de xuño: As Encrobas. A ceo aberto

Este ano cumpriuse o 40 aniversario da loita das veciñas da parroquia cercedense das Encrobas contra as expropiacións para a construción da mina de carbón da central térmica de Meirama. En Cultura do País non quixemos deixar pasar esta efeméride para facer memoria dun dos episodios máis relevante en defensa da terra no posfranquismo.

Este evento terá lugar, en formato videoforo, o vindeiro mércores 7 de xuño a partir das 20:00 no Lar da Cultura do País, coa proxección do documentario ‘As Encrobas. A ceo aberto’ (2007), de Xosé Antón Bocixa. Acompañarannos no acto o director do documentario e máis a profesora de Antropoloxía Social da USC Elena Freire Paz.