Abril… sempre!


Comezamos o mes de abril en Cultura do País celebrando outro ano máis un acto de homenaxe polo aniversario do levantamento provincialista do 2 abril de 1846 na nosa cidade, que rematou co fusilamento en Carral dos dirixentes da revolta. Esta actividade, que se fará en colaboración co centro social Mádia Leva e varias organizacións xuvenís, dará comezo o vindeiro sábado 1 de abril ás 19:3o cun acto político na Praza Mártires de Carral. No acto participará facendo unha representación a Asociación Abril de Lume e Ferro, de Carral. Posteriormente dirixirémonos ao Mádia Leva, onde terá lugar unha festa con foliada e picada de música galega a cargo do DJ Mourinho.

O mércores 5 de abril ás 20:00 no Lar da Cultura do País terá lugar unha nova actividade do ciclo 1917-2017: De febreiro a outubro, en conmemoración do Centenario da Revolución Bolxevique. Desta volta proxectaremos o filme Alexander Nevsky (S. Eisenstein, 1938), de temática histórica sobre o príncipe de Novgorod, pai da patria rusa, que no S. XIII enfrontou as invasións suecas, teutonas e mongois.

Abril é tamén para Cultura do País o mes da lusofonía, coa programación dun dos eventos máis consolidados no noso calendario: a Noite da Lusofonía, que vai xa pola súa sétima edición. Nesta ocasión volvemos acoller a Gonçalo Guerreiro, quen xa ten participado noutras edicións, que presentará o seu novo disco ‘Ar’. O concerto terá lugar o venres 21 de abril a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22). O prezo da entrada é de 3 euros. Previamente organizaremos unha cea lusófona no Lar ás 21:00. Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o 19 de abril. O prezo da cea é de 15 euros (pack cea+concerto=15 euros).

Vai chegando a primavera… cultural

Xa se achega a primavera en Lugo e na Cultura do País temos unha chea de actividades para recibirmos o equinoccio. O venres 17 de marzo celebraremos, como xa vén sendo tradicional na nosa Asociación, a festa suevo-irlandesa polas efemérides de San Patricio -festa nacional irlandesa (17 de marzo)- e San Martiño de Dumio (20 de marzo), bispo de Braga no século VI e artífice da conversión ao cristianismo do Reino Suevo, primeiro reino independente en Europa tras a caída do Imperio Romano. O lugar de celebración será outro ano máis o Bodegón A Fouce a partir das 21:00 hs. Non faltarán na celebración os suevitos quentes, a cervexa artesá de billa Casa Agrexo; e máis unha selección de música irlandesa e alemá. Esta festa, que celebramos xa por terceiro ano consecutivo, vaise consolidando aos poucos no noso País e este ano xa son varias as localidades -ademais de Lugo- que organizan festas deste tipo: Compostela, A Estrada, Carballo, Ferrol e Pontedeume.

O venres 24 de marzo temos fútebol no Lar… si, fútebol!… e ciclismo!… si, ciclismo! Martiño Suárez e Carlos Meixide liberarán polo noso local as feras do particular zoolóxico de deportistas desviados recollido no libro ‘Bestiario do vestiario’, que compila textos da sección do mesmo nome publicada no seu día no xornal Dioivo. Este lanzamento, amenizado coa actuación do grupo Grampoder, terá lugar no Lar da Cultura do País a partir das 20:30 hs. Pioneiras incomprendidas, goleadores borrachos, nazis, ciclistas drogados, ‘hooligans’ bizantinos, campións negros, perdedores exemplares, rastafaris, filósofos gregos, santos, espías da RDA, Elvis e Bob Marley…  compartirán con nós uns petiscos e un sorriso nesta presentación.

E chegada a primavera toca roteiro da Semente Lugo. Cultura do País colaborou coa campaña de microfinanzamento deste centro de ensino en galego -do que facemos parte como entidade asociada- ofertando como recompensa a participación en algúns dos roteiros que programamos ao longo do ano. Nesta primavera organizaremos mensualmente un roteiro guiado por diversos espazos do concello de Lugo e con diferentes temáticas formativas para crianzas e maiores, que será de asistencia gratuita para socios/as de Cultura do País e mecenas da Semente Lugo. O primeiro destes roteiros estará adicado á fauna do Río Miño, que nos amosará o noso socio Roi Cuba o domingo 26 de marzo a partir das 9:00 diante da Ponte Romana. Este roteiro é de dificultade baixa, cun percorrido aproximado de 6 km. Cómpre levar comida para facermos un xantar de convivio no Parque do Miño. Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com.

De febreiro a outubro e roteiro pola Ribeira Sacra

Co mes de marzo comezamos a desenvolver un ciclo de actividades que titulamos ‘1917-2017: De febreiro a outubro’, en conmemoración do Centenario da Revolución Bolxevique. Mensualmente organizaremos unha actividade dentro desta dinámica, sendo a primeira delas a proxección de cinema mudo ‘Stachka’ (‘A greve’), de Serguei M. Eisenstein (1925), que versa sobre o conflito nunha fábrica na Rusia de 1903. O filme está subtitulado en galego internacional. Fixemos coincidir esta actividade coa celebración do Día da Clase Operaria Galega, de forma que terá lugar o vindeiro venres 10 de marzo a partir das 22:00 hs. no Lar da Cultura do País.

O sábado 11 de marzo faremos o primeiro roteiro deste ano, visitando a Ribeira Sacra. Sairemos ás 9:00 hs. de diante da Facultade de Formación do Profesorado, para repartirnos en carros. Durante a xornada visitaremos a explotación gandeira Casa da Fonte, en Mañente (Pantón), achegarémonos ao románico das igrexas de Pombeiro e San Cosmede, ás tumbas antropomorfas en pedra do Preguntoiro e os viñedos da Touza e Amandi. Despois de xantar visitaremos o Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao) e a Feira do Viño de Chantada. O custo da actividade é de 20 euros (18 euros para socios/as de Cultura do País). Podédesvos anotar en culturadopais@gmail.com até o xoves 9 de marzo.