Sexta 3 de Junho, videoforo: ‘Porta para o exterior’

13241495_10204751200819475_1265875837_o

A vindoura Sexta-Feira 3 de Junho ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1-baixo 5) vai ter lugar a projeção do documentário ‘Porta para o exterior’, de Sabela Fernández e José Ramom Pichel, que estarão presentes no acto.

Avançamos o tráiler do documentário, do que podedes ler uma crítica de João Aveledo na seguinte ligação:

Uma Porta para o Exterior

Feito de Terra e máis de Amor: compilatorio de imaxes e vídeo

Xa podedes ver na rede o traballo de gravación e montaxe que GZ Vídeos fixo sobre a función de homenaxe a Manuel María ‘Feito de terra e máis e amor’, que celebramos o pasado 15 de maio na Casa Museo do autor en Outeiro de Rei.

Tamén podedes ollar as fotografías tiradas pola nosa compañeira Sila Cela, que documentan tamén o acto, na seguinte ligazón da nosa páxina de facebook:

Feito de Terra e máis de Amor. Album

Puxémoslle terra e máis amor, evitando caer na ostentoriedade nin en actitudes pretenciosas; coa intimidade e a sinxeleza coa que el nomeaba e describía as cousas, mais coa grandeza de sabermos que é unha peza indisociábel do que nós somos, de como nos definimos, da Cultura deste País.

Queremos facer público, máis unha vez, o agradecemento ás persoas que de forma desinteresada e poñendo o mellor das súas habilidades artísticas e coñecementos ou medios técnicos fixeron posíbel coa súa impagábel colaboración un evento digno do autor homenaxeado. Elas dannos azos para continuar a pór en maiúsculas a cultura viva deste País.

Son terra. Eu estou feito de terra
e máis de amor. O meu corazón é
un penedo ao que só pode fender
a dinamita. O meu corpo está feito
de vales, de outeiros e de corgas.
O meu sangue é un regueiro, un río,
un océano que canta e se enfurece.
A miña alma é un vento levián.
A miña voz é un chío case imperceptíbel
como o rumor dun regueiro entre
xuncais. 
(Fragmento do poema: “O autor fala de si”,
Remol, Manuel María).

20160515_204214