Abril-maio: mes da lingua e moito máis

culturaciclostilv2 (1)

Aínda remoendo a lembranza das pezas de Leo Minax e Paulo Silva na VIª Noite da Lusofonia, Cultura do País afronta un mes e medio cheo de actividade.

COXEGASO venres 29 de abril a partir das 20:00 no Lar da Cultura do País terá lugar a presentación do libro Cóxegas no corazón. Ollada dunha veterinaria da Galicia interior, na que contaremos coa presenza da autora, Eva Cabanelas, que versa sobre a súa experiencia laboral e estudantil con especial referenza ao seu paso polas terras de Lugo.

ROTEIROULLOAComo remate do mes de abril, e aproveitando a primavera e o bo tempo, retomamos a tempada de roteiros cunha visita á comarca da Ulloa para o vindeiro sábado 30 de abril. O punto de encontro é diante da Facultade de Formación do Profesorado ás 10:00 para repartirnos en carros. Visitaremos os frescos e a igrexa románica de Vilar de Donas e o Castelo de Pambre no concello de Palas. Posteriormente dirixirémonos á Eira da Xoana, proxecto comunitario de posta en valor do medio ambiente e da cultura galega executado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) en Ramil (Agolada). Alí xantaremos e exporannos a actividade que fan alí e os obxectivos do proxecto. Pola tarde visitaremos as torrentes do Mácara para rematar a viaxe cunha sesión termal no Spa de Pambre. O prezo da viaxe é de 20 euros por persoa (18 euros para socios/as de Cultura do País). Podedes inscribirvos até o venres 29 de abril en culturadopais@gmail.com.

O mes da lingua comezará forte cunha completa xornada sobre a pequena edición, á que lle puxemos o carimbo de Cultura Ciclostil. Esta xornada desenvolverase no Lar da Cultura do País o sábado 7 de maio a partir as 11:00 en xornada de mañá e tarde. A finalidade é dar a coñecer os proxectos editoriais e a creación literaria e musical de pequena edición, cun mercado no que participarán unha boa representación das pequenas editoriais do país; mais tamén con actividades que dean a coñecer libros ou discos e amenicen a xornada: sesión vermú a cargo do cantautor Xosé Constenla (13:00), recital poético (19:00) e concerto do grupo de música tradicional Os Minhotos (20:30).

13054571_10204594692946876_1496672826_oSendo adicado este ano o Día das Letras ao poeta da Terra Cha, Manuel María, non podiamos deixar pasar a data sen organizarmos unha actividade sobre a súa obra. Esta xornada de homenaxe celebrarase o domingo 15 de maio a partir das 18:00 hs. na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, e consistirá nunha función multidisciplinar que terá como fío condutor a danza contemporánea, conxugando poesía, música e audiovisual; nunha sesión á que lle puxemos o título Feito de terra e máis de amor, recollendo a definición que se si mesmo fixo no seu día o autor homenaxeado. Seguiremos informando das múltiplas colaboracións artísticas implicadas no evento. Un acto a non perder!

 

Sábado 23 de abril: VIª Noite da Lusofonía

lusofonia2016v2

Con abril volve outro ano máis a Noite da Lusofonía, que xa vai pola sexta edición. Desta volta contaremos coa actuación do cantautor brasileiro Leo Minax, que nos amosará as pezas da súa ampla gama discográfica o vindeiro sábado 23 de abril a partir das 23:00 no Clube Clavicémbalo (R/. Paxariños, 22). O custo da entrada é de 3 euros.

Nesta edición quixemos complementar a actuación coa degustación dun menú tradicional dos países lusófonos. Celebraremos unha cea lusófona previa ao concerto, ás 21:00 hs. no Lar da Cultura do País. O custo da cea é de 15 euros e podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o 21 de abril. Como xa temos feito noutros eventos, ofrécese o pack gastronómico-musical: cea+concerto= 15 euros.