Abril… de lume e ferro

cartazcultura

O mes de abril en Cultura do País segue a ser de conmemoración. Desta volta, polo 170 aniversario da Revolución Galega de 1846, o levantamento de Solís en Lugo o 2 de abril contra a ditadura de Narváez e a división do país en provincias. O propio sábado 2 de abril a partir das 12:00 hs. organizamos un acto de aniversario dos Mártires de Carral na praza que, desde hai un mes leva de novo ese nome. Cómpre lembrar que desde Cultura do País solicitaramos xa hai varios anos ao Concello de Lugo que repuxera o nome que tiña esa praza antes do golpe de estado de 1936 en aplicación da lexislación sobre memoria histórica, medida que se tomou recentemente. Deste xeito, o acto, que organizamos conxuntamente coa Sociedade Cultural Mádia Leva e co Carneiro Alado, servirá de inauguración oficiosa da Praza Mártires de Carral. No acto contaremos coa interpretación dunha pasaxe da obra de teatro Abril de Lume e Ferro, de Manuel María, a cargo de membros da Asociación Cultural e Teatral “Abril de Lume e Ferro”, de Carral, que cada ano rememoran os feitos dese abril de 1846.

12472297_1017477208347239_5124057352322806451_nO venres 8 de abril ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País terá lugar a mesa redonda sobre a lingua Camiñando con ilusións. Mil primaveras máis para o galego, na que intervirán o escritor Xosé Miranda, a cantante Pilocha e o músico e escritor Xurxo Souto, que a través das súas verbas e cancións nos darán folgos para un mes da lingua que este ano está centrado na figura do poeta da Terra Cha, Manuel María.

E Abril tamén é unha data marcada no calendario da lusofonía…

 

Marzo: fontes do Miño e festa suevo-irlandesa

12516809_10204268221145285_986220858_o

Continúa a nosa actividade en marzo cun novo formato de pequenos roteiros de tarde para coñecer algunhas zonas próximas a Lugo. A primeira destas actividades terá lugar o domingo 13 de marzo, e será un roteiro no que visitaremos as fontes do Miño: o seu nacemento, no Pedregal de Irimia, e máis Fonmiñá.  Achegarémonos tamén ao Mosteiro Cisterciense de Meira e máis ao Castro de Viladonga. O punto de encontro para a saída é diante da Facultade de Formación do Profesorado, ás 16:00 hs., onde nos distribuiremos en carros. Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com. A actividade é gratuita.

En Cultura do País celebraremos outro ano máis unha festa de irmandade galaico-irlandesa con motivo da proximidade das efemérides de San Patricio -festa nacional irlandesa (17 de marzo)- e San Martiño de Dumio (20 de marzo), bispo de Braga no século VI  e artífice da conversión ao cristianismo do Reino Suevo, primeiro reino independente en Europa tras a caída do Imperio Romano.

12810126_10204268036060658_2033419686_oA festa suevo-irlandesa terá lugar o vindeiro venres 18 de marzo a partir das 21:00 hs. no Bodegón A Fouce (R/. Ramón Montenegro), na que desfrutaremos dunha ampla selección de música irlandesa e alemá, ademais de cervexa artesá e os xa afamados suevitos quentes. Dentro da programación do evento inclúese a inauguración dunha exposición sobre o fútebol gaélico que permanecerá pendurada nese local e que serve de conmemoración do terceiro aniversario da nosa equipa de fútebol gaélico mixto, as Torques de Lugoslavia, que por estas datas hai tres anos comezaban a organizarse e preparar os primeiros adestramentos para competir na Liga Gallaecia. Seguidamente observaremos un partido da liga irlandesa de fútebol gaélico.