Festival de cantigas de Nadal e aniversario de Pardo de Cela

festival de noso

En Cultura do País quixemos dar este ano á tradicional foliada de Nadal dos nosos cursos de música tradicional unha dimensión meirande. Faremos un festival de cantigas de Nadal e cantos de Reis polo barrio de Paxariños, para compartir coa nosa veciñanza a tradición dos cantos de Nadal. Esta actividade terá lugar o vindeiro xoves 17 de decembro a partir das 20:00 hs. e comezará no Bodegón A Fouce, para despois percorrer todas as tabernas do barrio. Para facilitar a participación das asistentes editamos un libriño coas cantigas que repartiremos no percurso do festival.

cartel pardoNestas datas de Nadal veuse celebrando tradicionalmente por parte do movemento nacionalista galego o aniversario da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela en 1483 por orde dos Reis Católicos por opórse á imposición da política do Reino de Castela naquela altura. Desta volta a nosa Asociación realiza un acto conxuntamente cos centros sociais Mádia Leva e Carneiro Alado en lembranza deste feito histórico, que terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro ás 13:00 hs. no Claustro do Museo Provincial de Lugo, ao carón de onde se exhibe a cadea denominada ‘Mariscala’, coa que foi preso Pardo de Cela, e onda o seu escudo de armas. Neste acto intervirán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, e o escritor Darío Xohán Cabana.

Venres 11 de decembro: presentación de Seique

susanaarins

O vindeiro venres 11 de decembro a partir das 20:00 presentarase no Lar da Cultura do País o libro Seique, obra de Susana Sánchez Arins editada pola Através Editora na que trata a temática da memoria histórica reconstruíndo unha historia familiar sobre a represión por medio dos testemuños orais que foi recollendo. Participarán no acto de lanzamento, ademais da autora, a escritora Verónica Martínez Delgado e o historiador Antón Somoza.