Sábado 7 de novembro: roteiro por Samos

roteirosamos

Voltan os roteiros de Cultura do País cunha viaxe a Samos, que temos programada para o vindeiro sábado 7 de novembro. Quedamos ás 9:30 diante da Facultade de Formación do Profesorado para repartirnos en carros e dirixirnos a Lóuzara, onde percorreremos o roteiro que lembra o poeta Fiz Vergara Vilariño. Pola tarde visitaremos a Abadía de Samos, dando a coñecer o seu valor arquitectónico e histórico na Idade Media en relación ao Reino de Galiza.

O custo da actividade é de 22 euros (inclúe xantar e visita guiada), con prezo reducido de 18 euros para socios/as de Cultura do País. Podedes facer as inscricións en culturadopais@gmail.com até o xoves 5 de novembro.

Xoves 29 de outubro: Lugo de Medo

Lugo de medo

En Cultura do País imos creando ambiente na semana do Samaín cunha sesión de contos de medo: a cuarta edición do Lugo de Medo. Esta actividade, que terá lugar o xoves 29 de outubro a partir das 22:15 no Lar da Cultura do País, constará da proxección do documentario ‘Em companhia da morte’, filmado na freguesía de Castro Laboreiro (Melgaço) por Vanessa Vila Verde, Eduardo Sanches Maragoto e João Aveledo, quen nos acompañará comentando o documentario e participando na sesión aberta de contos de medo que seguirá á proxección.

Quixemos facer unha actividade participativa na que as persoas que asistan traian unha historia de medo que contar como se facía tradicionalmente arredor dunha lareira.  Acompañaremos a sesión cuns petiscos e caldo quente. O custo da entrada é de 3 euros.

Perde o medo! conta a túa historia!

Lugo de medo!

 

23 a 25 de outubro: obradoiro de danza

cartazmaria

Xa recuperadas das festas, continúa a actividade en Cultura do País cun obradoiro de iniciación á danza contemporánea. Os aspectos que se ensinarán nesta actividade son: coñecemento elemental do propio corpo, estiramentos, coordenación entre movemento e música, traballo de escoita individual e colectiva e procura da expresión a través do movemento corporal.

Terá unha duración de 9 horas repartidas entre o venres 23 e o domingo 25 de outubro e será impartido por María José Pérez González no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº1-baixo 5).  Venres e sábado as sesións serán de 17:00 a 20:00 hs. e o domingo de 11:00 a 14:00. Como clausura, co aprendido no obradoiro, farase unha performance de carácter voluntario para o alumnado na Praza do Cantiño, ao carón da Porta Toledana da Muralla, na que actuará a compañía de danza Lembranzas, o domingo 25 de outubro a partir das 18:00.

María José Pérez González, Licenciada en Humanidades pola USC é socia de Cultura do País. Formouse en danza contemporánea na USC, de onde formou parte das súas compañía de danza con pezas como: A Escoita do corpo, 5 elementos, Clic ou A onde se fugan os valentes. Como creadora, directora artística, coreógrafa e intérprete ten participado en compañías de danza independente como Zur2-Danza, KAOS ou LEMBRANZAS.

O custo desta actividade é de 20 euros (prezo reducido de 15 euros para socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com até o mércores 21 de outubro.

Luns 12 de outubro: Oktopus Fest!

12113044_10203589266571845_2143923653_o

Cultura do País, como xa vén sendo tradicional, celebra no remate das festas do San Froilán a Oktopus Fest, festa gastronómica de exaltación do cefalópodo e da cervexa. Será o vindeiro luns 12 de outubro ás 14:30 hs. no Bodegón A Fouce (R/ Ramón Montenegro). O prezo do xantar ten un custo de 15 euros, con prezo reducido de 12 euros para socios/as de Cultura do País. Podédesvos inscribir até as 14:00 hs. do venres 9 de outubro en culturadopais@gmail.com.

Ao remate do xantar, a partir das 17:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1- baixo 5) proxectaremos o documentario ‘Entre Línguas’, realizado por João Aveledo, Eduardo Maragoto e Vanesa Vila-Verde, que amosa a realidade de diferentes lugares limítrofes con Portugal mais integrados no estado español por diferentes circunstancias históricas.

Dado que o 12 de outubro é unha data escollida como celebración do imperalismo español (‘día de la raza’ ou ‘hispanidad’, ocupación de América), desde Cultura do País queremos facer un chamamento a pendurar bandeiras galegas en resposta a unha data que representa a opresión dos pobos e cuxa simboloxía e valores non representa ao pobo galego.