San Froilán… do país

Foliada de Noso

Outro ano máis, Cultura do País ten unha programación completa para as festas do San Froilán. Xa na súa terceira edición, a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto comezará coincidindo co San Froilán. Desta volta, con dúas novas equipas, a xornada inaugural constará de tres partidos que se xogarán no campo de Nadela o sábado 3 de outubro a partir das 15:00. Ás 19:00 está previsto que comece o partido da nosa equipa de fútebol gaélico, as Torques de Lugoslavia, que se enfrontará ás Afiadoras de Ourense, no xa clásico e desputado “derbi do Interior”.

xornada LigaAs 20:30 é a hora e o Bodegón A Fouce (R/Ramón Montenegro) é o lugar da música tradicional o vindeiro sábado 3 de outubro. A Foliada de Noso congregará a varios grupos da zona: A Volta do Agro, Frebud@s, Xaora, Son de Cores (Becerreá) e a virtuosa actuación estelar do grupo de Pandeir@s do Lar de Cultura do País; que amenizarán o terceiro tempo gaélico e farán festa polo barrio.

PFrO domingo 4 de outubro o Lar da Cultura do País será escenario do I Congreso do Partido Froilanista, baixo o lema “O retorno do Rei”, que ten programada unha ampla xornada de actividades. Dará comezo cun Acto de Afirmazón ás 17:00 diante da igrexa de San Froilán e un pasarrúas até a sé do Congreso; que terá lugar ás 18:00 hs. no Lar. Unha vez concluídos os debates, aprobadas as teses e elixido o Alto Almirantazgo do Partido, ás 19:00 no Bodegón A Fouce organizarase un baile coa actuación do Puto Coro do Exército Froilanista, Os Tres Trebóns e O Leo i Arremecaghoná. Ás 21:00 celebrarase unha cea. Para as adhesións ao partido e reservas para a cea podédesvos anotar en oretornodorei2015@gmail.com.

Mércores 23 de setembro: benvida a Lugo

Benvida a Lugo

Cultura do País organiza por cuarto ano consecutivo, en colaboración coa Liga Estudantil Galega e co colectivo Proxéctate en Galego da Universidade de Santiago de Compostela, a xornada de benvida a estudantes de intercambio que están a estudar no Campus de Lugo.

Esta actividade terá lugar a tarde do mércores 23 de setembro e comezará ás 16:00 cunha visita guiada polo Campus a cargo de profesorado e persoal investigador da USC. Ás 18:00 hs., desde a Facultade de Formación do Profesorado, comezará un roteiro pola zona histórica da cidade guiado por un historiador.

A xornada rematará ás 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 6-baixo 1), cunha recepción gastrofestiva na que a música tradicional será a principal protagonista.

Setembro: comezo de curso no Lar

12005737_10206405901780857_1629644129_oCon este cartaz artesanal elaborado con destreza por Xes e Brais anunciamos que en setembro volven os cursos ao Lar da Cultura do País. Continuaremos apostando pola música tradicional, este ano con oferta ampliada: incorporamos aulas de pandeira da montaña, que se engaden ás xa consolidadas de pandeireta e pandeiro cadrado, impartidas pola profesora Branca Villares.

As aulas serán os xoves, cos seguintes horarios:

19:00-20:00 pandeireta

20:00-21:00 pandeiro cadrado

21:00-22:00 pandeira

Fica aberto o período de inscrición no mes de setembro, no que xa comezarán as aulas. Información e inscricións en  culturadopais@gmail.com ou no telefone 651672551.