30 e 31 de maio: roteiro a Valdeorras

roteirovaldeorras4

Cultura do País remata o mes de maio cun roteiro á comarca de Valdeorras, visitando Pena Trevinca e a Cidade da Selva (campamento da guerrilla antifranquista), Petín, o petróglifo de Valdegodos, Xagoaza e o Castro nunha actividade que durará toda a fin de semana. Sairemos o sábado 30 ás 8:30 de diante da Facultade de Maxisterio, desde onde organizaremos o desprazamento en vehículos particulares até os lugares que visitaremos. O custo da actividade é de 40 euros para persoas non asociadas a Cultura do País, e prezo reducido de 35 euros para socios/as da Asociación. Este prezo inclúe os gastos de aloxamento, cea nunha cova en Vilamartín de Valdeorras e xantar do domingo. O custo do combustíbel de cada vehículo repartirano entre as persoas ocupantes e non se inclúe neste prezo.

Podedes inscribirvos en culturadopais@gmail.com até o xoves 28 de maio. 

 

Sábado 23 de maio: xornada de reflexión gaélica

xornada reflexión gaélica

O vindeiro sábado 23 de maio é a xornada de reflexión das eleccións municipais. A nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, ten preparada unha xornada gaélica coa que reflexionar unha vez rematada a segunda edición da Liga Gallaecia e agardando a competición en novos torneos. Este evento será tamén unha celebración do segundo aniversario da posta en andamento da equipa, que tivo o seu primeiro adestramento o 3 de maio de 2013.

A actividade comezará ás 12:30 cun partido amigábel no Campo de Nadela contra un combinado de xogadoras das demais equipas da Liga Gallaecia. Animamos ás Nadela Partisans e siareiras en xeral vir torcer pola nosa equipa e refrescar a gorxa no ambigu que instalaremos na cancha.

Rematado o partido, dirixirémonos ao espazo polifuncional da feira de Gomeán (O Corgo), onde terá lugar a polbada de aniversario torquista. Serán  benvidas as siareiras e amigas da equipa con fame de cefalópodo.

Estamos en guerra… pero hai que reflexionar!

Forza Torques!

17 de maio: xantar e mascarada linguófila

letras2015v3

O 17 de maio celebramos o Día das Letras en Cultura do País. Desta volta temos preparado unha xornada chea de actividade no Lar. Comezaremos ás 14:30 cun xantar. Na sobremesa proxectaremos o documentario Decreto Filgueira, creado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL). Este evento compleméntase cunha mascarada linguófila, que consistirá nunha festa de disfraces con motivos relacionados coa lingua.

O custo do xantar é de 8 euros. Podedes anotarvos até o venres 15 de maio en culturadopais@gmail.com

Peña Novo e Mártires de Carral, ben; Ramón Ferreiro, mal

 

cartel antifascista21

Desde Cultura do País queremos parabenizarnos polo acordo tomado polo Concello de Lugo relativo ao cambio de nomes do rueiro en relación coa Lei de Memoria Histórica. A nosa Asociación xa ten reclamado desde 2011 que se tomaran medi
das neste sentido e ten presentadas nestes últimos anos varias propostas para dar nome ás rúas do Concello.

Celebramos a toma en consideración por parte do Concello de dúas das propostas feitas por Cultura do País. Así, a rúa Tenente Coronel Teijeiro pasará a chamarse Lois Peña Novo e a Praza Comandante Manso recuperará o nome de Mártires de Carral, que xa tiña antes do golpe de Estado de 1936. Malia a valorarmos positivamente o cambio no rueiro, amosamos a nosa decepción polo carácter incompleto deste, que deixa aparcada outra solicitude nosa referente á Avenida Ramón Ferreiro, que leva o nome do Jefe Provincial do Movimiento e procurador nas Cortes franquistas nos primeiros anos despois do golpe. En outubro de 2011 Cultura do País pedira que se puxera a esa avenida o nome do poeta monfortino Lois Pereiro, ao que se adicaba o Día das Letras daquel ano.

Botamos en falta unha actuación decidida na eliminación de simboloxía e nomenclatura fascista dos espazos públicos. Consideramos que a lexislación é ben clara ao respecto e tan só se trata de ter vontade de aplicala. Porén, desde a nosa Asociación seguiremos presionando e presentando propostas para que se tomen medidas ao respecto.