Xoves 19 de marzo: festa suevo-irlandesa

SM Dume

Xa chega o 19 de marzo, data escollida na Galiza para celebrar unha xornada nacional de irmandade galaico-irlandesa que foi impulsada pola Gentalha do Pichel e secundada por varios espazos culturais polo país adiante, enre os que se atopa Cultura do País.

O motivo é a coincidencia da celebración do San Patricio, festa nacional irlandesa (17 de marzo) coa efeméride de San Martiño de Dumio (20 de marzo), bispo de Braga no século VI  e artífice da conversión ao cristianismo do Reino Suevo, primeiro reino independente en Europa tras a caída do Imperio Romano.

Os fastos suevo-irlandeses comezarán ás 22:00 hs. no Lar da Cultura do País, cunha foliada, música tradicional galega e irlandesa; e o irmandamento gastronómico con “suevitos quentes” e cervexa Guiness. Tamén servirá de adestramento do terceiro tempo para as xogadoras das Torques de Lugoslavia, a nosa equipa de fútebol gaélico, que afronta unha nova xornada da Liga Gallaecia o vindeiro sábado 21 de marzo en Compostela.

Non faltedes!

Xoves 12 de marzo: visita á colección de ourivesaría do Museo

visitatorques

Desde Cultura do País congratulámonos de que se conseguira que a colección de ourivesaría cedida por Álvaro Gil ao Museo Provincial puidera ficar finalmente no que fora o seu destino inicial, logo de que a Área de Cultura da Deputación Provincial fixera as xestións para a súa adquisición. Con motivo desa boa nova para o noso patrimonio histórico organizamos unha visita á colección. Este acto terá lugar o vindeiro xoves 12 de marzo ás 19:15 hs. contará coas explicacións de José Miguel Ramos Cuba, historiador e Mestrado en Xestión do Patrimonio Cultural e Museoloxía.

Marzo: roteiros e festa suevo-irlandesa

AS Mariñas

En marzo retomamos a tempada de roteiros en Cultura do País. O vindeiro sábado 14 de marzo partiremos cara á comarca das Mariñas , visitando os concellos de Betanzos e Sada. Sairemos ás 9:30 hs. de diante da Facultade de Maxisterio, con parada na antiga capital de provincia do Reino de Galiza para visitar o Museo das Mariñas e o casco histórico, para despois dirixirnos ao Museo do Castro e percorrer o patrimonio arqueolóxico, cultural e paisaxístico de Sada. O custo da actividade é de 16 euros para socios/as de Cultura do País e 25 euros para non socios/as (inclúe xantar e autocarro). Podédesvos anotar até o mércores 11 de marzo en culturadopais@gmail.com.

sam martinho patricioA nosa asociación tamén decidiu adherir a convocatoria feita pola Gentalha do Pichel para celebrarmos en distintos puntos do país unha xornada de irmandade galaico-irlandesa co gallo das festividades de St. Patrick e San Martiño de Dumio. A data escollida é o vindeiro xoves 19 de marzo, a partir das 22:00 hs. no Lar da Cultura do País. Temos preparada unha festa suevo-irlandesa na que as xogadoras da nosa equipa de fútebol gaélico, as Torques de Lugoslavia, collerán forzas para a xornada da Liga Gallaecia que desputarán o sábado 21 de marzo en Compostela.

Mariña PatrimonioE o domingo 22 de marzo voltan os roteiros. A iniciativa de Mariña Patrimonio, e coa colaboración de varios colectivos de diferentes puntos do País, moverémonos polos xacementos costeiros da Mariña lucense desde As Grobas até As Catedrais. Organizaremos un autocarro desde Lugo. Podédesvos anotar e recibir máis información sobre esta actividade no correo-e culturadopais@gmail.com até o mércores 18 de marzo.