sábado 29 de novembro: roteiro polo Courel

Courel

Cultura do País inaugura a nova tempada de roteiros cunha visita ao Courel. Sairemos o vindeiro sábado 29 de novembro ás 9:00 hs. de diante da Facultade de Formación do Profesorado para achegarnos até as inmediacións da Devesa da Rogueira, unha das fragas máis senlleiras de Galiza, que percorreremos até a Lagoa da Lucenza, de orixe glaciar e cunha antigüidade de máis de 16.000 anos, rematando o roteiro en Seoane do Courel, onde degustaremos a gastronomía da zona, cun menú baseado en xabarín e corzo. De volta para Lugo faremos parada no conxunto etnográfico do Cebreiro.

Para participar nesta actividade é preciso inscribirse previamente antes do xoves 27 de novembro no enderezo electrónico culturadopais@gmail.com. Ten un custo de 25 euros, con prezo reducido de 16 euros para persoas asociadas a Cultura do País (inclúe autocarro e xantar).

21 e 22 de novembro: Festa Dandi e fútebol gaélico

FdandiXa está aquí un ano máis unha nova edición da xornada que Cultura do País adica á conmemoración do aniversario do Manifesto de Lugo, da primeira Asemblea Nacionalista que tivo lugar na nosa cidade o 18 de novembro de 1918. Desta volta, terá lugar a tradicional ofrenda floral ás 20:00 hs. no Hotel Méndez Núñez e, posteriormente, a Festa Dandi, que celebraremos na Cafetaría Casablanca (Avda. da Coruña, 60) a partir das 22:00 hs. Contaremos cunha proxección de cinema mudo acompañada ao piano por Miguel Fontenla. Despois actuarán os Airiños da Freba, abondo coñecidos nas terras luguesas, que recuncan no dandismo catro anos despois da súa primeira colaboración con tan magno evento. Haberá petiscos e festa rachada, e tampouco faltarán os Premios Dandi, que na súa V Edición repartirán extraordinarias pezas de olaría de Bonxe entre os/as asistentes mellor caracterizados/as.

TorquesVenres dandi e sábado gaélico. A nosa equipa, os Torques de Lugoslavia, afrontará no campo de Nadela a partir das 13:00 hs. unha nova xornada da Liga Gallaecia,  contra o Suévia de Compostela. Os Torques, actuais líderes da liga, defenderán o seu posto ante a equipa compostelana, nun encontro de rivalidade máxima. As Nadela Partisans asistirán en masa animar a súa equipa en tan relevante encontro. Posteriormente celebraremos o terceiro tempo no Lar da Cultura do País, a partir das 15:00 hs. 

venres 7 de novembro: consulta sobre o futuro político de Galiza

REFERENDUM

Cultura do País adhírese á iniciativa da Gentalha do Pichel para a realización dunha consulta entre as persoas asociadas sobre o futuro político de Galiza, convocatoria que terá lugar o vindeiro venres 7 de novembro. Neste caso, o colexio electoral do Lar da Cultura do País abrirá as súas portas ás 20:00 hs., e no seu transcurso celebrarase unha merenda-cea catalá (custo: 5 euros).

Tal e como indican as normas do referendo, só poderán votar as persoas asociadas ou que se asocien in situ a Cultura do País. Admítese o voto por correo electrónico até as 23:59 do domingo 9 de novembro. A Asociación porá un servizo de carretaxe ao servizo das persoas asociadas para facilitar o exercizo do voto. A partir do luns 3 novembro e até as 00:00 hs. do xoves 6 desenvolverase a campaña electoral para que as persoas asociadas promovan as diferentes opcións: SI/SI, SI/NON, NON/SI ou NON/NON.

 Agora é a hora!