…e volta o San Froilán

festivaldenoso2014

Xa volven as “festas máis belas do outono galego”, en palabras de Álvaro Cunqueiro: as festas do San Froilán. Un ano máis, Cultura do País organiza o Festival de Noso como actividade de comezo das patronais lucenses. Este ano será o venres 3 de outubro, de novo nos xardíns do Museo Provincial, a partir das 22:00 hs. Contaremos coa actuación do Sonoro Maxín e Familia Caamagno para esta 4ª edición do festival que se fará coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial.

Liga Gallaecia lugosábado 4 de outubro volta a Liga Gallaecia de fútebol gaélico, a partir das 17:00 no Campo de Nadela, nunha xornada inaugural que enfrontará a Afiadoras de Ourense contra Suévia de Compostela e, a partir das 18:00, a equipa local, os Torques de Lugoslavia, enfrontarase ao vixente campeón de liga, Ambilokwoi de Vigo. As Nadela Partisans reservarán forzas da festa do día anterior para torcer pola equipa local no primeiro encontro da nova tempada.

Viva San Froilán!

Mércores 24 de setembro: benvida a Lugo da Liga Estudantil

Benvida a Lugo

A nosa Asociación colabora, un ano máis, na xornada de benvida á cidade que xa leva varios anos organizando a Liga Estudantil Galega no campus de Lugo. O obxectivo que busca a organización estudantil é dar a coñecer a cidade e a cultura galega a estudantes de programas de intercambio, a través de varias visitas e unha xornada de convivio no Lar da Cultura do País. Será o mércores 24 de setembro a partir das 20:00.

Mércores 17 de setembro: Contos do Mar de Irlanda

xurxosouto

Cultura do País comeza o curso coa presentación do novo libro de Xurxo Souto, Contos do Mar de Irlanda, publicación que está a ter un grande suceso e da que o autor decidiu encetar unha xira de presentacións mar adentro, polas terras do interior galaico, facendo parada en Lugo. Será o vindeiro mércores 17 de setembro ás 20:00 hs. no Refectorio do Museo Provincial. Unha presentación que se convertirá nunha auténtica “festa atlántica”, con contos das augas do norte e algunha repichoca de acordeón.

Gran Sol é unha referencia emocional para a maioría das galegas e galegos. Mais alén do seu nome, todo nel está envolto en confusión e néboa, como a mesma condición que a estas augas se lle supón.

Ao achegármonos a elas axiña agroma a gran illa, Irlanda. Unha obsesión verdadeira para a cultura galega, mais sobre a que case nunca se lle ten preguntado aos que máis en contacto con ela están: os propios mariñeiros.

Na súa palabra a travesía convértese inmediatamente nunha viaxe ao interior de nós mesmos. Pois esta xeografía do traballo esténdese como un contínuum dende os portos irlandeses até os peiraos de recalada: Marín, Ribeira, Celeiro, Burela. E nomeadamente Vigo e A Coruña, isto é o Muro e o Berbés, transformados dende os ollos do mar nunha grande Cidade Altántica.

Esta subindo a maré, ti non quedes varada en seco.