Venres 27 de xuño: Ronsel de muller

Cultura do País non quería deixar pasar o 90 aniversario da fundación en Lugo da revista Ronsel, proxecto cultural dirixido por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro e no que publicaron autores como Luis Pimentel, Ánxel Xohán, Castelao, Manuel Antonio ou Fernández Mazas; que recollía as correntes de avangarda, enmarcándose ademais na importante actividade cultural nacionalista dos anos vinte do século pasado.

Con motivo desta efeméride da nosa cultura organizamos o vindeiro venres 27 de xuño unha xornada adicada a esta publicación, que deicimos centrar na figura de Mercedes Pimentel, autora de asíduas colaboracións nesa revista, a través da cal queremos poñer en valor a súa aportación e visibilizarmos o papel das mulleres na historia e na cultura galegas. Este acto, que leva o título de Ronsel de muller: homenaxe a Mercedes Pimentel, dará comezo a partir das 20:00 hs. no Refectorio do Museo Provincial de Lugo e constará dunha actuación musical das lucenses Eudemónicas máis unha conferencia da escritora e profesora da Facultade de Humanidades Carmen Blanco.

 

Sábado 14 de xuño: Arde Gae-Licus

O vindeiro sábado 14 de xuño a nosa equipa de fútebol gaélico mixto, os Torques de Lugoslavia, celebra o aniversario da súa fundación. Con este motivo, xogarase un partido amigábel contra unha equipa sorpresa no campo de Nadela ás 12:00. Este partido, que queremos que sirva para popularizar o deporte e animar a máis lucenses á práctica do fútebol gaélico, servirá de demostración e convivio con membros doutras equipas da Liga Gallaecia.

Posteriormente (15:00 hs.), no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), teremos  unha nova edición do xantar das tropas galaicas para collermos forzas para resistir a invasión romana que se produce no Arde Lucus. O prezo do xantar é de 10 euros/persoa, cobrando a bebida aparte. Inscricións en culturadopais@gmail.com

Co reforzo de aliados gaélicos, este Arde Lucus vai ser Arde Gae-Licus!

Romani ite domum!