Maio: lingua, gastronomía e patrimonio

Tras comezarmos o mes da lingua coa presentación de Argola, de Marta Dacosta, continuaremos cunha variada actividade. O sábado 17 de maio, Día das Letras, participaremos coa Plataforma Queremos Galego no roteiro reivindicativo que percorrerá as estatuas de músicos e escritores/as que hai nas rúas da cidade. O punto de encontro será a estatua de Xoán Montes no Xardín de San Roque, ás 11:30.

Para o sábado 24 de maio temos preparada no Lar da Cultura do País unha xornada adicada á cervexa artesá. Aprenderemos a facer cervexa na casa e probaremos as principais cervexas artesás que hai no país. Ás 17:00 hs. impartirase un obradoiro de elaboración de cervexa e ás 19:00 hs. terá lugar unha degustación comentada de varios tipos de cervexa artesá galega. O custo da actividade completa (obradoiro+degustación) é de 25 euros (20 euros para socios/as de Cultura do País). Para quen desexara asistir só ao obradoiro serían 20 euros (15 para socios/as) e só á degustación 8 euros. Estas actividades fanse en colaboración coa tenda de material para facer cervexas e de distribución de cervexa artesá Fillos da Malte. O prazo de inscrición remata o 21 de maio e pode facerse en culturadopais@gmail.com.

O último sábado do mes, 31 de maio, adicarémolo ao patrimonio, cun novo roteiro. Desta volta andaremos polas terras de Allariz, visitando o conxunto arquitectónico de Santa Mariña de Augasantas e a propia vila “Chave do Reino de Galiza”. O punto de encontro para distribuírnos en carros é a Facultade de Formación do Profesorado (Avda. Reimundo de Borgoña) ás 9:30. Trátase dun roteiro de dificultade baixa cunha duración de 6-7 horas. Recoméndase levar roupa e calzado adecuados, comida, bebida e unha lanterna. Inscricións antes do 28 de maio en culturadopais@gmail.com.

Venres 9 de maio: presentación de ‘Argola’

Comezamos o mes da lingua coa presentación do último poemario de Marta Dacosta, ‘Argola’, gañador do Iº Premio de Poesía O Figurante. Trátase dunha obra na que se fai unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano: unha escrava singular que se debate entre os anceios de liberdade e daquilo que simboliza para o seu pobo e unha vontade anoada a unha  argola que é símbolo de atadura e que a somete aos intereses dos colonizadores. Malia todo, sempre permanece incólume nela o seu desexo de liberdade, do seu entorno feminino e  do seu pobo.

Neste poemario a autora recorre a elementos constantes na súa obra, como a presenza simbólica do mundo do mar e da auga, a loita contra o destino escrito por outras mans e contra o propio desexo, a presenza de figuras femininas heroicas e admirables; que representan unha muller que supera a visión convencional e circunstancial.

No acto, que terá lugar o venres 9 de maio a partir das 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), contaremos coa presenza da autora, da tamén poeta Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán en representación da editora O Figurante.