Actividades mil para facer un novo Abril

Abril, en Cultura do País, é sinónimo de lusofonía. Desta volta realizamos varias actividades que gardan relación cos lazos comúns cos países lusófonos e a proxección internacional da nosa lingua.

Como xa é tradicional, celebraremos unha nova edición da Noite da Lusofonía, que xa vai pola cuarta. Desta volta teremos, de novo como leitmotiv a Revolução dos Cravos -no XL aniversario deste feito histórico-, e contaremos co cantautor portugués Rui David, que fará un percorrido polas melodías e textos máis destacados da música portuguesa, desde a tradicional até a canción de intervención pasando polo fado. Será unha boa oportunidade para revisitar temas de Vitorino, Zeca Afonso, Fausto, António Zambujo ou Amália, entre outros. Este acto terá lugar o venres 25 de Abril ás 23:00 na Sala Castelao. A entrada é de balde.

O martes 29 de abril ás 19:30 no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas desenvolverase o videoforo ‘A Conquista do Pão: o Movimento Sem Terra em Brasil’, no que se proxectará o documentario ‘Terra para Rose’ e contarase coa intervención da investigadora Roseni A. de Moura, da Universidade Federal de Viçosa.

Ambas actividades fanse en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas.

Desde Cultura do País tamén decidimos adherirnos á autoconvocatoria promovida en Lugo e noutras cidades da Galiza para cantar o ‘Grândola, Vila Morena’ con motivo do aniversario do 25 de Abril. O acto en Lugo terá lugar ás 20:00 hs. na Praza do Campo Castelo.