Sábado 29 de marzo: roteiro pola Ribeira Sacra

Inauguramos a tempada de roteiros en Cultura do País cunha excursión á Ribeira Sacra o vindeiro sábado 29 de marzo. O punto de encontro será diante da Facultade de Formación do Profesorado (Avda. de Reimundo de Borgoña), ás 9:30 hs.

Visitaremos varias pezas do Románico Galego que se conservan na zona da Ribeira Sacra: as igrexas de Canabal e Proendos, e máis o mosteiro de San Paio de Abeleda. Tamén faremos unha parada para dar a coñecer a produción vinícola da zona, cunha visita guiada á Adega Vella (Abeleda) que contará tamén cunha cata comentada e petiscos. Queremos con esta visita poñer en valor as adegas que no seu día adheriron a campaña de etiquetaxe do viño en galego, entre as que se atopa a que imos visitar.

Despois do xantar realizaremos un roteiro a pé polo río Mao e a necrópole de Barxacova (Parada de Sil), para rematar o percorrido pola zona no Castelo de Castrelo Caldelas, destacada fortaleza que viviu un dos episodios da Revolta Irmandiña.

O custo da actividade é de 25 euros para persoas asociadas a Cultura do País e 35 euros para non asociadas; incluíndo autocarro, cata de viños e xantar. Podédesvos inscribir ou pedir máis información en: culturadopais@gmail.com antes do 26 de marzo.

Marzo: clube de leitura e presentación do libro Como ser reintegracionista…

O comezo do mes de marzo vai ser literario en Cultura do País. O sábado 15 de marzo ás 18:00 hs.  temos unha nova sesión do Clube de Leitura, desta volta adicada á obra Vermella con lobos, de Carme Blanco. Volveremos programar esta actividade no Pazo do Orbán e contaremos tamén coa autora do libro para manter unha conversa sobre a temática da obra.

O venres 21 de marzo ás 20:00 o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) acollerá a presentación do libro ‘Como ser reintegracionista sen que a familia saiba’, do profesor de portugués Eduardo Sanches Maragoto. Esta obra conforma un manual con trinta leccións prácticas para achegar galego e portugués sen desobedecer a normativa oficial da lingua galega.

Asemade, a nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, vai afrontar un duro derbi do Interior coas Afiadoras de Ourense este sábado 15 de marzo a partir das 17:00 no campo da Colexiata de Sar, en Compostela; coa posibilidade de acadar o liderato da Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto.