Venres 21 de febreiro: aniversario de Celestino Fernández de la Vega

Este ano celébrase o centenario do nacemento de Celestino Fernández de la Vega. Este lucense, que tivo un destacado activismo cultural en prol da cultura galega antes e despois do golpe de Estado de 1936, é un dos promotores de Galaxia e destacou polo seu ensaio O segredo do humor (1963), no que aborda as características do humor galego a medio camiño entre a parte seria e a cómica da realidade.

Adicado tamén ao ensaio xornalístico e tertuliano de círculos galeguistas de posguerra, tivo unha especial inquedanza pola filosofía, principalmente polos autores alemáns, sendo tradutor ao galego da obra Esencia da verdade, de Heidegger. Esta faceta centrará a conferencia que iniciará os actos organizados por Cultura do País arredor deste autor, o vindeiro venres 21 de febreiro ás 20:00, na Cafetaría Canela (Pza. Maior), na que a Doutora en Filosofía e profesora da Facultade de Humanidades María Xesús Vázquez Lobeiras disertará sobre a influencia da filosofía alemá na obra de Celestino Fernández de la Vega.

Máis tarde, a partir das 22:30 na Cafetaría Casablanca (Avda. da Coruña, 60) terá lugar o espectáculo de narración oral ‘O segredo de Celestino’, da man de Lois Pérez e o grupo Estercophonics, formado polo Mestre Rulos ao saxo e Fernán Gómez á guitarra.

Febreiro: Dereito Civil Galego e curso de pandeiro

O mes de febreiro comezou coa nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, mantendo o liderato da Liga Gallaecia, despois de derrotar á equipa coruñesa da Cascarilha por 28 (5-13)-4 (1-01) no Cerqueirás Area de Mos.

A seguinte actividade que temos preparada consiste nunha visita guiada á exposición 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galiza, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Neste acto, que terá lugar o venres 14 de febreiro a partir das 19:30 na praza de San Marcos, contaremos coa participación do Maxistrado lucense Luís Villares, que nos exporá as orixes e o labor de recuperación dese sinal de identidade galega.

O sábado 22 de febreiro a partir das 16:00 hs. temos programado no Lar da Cultura do País un curso de construción de pandeiro, impartido polo percusionista Xosé Maceda, coñecido integrante do grupo Quempallou. As persoas asistentes poderán aprender en catro horas a facer un pandeiro tradicional e levalo para casa polo prezo de 60 euros, con custo reducido para persoas asociadas a Cultura do País e alumnado dos nosos cursos de pandeireta, de 53 euros. Esta actividade completarase co curso ‘Vide cantar ao son do pandeiro’, que se impartirá de maneira gratuíta a quen se inscribira no curso de pandeiro, os xoves do mes de marzo de 19:00 a 20:00 hs.

Podédesvos anotar no seguinte contacto:

brancavillaresnaveira@hotmail.com (651672551-Branca)