Solsticio de Inverno: chega o Apalpador e partido da Selección

Cultura do País xa ten programadas actividades para as festas do Solsticio de Inverno, tamén coñecidas como Nadal. Combinaremos a recuperación da tradición galega do Apalpador coa colaboración con eventos que van ter lugar na cidade de Lugo, como é o caso do partido da Selección Galega, organizado pola plataforma Siareiras Galegas.

Outro ano máis volta o Apalpador ao Lar da Cultura do País. A súa chegada está prevista para o luns 23 de decembro ás 17:3o. Realizaremos actividades dirixidas a crianzas de todas as idades: contacontos, xogos, música e actividades plásticas todas ao redor da figura do carboeiro que baixa da Montaña para traer agasallos a nenos e nenas. Tamén teremos preparada unha merenda para as asistentes.

O venres 27 de decembro a partir das 20:00 teremos unha conferencia no Lar da Cultura do País, organizada con motivo de dar a coñecer a reivindicación do dereito á participación das seleccións deportivas galegas en competicións oficiais, que estará presente na seguinte xornada, o sábado 28, co xogo Galiza-Occitania de fútebol. A palestra, impartida polo Doutor en Historia Andrés Domínguez Almansa, profesor da Facultade de Formación do Profesorado, leva como título ‘Modernidade e identidade. Os inicios do fútbol en Galiza e o agromar da selección galega’. Farase un achegamento a como xorde o fútebol en Galiza e como axiña se converte nun evento vencellado á identidade e a unha idea de Galiza en construción.

E o sábado 28 de decembro pola mañá teremos unha nova xornada da Liga Gallaecia de fútebol gaélico, de novo no Nadela Area. Ás 12:00 xogarase o partido entre Ambilokwoi de Vigo e Cascarilha da Coruña e ás 13:00 chegará a quenda da nosa equipa, os Torques de Lugoslavia, que se enfrontarán ao Suévia de Compostela.

Martes 17 de decembro: presentación de ‘As lavandas…’

Continúan as presentacións de libros no Lar. O vindeiro martes 17 de decembro ás 20:00 correspóndelle a súa quenda a As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, poemario de Ramón Neto que gañou o Premio Miguel González Garcés 2012 de poesía, convocado pola Deputación da Coruña. No acto intervirán, ademais do autor, Xesús Otero Iglesias -ilustrador do libro- e Eugénio Outeiro, poeta e socio da nosa Asociación. 

Ramón Neto xa foi galardoado con outros premios de poesía, como o Pérez Parallé en 2009, coa obra A estación única dunha illa ou o Illas Sisargas de Poesía Erótica (2013) con Dominio Público.

Decembro: novo libro de Manuel Gago e roteiro pola Mariña

Cultura do País continúa a organizar presentacións de libros en decembro. Desta volta tócalle á última obra de Manuel Gago, director do portal culturagalega.org e profesor de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago. Trátase de Vento e chuvia, unha mitoloxía da antiga Gallaecia; no que se fai unha reconstrución da mitoloxía galaica da Idade do Ferro. Un libro que é máis que un formato físico en papel, pois compleméntase cun código que permite acceder online a materiais complementares. Na presentación que temos preparada, que terá lugar o vindeiro venres 13 de decembro ás 20:00 na Sala de Exposicións do Pazo da Deputación (R/ San Marcos, 8), contaremos coa colaboración do grupo de recreación histórica Taranis, que fará unha presentación escenográfica do acto.

O domingo 15 de decembro a nosa sección Ultreia volve organizar un roteiro, nesta ocasión á Mariña lucense, en colaboración co Colectivo Cultural Buril, de Burela, e Mariña Patrimonio. Visitaremos os castros de Fazouro e Marzán, a mina romana de Espiñeira e máis o lugar do achado do torques de Burela, peza simbólica e senlleira do noso patrimonio que acabou sendo expoliado do Museo Provincial de Lugo. Desprazarémonos desde Lugo nun autocarro que sairá ás 9:30 de diante da Facultade de Maxisterio, na futura Avda. de Reimundo de Borgoña (aínda Ramón Ferreiro). O custo da viaxe é de 15 euros, incluíndo desprazamento e xantar; con prezo reducido de 10 euros para socios/as de Cultura do País.

Podédesvos inscribir en culturadopais@gmail.com, antes do 11 de decembro.