Rúas limpas de fascistas: a Comisión do Rueiro recolle algunhas propostas de Cultura do País

Acabamos de recibir a nova, a través dos medios de comunicación, de que a Comisión do Rueiro do Concello de Lugo tomou en consideración a proposta que fixo Cultura do País hai un ano (9 de novembro de 2012) para substituír os nomes das rúas que facían referenza a cargos da ditadura franquista, na que ofreciamos unha batería de até dez nomes alternativos. Xa anteriormente, en outubro de 2011, reclamaramos do Concello que, con motivo de adicarlle a Lois Pereiro o Día das Letras, se substituíra o nome da Avenida Ramón Ferreiro polo do poeta monfortino.

Semella que a presentación de propostas e a presión exercida pola nosa Asociación con respecto ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica acabou dando o seu froito, de maneira que se procederon a substituír os nomes de fascistas do rueiro e mesmo se recolleron dúas das nosas propostas: a Praza Comandante Manso pasará a chamarse Mártires de Carral, que era o nome que tiña antes do golpe de Estado de 1936, e a rúa Teniente Coronel Teijeiro levará desde agora o nome de Lois Peña Novo, vilalbés destacado na organización do nacionalismo no primeiro terzo do século XX e Secretario do Concello de Lugo en 1936, depurado do seu posto polos sublevados e deportado a Mallén (Zaragoza).

Non embargantes, temos que amosar o noso rexeitamento a algúns dos nomes escollidos para substituír os anteriores, pois non supoñen un paso adiante na limpeza das rúas de nomes de dirixentes franquistas, especialmente o caso de Manuel Fraga Iribarne, quen, alén do seu papel relevante como ministro franquista, sempre tivo unha actitude de exaltación do réxime ditatorial e mesmo estivo implicado en feitos luctuosos durante a Transición, como Ministro de Interior. Ten manifestado, ao longo de toda a súa vida política, actitudes represivas contra os movementos sociais, manipuladoras e censoras cos medios de comunicación e fondamente machistas e homófobas, que non o fan tampouco merecente de tal distinción.

Entendemos que no referente á recuperación da memoria histórica democrática de Galiza non cabe andar con tibiezas nin dando unha de cal e outra de area. A lexislación é ben clara a respecto das distincións a quen cumpríu un papel dirixente na ditadura e só fai falta a vontade e o compromiso de quen ostenta o poder para executala. Lamentamos que o Concello de Lugo estrague con esta mancha unha limpeza que se viña facendo necesaria desde hai moitos anos e ninguén tivera a valentía de emprender… e aínda semella que hai quen ten dúbidas.

Cultura do País ante a destrución parcial do conxunto arqueolóxico de Coeses

 

A obras da autovía Lugo-Santiago parecen ter avanzado contra a historia e o sentido común. O conxunto arqueolóxico de Coeses, excepcional pola información que podía ter achegado sobre a prehistoria de Galiza, é xa actualmente atravesado polo novo trazado que o Ministerio de Fomento deu á autovía.

 Desde Cultura do País alertabamos xa en xuño da excepcionalidade deste xacemento. Ao Castro Valente, co que as obras se encontraron de forma irresponsabelmente fortuita, viñan a sumarse, despois da alteración do trazado orixinal, un círculo lítico con evidencias de se tratar de unha necrópole de incineración, e un túmulo. Todo isto datado en finais da Idade do Bronce, unha época da cal se descoñecía até o momento a forma de enfrentar a morte no noso territorio. A importancia desta información é claramente central para definir a cultura que había na Galiza desa época, e as noticias que nos chegaron sobre o xacimeto de Coeses parecían deitar luz sobre este punto, a favor da celticidade da cultura castexa.

 O novo trazado da autovía, que pasa xa entre o círculo litico e o Castro Valente, divide así o que era un conxunto excepcional, fragmentando e descontextualizando as partes de un todo de valor incalculábel.

 Ante esta agresión, Cultura do País proponse as seguintes acción para o futuro próximo:

  1. Evidenciar a barbaridade e insensibilidade do Ministerio de Fomento, coa cumplicidade da Xunta de Galicia e a favor dos intereses das empresas construtoras.
  2. Esixir a posta en valor do que se conserva: castro de Valente e sobre todo círculo lítico semitumular. Como son terras expropiadas, propiedade pública, é unha oportunidade de ouro para facelo.
  3. Dar a coñecer os resultados da escavación, xa que unha das consecuencias deste tipo de actuacións é o secretismo con que actúan. Isto, ademáis de colocar dúbidas evidentes sobre a lexitimidade das accións, dá lugar ao descoñecimento xeral dos dados que achegan para a historia de Galiza. Esixiremos, por isso, que se fagan públicos os informes e o lugar onde están depositadas as pezas extraídas.

Venres 29 de novembro: presentación do libro O Valego

Despois da conmemoración do aniversario do Manifesto de Lugo, a actividade non para en Cultura do País. O vindeiro venres 29 de novembro ás 20:00 hs. temos a presentación doutro libro no noso local social, o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5). Desta volta trátase do estudo O Valego. As falas de orixe galega no Val do Ellas (Cáceres-Estremadura), que é resultado de máis de vinte anos de traballo de campo do lingüista Xosé Henrique Costas, director de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Nesta presentación, na que intervirá tamén o maxistrado lucense Luís Villares, bo coñecedor do Val do Ellas, debullaranse aspectos relativos á historia do galego na zona, o estudo da onomástica, léxico e morfosintaxe do valego. Tamén se tratará a polémica adscrición lingüística desta fala e a situación sociolingüística, así como a súa necesaria codificación. Faise tamén unha reflexión sobre o contexto da situación das linguas minorizadas no Estado Español en relación á Carta de Linguas Europeas.

22 e 23 de novembro: conmemoración do 95º aniversario do Manifesto de Lugo

Cultura do País organiza, por quinto ano consecutivo, os actos de conmemoración do aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista, celebrada no Hotel Méndez Núñez da cidade de Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918.

Desta volta decidimos facer as actividades en dúas xornadas: venres 22 e sábado 23 de novembro. O venres ás 20:00 no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) terá lugar a palestra da Mestra en Historia pola Universidade do Porto Eliana Brites Rosa. Esta investigadora do Centro de Estudos do Pensamento Português e doutoranda en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago, impartirá unha conferencia titulada “Quando a Galiza foi irmã e avó de Portugal: A Renascença Portuguesa (1912 – 1932) e as afinidades com a cultura galega”.

O sábado 23 de novembro, a partir das 23:00 na Sala Castelao (R/ Castelao, nº 2), celebramos outro ano máis a Festa Dandi. Para esta ocasión contamos cun grupo de Lugo: Milesios, que fai música de raíz irlandesa e galega e tivo exitosas participacións en varios certames de música folk, como o Proxecto Runas en Ortigueira ou o Certame Folk en la Sierra-FIS (2012), nos que foron finalistas. A entrada ao concerto é de balde.

Como vén sendo xa tradicional, na Festa Dandi convocamos os Premios Dandi -na súa quinta edición- para os mellores vestidos de estética dandi dos anos 20 de entre as persoas asistentes. Os premios consistirán en magníficas pezas de olaría de Bonxe.

Como prefacio destas actividades, a nosa Asociación integrará a habitual ofrenda que se vén facendo todos os anos nos actos que ten programados a plataforma Galiza pola Soberanía, que ten prevista unha homenaxe o sábado 16 de novembro ás 13:45 diante do Hotel Méndez Núñez.

 

Sexta-feira 15 de novembro: apresentação de Eu violei o lobo feroz

Na próxima sexta-feira, 15 de novembro apresenta-se no Lar da Cultura do País o livro Eu violei  o lobo feroz, de Teresa Moure , editado pela Através Editora. No evento , que terá lugar a partir das 20:00 hs., intervirão a autora e mais o poeta Rafael Vilar .

Este é um poemário subversivo que divaga nas fronteiras dos formalismos da academia, mais além dos limites impostos pelos cânones estabelecidos pra a prosa e o verso. Uma série de sequências intensas e ácidas, mestiças e revoltadas, políticas e de resistências . E por que não… porno – dissidentes e erótico – festivas .

Eu violei o lobo feroz  fala de carapuça emancipatório e performances cotidianos , da repressão político- ideológica e parcerias libertadoras, de apoio mútuo entre Capuchinhos Vermelhos que se tornaram fortes nas montanhas , nas camas e nas ruas.

Fazem notar os lobos ferozes repressores de corpos e idéias, as bestas da noite que negam orgasmos e ela murcha utopias . Predadores e xusticieiros que se alimentam de presas e anceios de liberdade , de sonhos dos mártires e vitalidade alheia que vive mais além das propriedades do Lobo Feroz : de seus julgamentos e correntes.