Comezan os cursos no Lar

Este outono a oferta de cursos no Lar da Cultura do País é máis ampla e variada. Continuando con actividades que xa fixeramos o curso anterior, como pandeireta e contacontos para nenos e nenas, engadimos á nosa programación algúns cursos cunha duración máis reducida.

En outubro xa comezaron as aulas de pandeireta e canto tradicional, impartidas por Branca Villares -membro do grupo Eudemónicas-; que serán todos os xoves ás 20:00 hs. para o grupo de aperfeizoamento e ás 21:00 hs. para iniciación. O custo do curso é de 20 euros ao mes, con prezo reducido de 15 euros para socios/as de Cultura do País. Durante o mes de outubro as aulas son de balde.

As actividades para crianzas refórzanse este curso. Mantemos as sesións de obradoiros de contos para nenos e nenas que viñan impartindo desde Anima Acción os venres de 17:30 a 18:30, que terán o custo dun bono de 15 euros equivalente a catro sesións. O prezo para persoas asociadas de Cultura do País é de 12 euros o bono. As sesións comezarán o venres 8 de novembro. Tamén para pícaros/as será o curso de expresión corporal e teatro que se oferta os luns de 17:00 a 18:00 hs, impartido por Eva do Roxo. Este obradoiro terá lugar entre o 4 de novembro e o 23 de decembro e o custo é de 15 euros ao mes (10 euros para socios/as).

Outra novidade é o curso titulado manualidades en outono, destinado a adultos. Impartirase os luns de 18:00 a 19:55 e tamén durará desde o 4 de novembro ao 23 de decembro. Centrarase en técnicas de encadernación creativa e customización de obxectos. O custo é de 25 euros ao mes, con custo reducido para persoas asociadas de 20 euros/mes.

A fin de semana do 9 e 10 de novembro organizamos un obradoiro de nivel básico de tamboril tradicional impartido por Arantza Alfaia, integrante do grupo Habelas Hainas. Optamos por un curso intensivo que tería horarios de mañá e tarde o sábado (11:00-14:00 e 16:00-19:00) e sód e mañá o domingo (11:00-14:00). O prezo é de 45 euros (25 euros para socios/as de Cultura do País).

Este outono, aprende no Lar! anótate!

Outubro: inicio dos cursos no Lar e encontro coa cultura catalá

Despois das festas do San Froilán continúa a actividade de Cultura do País no outono. O xoves 17 de outubro ás 20:00 comezan as aulas de pandeireta e canto tradicional no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5). Esta actividade, que se desenvolverá por segundo ano consecutivo, terá un custo de 20 euros/mes -con prezo reducicdo de 15 euros/mes para socios/as da nosa Asociación. O primeiro mes a asistencia sería gratuíta.

A partir do 8 de novembro ás 17:30 voltarán tamén os contacontos para nenos/as ao noso local, de novo en colaboración coa empresa Anima Acción. Hai bonos á venda por catro sesións para usar ao longo do curso, a 15 euros con prezo reducido de 12 euros para socios/as. E para este último trimestre do ano estamos a preparar novos cursos que anunciaremos máis adiante.

O venres 25 de outubro, en colaboración co Comité de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes, Cultura do País organiza unha xornada adicada á cultura catalá. Os actos comezarán ás 20:00 hs. no Lar coa proxección do documentario Del Roig al Blau, que versa sobre os anos da transición no País Valencià. Ás 23:00 no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22) terá lugar o concerto do cantautor e activista político e cultural catalán Cesk Freixas. O prezo da entrada é de 5 euros, de balde para socios/as de Cultura do País.

Actividade nas festas: Festival de Noso e xornada da Liga Gallaecia

Cultura do País ten preparadas unhas xornadas moi intensas de comezo das festas de San Froilán, para os vindeiros días 4 e 5 de outubro. Por terceiro ano consecutivo organizamos o Festival de Noso, espazo que sempre quixemos adicar á música en galego, concebido como un pistoletazo de saída dunhas festas populares e galegas como tradicionalmente se caracterizaron as patronais lucenses, carácter que perderon nesta edición. Desta volta, o Concello de Lugo non amosou disposición a colaborar -como si fixera nas dúas anteriores edicións- co Festival de Noso e, desde a Asociación, optamos por facer o posíbel por continuar a realizar esta actividade, conseguindo o apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Este ano que o San Froilán oficial deixou de abrirse á colaboración co tecido asociativo cultural da localidade, que deixou de dar espazo a grupos noveis lucenses e que presenta unha programación que responde a estereotipos culturais alleos traendo a cantar a apoloxetas da ditadura franquista; faise máis necesario ca nunca unha actividade que reivindique a cultura galega e o carácter popular das festas de Lugo.

Ese espazo ocuparao o Festival de Noso, que desta volta estará ubicado no Museo Provincial (Pza. da Soidade, s/n.); onde a partir das 18:00 do 4 de outubro dará comezo unha xornada multidisciplinar adicada a diferentes expresións da cultura galega, con actividades que se desenvolverán alternativamente nos Xardíns e máis no Refectorio do Museo.

Comezará a actividade nos Xardíns coa presentación, ás 18:00 hs., das aulas de pandeireta que se impartirán no Lar da Cultura do País unha vez pasadas as festas. A profesora e o alumnado dos grupos de iniciación e aperfeizoamento do curso pasado farán unha demostración dos seus avanzos na aprendizaxe dese instrumento.

Ás 19:30, xa no Refectorio do Museo, terá lugar a presentación do libro Todos os días, do xornalista Alberto Ramos. Esta obra, que relata a alienación que supón o desemprego, foi recentemente premiada co Premio Vicente Risco de Narrativa. Intervirán no acto, ademais do autor, Ánxela Gracián (directora de publicacións da editorial Sotelo Blanco) e a novelista e poeta Berta Dávila.

Ás 21:00, tamén no Refectorio, presentarase o DVD do filme Vilamor, película galega que versa sobre un grupo de mozos e mozas que nos anos 70 instalan unha comuna na Montaña de Lugo, que foi premiada no Festival Internacional de Nova Iorque pola mellor banda sonora e pola mellor fotografía. Na presentación participarán o director do filme, Ignacio Vilar, e Mario Outeiro, deputado delegado de Cultura e Deporte da Deputación Provincial de Lugo, entidade que apoiou ese proxecto audiovisual.

Ás 22:30, de novo nos Xardíns do Museo, dará comezo a parte musical da festa co concerto do Cé Orquestra Pantasma, o grupo lucense Eudemónicas -de recente creación- e Os Tres Trebóns.

O día grande das festas co permiso do Domingo das Mozas, o de San Froilán (sábado 5 de outubro), a nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, comezarán a súa andaina na Liga Gallaecia no Campo de Nadela, que acollerá a primeira xornada de Liga. Os partidos comezarán ás 17:00 e enfrontarán, por unha banda, ao Suévia de Compostela co Cascarilha d’A Coruña e, por outra parte, o derbi do Interior: Torques de LugoslaviaAfiadoras de Ourense.