xoves 26 de setembro: benvida a Lugo

O vindeiro xoves, a Liga Estudantil Galega organiza outro ano máis a xornada de benvida a Lugo do estudantado de intercambio do Campus de Lugo, actividade que conta de novo coa colaboración de Cultura do País.

Os actos comezarán ás 16:00 diante da Biblioteca Intercentros, cunha visita guiada aos centros do campus. Ás 18:00, desde a Facultade de Formación do Profesorado, realizarase un percorrido polo centro histórico da cidade, visitando os lugares de interese para coñecer minimanente a historia e a cultura galega. A xornada rematará ás 20:00 no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), onde se celebrará un convivio con música tradicional e produtos gastronómicos da Terra.

Tedes máis información na web da Liga Estudantil Galega.

Actividades para setembro

No mes de setembro, Cultura do País continúa a súa actividade con novas propostas.

O venres 20 teremos unha xornada con diversas actividades, todas elas localizadas no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22)Ás 20:00 terá lugar a presentación do libro Versus Cianuro. Poemas contra a mina de Corcoesto, libro de autoría colectiva no que participan 75 autores/as promovido pola Plataforma en defensa de Corcoesto e Bergantiños. Neste acto recitarán as poetas Verónica Martínez, Alberte Momán, María José Fernández, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Rochi Nóvoa Vázquez, Miro Villar, Paula Sánchez Lourido, Montse González Álvarez, Lupe Bao e Xosé Estévez. O acto tamén terá unha parte musical coa participación de Anxos, Branca, Pepa, Carolina, Os Folkgazais, e Foolmakers. A presentación do acto correrá a cargo de Lois Pérez e Xosé Estévez.

Ás 23:00, tamén no Clavicémbalo, desenvolverase a segunda edición do certame de monólogos Lugo de Medo. Monólogos de terror. Desta volta contaremos coa actuación de Alberte Montes e máis Lois Pérez. O prezo da entrada é de 5 euros.

 O sábado 21 de setembro a nosa sección Ultreia Mocidade e Patrimonio organiza un novo roteiro. Desta volta percorreremos a Terra Cha, concretamente o concello de Cospeito. A xornada constará dunha camiñata pola senda que rodea a Lagoa de Cospeito e, posteriormente, a visita á Torre de Caldaloba, último bastión resistente á ocupación castelá do Reino de Galiza, até que foi asediada polas tropas do Comendador López de Haro no 1486. Sairemos ás 10:30 de diante da Estación de autocarros de Lugo, onde nos repartiremos en carros para dirixirnos ao noso destino. A inscrición pódese facer en culturadopais@gmail.com.