Volta do verán: Olimpíadas Rurais e curso de fotografía

Cultura do País volta oficialmente das vacacións a partir da vindeira fin de semana. O sábado 31 de agosto, a nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, participará canda a representantes do Suévia de Compostela e máis de Afiadoras de Ourense nunha demostración de fútebol gaélico dentro da programación das II Olimpíadas Rurais de Meira, organizadas pola Asociación Cultural Eme de Meira e máis pola Federación Rural Galega (FRUGA). A sesión de fútebol gaélico comezará ás 12:00 e servirá de presentación da Liga Gallaecia, que botará a andar a partir do vindeiro 25 de setembro. Ademais, haberá campeonatos de birlos celtas, billarda, tiro de corda, lanzamento de colmeira e carreiras de rolos de herba.

A partir do 3 de setembro comezaremos o curso de iniciación á fotografía, que se impartirá no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1 -baixo 5) os martes e xoves da primeira quincena no mes. As inscricións estarán abertas até o 1 de setembro enviando un correo-e a culturadopais@gmail.com.

Nace a Liga Gallaecia de fútebol gaélico

O pasado mércores foi presentada, na Gentalha do Pichel en Compostela, a Liga Gallaecia de Fútebol Gaélico, que integran cinco equipas do noso país que levan desenvolvendo adestramentos ou partidos de fútebol gaélico ao longo do último ano. A nosa equipa, os Torques de Lugoslavia, é unha das fundadoras da Liga xunta Suévia de Compostela, Afiadoras de Ourense, Faísca de Vigo e Cascarilha da Coruña.

As equipas que fan parte inicialmente da Liga Gallaecia procuran reforzar a ligazón cultural céltica que Galiza ten con Irlanda e o resto de países desa comunidade cultural. Ao mesmo tempo, buscan a práctica dun deporte no que prima o irmandamento e a práctica do deporte de base. Procúrase, tamén, rachar coas normas segregacionistas por sexo que imperan nos deportes máis mediáticos e con perfil profesional, de maneira que na Liga Gallaecia as equipas serán mixtas. As xornadas celebraranse coincidindo coas principais festas das cidades e vilas que sexan sé das equipas.

Desde Cultura do País celebramos o nacemento desta nova competición e animamos a outros colectivos e persoas a nivel individual á práctica deste deporte que está a coller pulo en Galiza, uníndose na Liga Gallaecia. O prazo de inscrición remata o 25 de setembro. Podédesvos inscribir en ligagallaecia@gmail.com.

Aquí podes ver o vídeo da presentación da Liga Gallaecia de futebol gaélico.