25 de xullo: Festigal e debut dos Torques

Outro ano máis, Cultura do País participará cun stand propio no Festigal, evento que organiza no Campus Sur de Compostela a Fundación Galiza Sempre con motivo da celebración do Día da Patria Galega. Desta volta, a festa adica un espazo aos locais e centros sociais de varios puntos do País, onde compartiremos experiencias coa Gentalha do Pichel (Compostela), A Revira (Pontevedra), C.S. En Pé (Pontevedra), Faísca (Vigo), Gomes Gaioso (A Coruña) e Colectivo Terra (Pontedeume), nunha palestra conxunta na que falaremos de modelos organizativos deste tipo de espazos. Este acto terá lugar o 25 de xullo ás 16:00 no espazo de centros sociais do Festigal.

Ás 19:15, dentro da programación do Festigal, terá lugar a estrea da nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, nun torneo triangular que terá lugar no campo de hoquei do Colexio Maior San Clemente, no mesmo Campus Sur. Os Torques mediranse ao Suévia de Compostela e máis a Afiadores/as de Ourense nun campeonato no formato 3×1. Convocamos a simpatizantes e siareiros da nosa equipa a torcer polos Torques!

 

Setembro: curso de iniciación á fotografía

Antes de tomar o descanso estival, Cultura do País xa lanza unha proposta para a volta das vacacións. Temos programado un curso de iniciación á fotografía que se desenvolverá ao longo da primeira quincena de setembro, con sesións teóricas e prácticas e unha duración total de 10 horas.

As aulas impartiranse os martes e xoves da primeira metade do mes de setembro de 20:00 a 22:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5); comezando o 3 de setembro e rematando o xoves 12 do mesmo mes. O prezo do curso é de 20 euros, con prezo reducido de 10 euros para socios/as de Cultura do País. Recoméndase, de ser posíbel, levar cámara reflex, mais non é obrigatorio; pois haberá varias dispoñíbeis de uso comunitario.

A inscrición pódese efectuar a través dun correo-e ao noso enderezo, culturadopais@gmail.com, até o 1 de setembro.

 

Mércores 10 de xullo: encontro con Paulo Soriano

Antes de comezar o período feriado do verán, Cultura do País ten preparado un acto co escritor brasileiro Paulo Soriano para o vindeiro mércores 10 de xullo a partir das 21:30 no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1 -baixo 5).

Paulo Soriano é un contista especializado no xénero do terror, sendo laureado no “VII Prêmio Literário Asabeça” (2007) e no certame “Brasília é uma Festa” (2012). Organizou e participou de varias antoloxías de contos brasileiros, tanto como editor como co-autor. É autor de Histórias Nefastas (2008) e Contos Galegos (2013).

Neste encontro dará a coñecer a literatura fantástica brasileira, centrándose nos xéneros de ficción científica e terror; así como da plataforma A Irmandade, conformada por autores adscritos a eses xéneros, que preve o lanzamento dunha antoloxía de contos. Tamén abordará o labor do mercado editorial na difusión destas obras e divulgará o traballo dun dos contistas máis relevantes do Brasil: Paulo de Sousa Causo.