Xoves 4 de xullo: Cultura Express

Cultura do País ten programada para o vindeiro xoves 4 de xullo unha xornada de tres horas de cultura concentrada, que está destinada a poñer en valor a cultura lucense: a creación cultural, a promoción de actividades e eventos e a defensa do patrimonio cultural. Quixemos realizar as actividades en diferentes lugares da zona centro, a xeito de roteiro cultural, que conforme unha serie de intervencións curtas -concentradas- que se suceden ao longo da xornada; ao que lle demos o nome de Cultura Express.

A actividade comezará ás 18:30 na terraza da Cafetaría Canela (Pza. Maior) cun recital poético que contará coa participación de Lupe Bao, Adela Figueroa, Xosé Estévez, Lara Lodeiro, José Otero, Toño Núñez, María José Fernández e Eugénio Outeiro. Todas estas persoas son poetas lucenses que recitarán poemas da súa creación.

A seguinte parada será ás 19:15 hs. no Pazo das Pombas (Pza. do Campo), onde José Manuel Aldea, xerente da empresa Ouvirmos, disertará sobre a xestión cultural en Galiza, dándonos conta da súa experiencia.  Ás 20:00 hs., na tenda Triple B (Pza. do Campo), será Álvaro Pardo (Dr.Think) quen nos falará sobre tendencias e xestión de empresas musicais.

O roteiro rematará ás 21:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) cunha presentación sobre as loitas contra a destrución do patrimonio cultural, na que intervirá Manuel Miranda, membro do colectivo Mariña Patrimonio.

Non o perdas!

Sábado 15 de xuño: xantar celta no Lar

Cultura do País organiza, outro ano máis, a resistencia do pobo galaico contra as tropas invasoras do Imperio Romano durante a festa do Arde Lucus. Desta volta será mediante a celebración dun xantar celta no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5). Este evento, no que se contará cun menú enerxético para coller forzas coas que resistir o embate imperialista, terá lugar o vindeiro sábado 15 de xuño a partir das 14:00 hs. Ten un custo de 10 euros e, para participar nel, é preciso anotarse antes do xoves 13 de xuño ás 15:00 hs. en culturadopais@gmail.com.

Neste evento contaremos cun photo-call no que se fotografarán os/as galaicos/as asistentes, participando nun concurso a través da nosa conta de facebook ás vestimentas mellor caracterizadas. Quen teña máis ‘gostos’ nas categorías feminina e masculina levará un premio en material da nosa Asociación.

Unha vez que a treba galaica de Cultura do País estea ben alimentada e coas forzas repostas, sairemos á batalla realizando unha flashmob na que difundiremos lemas reivindicando a conservación do conxunto arqueolóxico descuberto na parroquia de Coeses, ameazado polas obras da autovía da Lugo-Compostela. Isto enmárcase nas accións conxuntas que estamos a realizar con outros colectivos en defensa do patrimonio para solicitar das administracións a súa implicación na preservación e promoción da investigación sobre estes importantes restos de finais da Idade do Bronce.

Romani ite domum!

Salvemos o xacemento arqueolóxico de Coeses

Ante as informacións que circularon nos últimos días, Cultura do País formulou preguntas á Dirección Xeral de Patrimonio e ao Ministerio de Cultura interesándose polos resultados dos achádegos arqueolóxicos nas obras da Autovía Lugo-Compostela na parroquia lucense de Coeses. Este xacemento, que segundo as mesmas informacións podería consistir nunha necrópole da última Idade de Bronce, nos inicios do período chamado ‘castrexo’, está localizado dentro da área de protección do Castro Valente, ben catalogado,  e está sendo excavado por razóns de urxencia dentro das obras da autovía.

Convén recordar que a autovía fora desviada cara ao sur unha primeira vez logo de “atopar” ese castro celta que, sorprendentemente, non estaba catalogado e non se tivera en consideración no proxecto inicial. Nesa primeira desviación cara ao sur deseñouse un novo trazado por dentro da área de protección do Castro Valente, onde se atopou un círculo lítico inédito no territorio galego e similar aos que existen noutros países con culturas afíns como Gales ou Irlanda.

Daquela, decidiuse protexer ese importante achádego e, en lugar de desviar a autovía cara ao sur, as informacións indican que existe a pretensión de construír a obra entre o círculo lítico e o castro. Nese espazo é onde apareceu a necrópole mencionada, e no cal segundo as informacións publicadas e os restos visíbeis, existen restos de lumes de piras funerarias, algo único e excepcional no noso territorio, que poderían abrir luz sobre como se producían os soterramentos na época dos castros, cuestión até o de agora aínda non resolta.

Desde Cultura do País entendemos que todos os restos atopados deben ser tratados en conxunto e posúen un valor inconmensurábel, o cal necesariamente debe implicar a súa conservación e estudo. A destrución deste xacemento sería unha aberración impropia dun pobo civilizado que valora a súa historia e cultura. Así pois, avogamos inequivocamente polo deseño dun novo trazado da autovía Lugo-Santiago que permita conservar e pór en valor un patrimonio único. Nos vindeiros días promoveremos, xunto con outras entidades de defensa do patrimonio, iniciativas para reivindicar que se conserven estes restos e se promova a excavación e a investigación arredor destes achádegos.

Sábado 8 de xuño, clube de leitura: O Canto do Muecín

O vindeiro sábado 8 de xuño en Cultura do País temos unha nova sesión do noso clube de leitura. Desta volta, o libro escollido para ler e comentar entre os/as membros do clube foi O Canto do Muecín, do escritor lucense Lois Diéguez; que versa sobre unha viaxe do autor a Siria. Neste acto, que comezará ás 16:30 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), contaremos coa presenza do autor para compartirmos comentarios e reflexións sobre a obra, servindo de leitmotiv para falarmos sobre a cultura árabe e a situación social e política nese país, esmagado polo imperialismo. Aínda que non lerades o libro, queremos animarvos a asistir e participar do coloquio.

Cultura do País adhire a Plataforma Sarria Libre de Touradas

Cultura do País vén de integrarse na Plataforma Sarria Libre de Touradas, promovida por colectivos de Lugo e Sarria para protestar pola organización, con apoio das institucións públicas e dentro do programa das festas patronais da vila de Sarria, de corridas de touros.

Alén do que supón de maltrato animal a tortura con diferentes medios para divertimento público -práctica que debería estar prohibida por lei como así é noutros países-; trátase dunha actividade imposta que non pertence á cultura galega, que se caracteriza por promover uns valores moito máis respectuosos coa integridade dos animais. Consideramos totalmente inaceptable que se utilicen recursos públicos que terían que ser investidos en promocionar a cultura propia, conservar o patrimonio ou normalizar o uso da nosa lingua para dar relevancia pública a un espectáculo macabro e denigrante como o das touradas, que nada ten que ver co noso País.

Desde Cultura do País queremos animarvos a asinar o manifesto da Plataforma, que podedes ler aquí. Do mesmo xeito, animámosvos a participar nas mobilizacións que se promovan desde a plataforma e deixar constancia do rexeitamento social a estas prácticas.

A tortura non é arte nin cultura!