Adestramento dos Torques e mobilización contra a troika

A nosa equipa de fútebol gaélico, os Torques de Lugoslavia, continúa cos seus adestramentos. As nosas xogadoras xuntaranse de novo hoxe, venres, ás 19:45 no Lar da Cultura do País, para dixirse ao Campo Municipal de Nadela realizaren a práctica. Desta volta, contarán coa presenza de membros da equipa compostelana Suevia, promovida pola Gentalha do Pichel; quen compartirán coñecementos técnicos e tácticos co noso combinado.

Mañá, sábado 1 de xuño, Cultura do País, xunto con 15 colectivos sociais máis, participa da convocatoria da mobilización Pobos unidos contra a troika. Galiza contra a troika e as políticas do PP, que secunda a convocatoria europea de manifestacións contra as políticas de recortes sociais e a favor do grande capital financeiro que veñen impostas desde a Unión Europea. A marcha sairá ás 12:00 de diante do Parque de Frigsa (Avda. da Coruña).

 

Maio: mes da lingua… e moito máis

O mes de maio está adicado á lingua en Cultura do País, mais tamén temos unha ampla oferta de actividades que vos avanzamos a continuación.

O vindeiro venres 10 de maio organizamos a partir das 20:30 na Sala Velvet Underground (R/Dr. Fleming, 1) un Recital de poesía erótica no que participarán até unha ducia de poetas, presentadas por Lois Pérez. Darase voz a novas creadoras que están a presentar as súas obras e mesmo a gañar premios, xunto a autoras consolidadas, como é o caso de Carme Blanco, Alberte Momán, Xosé Estévez, Eugénio Outeiro, María Xosé Fernández, Paco Souto, Natalia Alonso ou o portugués Virgílio Liquito. Ao remate, ás 22:30, celebraremos no Lar da Cultura do País unha festa irlandesa, para recadar fondos para material para a recentemente xurdida equipa de fútebol gaélico da Asociación, os Torques de Lugoslavia.

Ademais disto, como todos os venres, continuamos a ter no noso local os obradoiros de contacontos en galego de 17:30 a 18:30 a cargo de Anima Acción.

O martes 14 de maio ás 20:00 no Lar da Cultura do País terá lugar a presentación do novo libro do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Esta obra, que leva como título Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ten como principal finalidade animar ao uso do galego, reducir o número de “galego-calantes”: de xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social.

O 17 de maio, Día das Letras, chamamos a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego, da que facemos parte, ás 12:00 na Alameda de Compostela, baixo o lema ‘Non queremos ser estranxeiras na propia Patria’. Asemade, animamos a participar da campaña desenvolvida pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) baixo o lema ‘Multiplica x100 a tua língua’.

As actividades arredor do idioma continúan coa Festa pola Lingua que organizamos conxuntamente coa Liga Estudantil Galega, coa que nos queremos sumar á reivindicación contra a LOMCE e aportar o noso grao de area á loita da comunidade educativa contra a privatización e españolización do ensino. É por isto que lle puxemos como lema ‘En galego, sen Wert-goña’. Contaremos cun espectáculo variado, coa actuación do monologuista Anxo Manoel (do grupo Menos dá unha pedra) coa peza ‘Animaliños. Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño’ e posteriormente festa rachada cos Ultraqäns. Todo isto o venres 24 de maio a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22) e coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Contínua da Universidade de Santiago de Compostela.

Para completar a actividade mensual, a nosa sección Ultreia Mocidade e Patrimonio ten preparado un novo roteiro para o domingo 26 de maio, desta volta polas Terras de Burón, para visitarmos a sauna celta e o castro de Castañoso. Percorrerase o roteiro de montaña entre Maderne e Os Vaos. Os puntos de quedada para distribuírnos en carros serán ás 9:00 hs. diante da Estación de Autocarros de Lugo e ás 10:15 hs. diante do Museo da Fonsagrada. É un roteiro de dificultade media-alta, cunha duración aproximada de 6 horas. Recoméndase levar comida e bebida, así como roupa e calzado axeitados. Inscricións en: culturadopais@gmail.com.

Torques de Lugoslavia: nace a equipa lucense de fútebol gaélico

O pasado venres 3 de maio tivo lugar o primeiro adestramento da equipa de fútebol gaélico promovida por Cultura do País: os Torques de Lugoslavia. Esta equipa, á que xa están inscritas máis de ducia e media de participantes, tivo o seu primeiro contacto co balón no Campo Municipal de Nadela, cedido polo Concello de Lugo para o treinamento. As sesións de adestramento terán lugar todos os venres de 20:30 a 22:00. Para desprazarnos até alí combinamos no Lar da Cultura do País ás 19:45.

Anímate e experimenta o fútebol gaélico!