Xoves 2 de maio, Cultura de Barrio (3): Augas Férreas

O ciclo de actividades culturais nos barrios de Lugo promovido por Cultura do País pecha o vindeiro xoves 2 de maio cunha actividade adicada a nenos e nenas na Praza de Augas Férreas. A partir das 17:30 a empresa Cool School desenvolverá un obradoiro con actividades en galego e inglés para crianzas co que procurará poñer en valor a utilidade da nosa lingua como idioma vehicular para achegármonos a idiomas estranxeiros.

Venres 26 de abril: cea italiana e IIIª Noite da Lusofonía

Para o vindeiro venres 26 de abril, Cultura do País, en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, trae unha nova edición dunha actividade xa consolidada no noso calendario: a Noite da Lusofonía. Esta actividade, coa que procuramos reforzar os lazos culturais que nos unen coa cultura dos países de fala lusófona e poñer en valor a utilidade internacional da nosa lingua, está adicada este ano a Brasil. Para esta nova edición, a terceira consecutiva, contaremos coa actuación de Fred Martins, un dos mellores compositores brasileiros da súa xeración, que ten traballado con figuras consagradas da música do seu país como Zélia Duncan, Ney Matogroso ou María Rita. A actuación desenvolverase no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22) a partir das 23:00. O prezo da entrada é de 4 euros, con prezo reducido de 2 euros para socios/as de Cultura do País e alumnos/as da Escola de Idiomas.

Para coller folgos para esta actividade, a nosa sección gastronómica Conto da Feira ten preparada, a partir das 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) unha cea italiana; na que poderemos degustar algunhas das especialidades da gastronomía dese país, que darán pé a falar da súa historia, xeografía e cultura.

 

Venres 12 de abril: encontro coa cultura canaria

Cultura do País e máis a Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde teñen preparada unha xornada adicada á cultura tradicional canaria. Para isto contaremos coa visita a Lugo de Rogelio Botanz. Este cantautor e mestre de educación musical de orixe vasca mais instalado en Canarias desde hai tres décadas, constitúe todo un referente da música popular canaria, desde a creación do Taller Canario de Canción, grupo que dá pulo á nova canción canaria nos anos oitenta. Trátase, ademais, do principal recuperador do silbo gomero, impulsando o seu ensino nas escolas da illa Gomera.

O silbo gomero é un sistema de comunicación que se remonta á orixe amazigh de Canarias e que perviviu secularmente até que se viu ameazado polas novas tecnoloxías da comunicación. Cando se emite un “texto silbado”, créase unha liña melódica que garda relación directa coas verbas concretas que se están a comunicar, de maneira que un silbador experimentado descifra a mensaxe palabra a palabra a través da súa melodía.

Desde Cultura do País quixemos facer este encontro aproveitando a estancia en Galiza de Rogelio Botanz para poñer en valor as iniciativas que nos pobos cunha cultura propia como é o caso do galego ou o canario se poñen en marcha para recuperar a súa identidade e diferencialidade nacional.

Esta xornada, que terá lugar o vindeiro venres 12 de abril, desenvolverase en dúas partes: ás 18:30 hs, no local da Asociación de Música Creativa (R/Ramón Montenegro, 3), terá lugar unha xuntanza e intercambio de experiencias con grupos musicais e colectivos de promoción da cultura tradicional de Lugo.

Ás 20:00 hs. no Museo Provincial (Pza. da Soidade) Rogelio Botanz ofrecerá un concerto no que se fará unha exhibición de silbo gomero a cargo de dous alumnos da Escola de Silbo Gomero do Colexio Acentejo, da illa de Tenerife: Marcelo Méndez e Carlos García, de 12 e 11 anos.

Neste acto colaboran a Asociación Cultural Roxín Roxal, de Paderne, a escola de música Fábrica de Sons e máis a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Actividades para abril

Abril será outro mes cheo de actividades en Cultura do País. O mércores 3 de abril ás 21:00 teremos no Lar a vindeira sesión do noso clube de leitura, adicada ao poemario Mordida, de Uxío Outeiro, socio da nosa Asociación. Para esta xuntanza contaremos coa presenza do autor, que participará no comentario do libro.

O venres 5 de abril chega a segunda entrega do ciclo de actividades nos barrios que denominamos Cultura de Barrio, desta volta na Piringalla, na Cafetaría Andión, a partir das 23:00hs. Lois Pérez tennos preparado un monólogo no que fará unha volta á infancia no barrio da Piringalla na altura de 1989, con reminiscencias d’A cruzada dos nenos, de Marcel Schowb e algunhas historias máis… con sorpresa… non o perdades!

A fin de semana do 6 e 7 de abril Cultura do País dará acollida en Lugo á sociedade compostelana A Gentalha do Pichel, que se achega á nosa cidade dentro do seu ciclo de visitas ás capitais históricas do Reino de Galiza. Visitaremos os principais museos e puntos de interese na cidade e nos concellos da comarca. Non podían faltar tampouco, tratándose de Lugo, actividades de exaltación da cultura gastronómica local, como o roteiro de tapas ou os xantares que hai programados. Unha cita a non perder para coñecermos mellor a nosa comarca.

En abril volve, por terceiro ano consecutivo, a Noite da Lusofonía. Este evento, co que pretendemos poñer en valor o carácter internacional da nosa lingua e reforzar os lazos coa lusofonía, estará adicado este ano a Brasil. O venres 26 de abril contaremos coa actuación de Fred Martins no Clavicémbalo a partir das 23:00 e algunha outra actividade que iremos avanzando máis adiante.