venres 22 de marzo: comeza o ciclo Cultura de Barrio

Cultura do País inicia unha serie de actividades en varios barrios da cidade de Lugo, que teñen como finalidade dar a coñecer novas iniciativas e actividades arredor da comunicación e do ensino e lecer con crianzas. Retomamos desta maneira os ciclos de monólogos que temos organizado o ano pasado e engadimos outro tipo de actividades lúdicas na rúa, tentando espallar por varios barrios da cidade as nosas actividades.

Este ciclo, que contará con tres actividades en tres barrios diferentes, ten o seu inicio o vindeiro venres 22 de marzo ás 23:00 na Cervexaría Abadía, na Praza da Milagrosa. Neste local, que xa ten acollido outros actos nosos, teremos de novo a Isa Chao para facernos pasar un bo anaco cun novo monólogo preparado para a ocasión.

A seguinte xornada será no barrio da Piringalla, o 5 de abril, cun monólogo de Lois Pérez na Cafetaría Andión. O ciclo péchase o xoves 2 de maio en Augas Férreas cun obradoiro de aprendizaxe galego-inglés para nenos/as promovido por Cool School.

8 de marzo no Lar: contacontos e palestra

Hoxe, venres 8 de marzo, continúan a realizarse os obradoiros de contacontos para nenos e nenas no Lar. Esta actividade, que tivo o seu comezo o pasado venres 1 de marzo cunha boa acollida por parte de pais, nais e pícaros/as, terá a segunda sesión hoxe de 17:30 a 18:30, de novo a cargo da empresa de lecer Anima Acción.

Ás 19:00 hai convocada unha concentración na Praza de Santo Domingo, diante da árbore da vida, polo Día da Muller Traballadora, na que animamos a participar a toda a nosa malta. Rematada a concentración, por volta das 21:00, terá lugar a presentación do número 6 dos nosos cadernos formativos, o Ronsel da Cultura do País, titulado A participación das mulleres no primeiro terzo do século XX. O galeguismo. A autora do texto, a historiadora e socia da nosa Asociación Isabel Rodríguez Mate, forneceranos de datos sobre a voz e o papel das militantes nacionalistas, moitas veces silenzadas pola historia oficial.

Marzo: comezo cheo de actividade

Despois da interesante excursión organizada pola nosa Sección Ultreia Mocidade e Patrimonio á comarca do Bierzo, Cultura do País enceta a primeira semana de marzo cunha chea de actividades no noso local social.

O mércores 6 de marzo inaugúranse no Lar da Cultura do País as Xornadas de Lingua e Cultura Portuguesa, organizadas en colaboración coa Liga Estudantil Galega. Estas xornadas, que contan co recoñecemento dun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, darán comezo este mércores a partir das 19:30 hs. cunha palestra sobre a Historia de Portugal, impartida polo Doutor en Humanidades Antón Somoza. O xoves 7 de marzo continuará a actividade cunhas aulas de bases lingüísticas do portugués impartidas polo profesor da EOI de Lugo Joseph Ghanime e máis a proxección de cinema clásico O Pai Tirano.

O venres 8 de marzo a partir das 21:00 hs., Cultura do País súmase á reivindicación antipatriarcal do Día da Muller Traballadora cunha nova actividade: presentarase no Lar o número 6 dos nosos cadernos formativos, o Ronsel da Cultura do País, adicado á participación política da muller no galeguismo do primeiro terzo do século XX. A súa autora, a historiadora Isabel Rodríguez Mate, presentaranos ás mulleres máis activas nas loitas de reivindicación cultural e nacional da época, reivindicando o seu papel na historia do nacionalismo.

O sábado 9 de marzo acolleremos a presentación do libro O galego é uma oportunidade, a través dun obradoiro que correrá a cargo dos autores: Jose R. Pichel e máis Valentim R. Fagim. Neste acto, que se desenvolverá tamén no Lar da Cultura do País a partir das 18:30 hs., exporase esta publicación, que está orientada a poñer en valor a comunidade lingüística coa lusofonía e o carácter internacional da nosa lingua para persoas castelán-falantes.