Cultura do País: actividade durante o primeiro trimestre do ano

En Cultura do País estamos a preparar unha manchea de actividades para os vindeiros meses. Comezaremos xa este venres 1 de febreiro coa vindeira sesión -e vai pola terceira xa- do noso Clube de Leitura. O libro escollido desta volta foi As voces baixas, de Manuel Rivas, que será comentado entre os/as membros do Clube que o leron a partir das 21:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5). A seguinte tertulia literaria versará sobre o poemario do noso socio Eugénio Outeiro: Mordida.

A partir do luns 18 de febreiro ofrecemos unha nova actividade no noso local. Darán comezo as aulas de iniciación ao ioga. A estrutura das aulas está composta por: relaxación, respiración, asanas, meditación e mantras. Desenvolveranse en sesións de 20:15 a 21:30 todos os luns ao longo dos meses de febreiro e marzo, co custo de 20 euros/mes (prezo reducido de 15 euros para socios/as de Cultura do País). Podédesvos inscribir en: ogemoises@yahoo.es (tlf.: 600658123).

Para o sábado 2 de marzo a nosa sección Ultreia Mocidade e Patrimonio, en colaboración con Fala Ceibe, organiza un novo roteiro, desta volta pola comarca do Bierzo. Nesta actividade, titulada O Bierzo: patrimonio e lingua no Oriente galego, visitaremos varios puntos de interese na zona: o mosteiro de Carracedo, as Médulas, o Castelo de Cornatelo e a cidade de Ponferrada, entre outros. O custo da inscrición é de 25 euros (inclúe xantar e gastos de visitas guiadas). Para información e inscrición dirixídevos a culturadopais@gmail.com.

A partir do 6 e até o 15 de marzo desenvolveranse as Xornadas de Lingua e Cultura Portuguesa, organizadas en colaboración coa Liga Estudantil Galega, que se desenvolverán na Facultade de Veterinaria e máis no Lar da Cultura do País. Diferentes aspectos da lingua, a cultura e a historia de Portugal serán tratados nestas xornadas pensadas para estudantes universitarios/as. Para esta actividade formativa, que constará dun total de 30 horas, está solicitado o recoñecemento dun crédito de libre configuración para todas as titulacións da Universidade de Santiago de Compostela. Podédesvos inscribir até cubrir o límite de prazas (50 en total) entre o 1 e o 28 de febreiro, no seguinte enderezo electrónico: ligaestudantil.lugo@gmail.com.

O sábado 9 de marzo preséntase tamén no Lar O galego é uma oportunidade, de Valentim R. Fagim e Jose Ramom Pichel. Esta publicación, que pretende poñer en valor o carácter internacional, extenso e útil do galego-portugués para español-falantes, presentarase a través dun obradoiro dirixido polos autores a partir das 18:30 hs. no noso local social.