venres 28 de decembro: o apalpador chega ao Lar

O apalpador, figura da tradición galega que reside nas devesas do Courel, baixará, como todos os anos polo Nadal, para visitar a nenos e nenas e traerlles unha presa de castañas. O venres 28 de decembro chegará ao Lar da Cultura do País. Por isto, organizamos unha serie de actividades para preparar o seu recibimento.

A partir das 18:00 as crianzas poderán aprender e desfrutar cun obradoiro de teatro e música arredor do conto do apalpador. Desta maneira iranse preparando para recibir ao noso carboeiro da montaña, que ten prevista a chegada por volta das 19:00. 

A partir das 20:15 terá lugar unha palestra de presentación do vídeo ‘e há de vir o apalpador’, elaborado pola Comissom de História da Gentalha do Pichel. Unha representación desta entidade cultural compostelá exporanos o inxente traballo que levan facendo desde anos na recuperación da tradición do apalpador.

 

Venres 14 de decembro: presentación de Fol de Veneno

A Sociedade Galega de Antropoloxía (SAGA) presentará o vindeiro venres 14 de decembro a partir das 20:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1 baixo 5) o segundo número da súa revista Fol de Veneno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, no que se recollen varios traballos de contido etnográfico e antropolóxico sobre o noso país. No acto participarán Rafael Quintía, director da revista e presidente da SAGA e máis Miguel Losada, redactor Xefe e secretario da citada sociedade. Este acto servirá tamén de presentación da actividade da SAGA e dos estudos que están a realizar en diversos eidos.

O Apalpador, á venda no Lar

Desde Cultura do País continuamos a difundir as tradicións galegas e colaborar na recuperación da nosa cultura inmaterial. É por isto que, desde hoxe temos no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) os bonecos do Apalpador. Este personaxe mítico da montaña lucense logo vai iniciar a súa andaina apalpando as barrigas de nenos e nenas e agasallándolles unha presa de castañas.

As persoas que queirades levar para as crianzas un boneco do Apalpador podédelo adquirir no noso local social no horario de apertura habitual (mércores, xoves e venres de 20:00 a 22:00) ao prezo de 15 euros.