Sábado 17 de novembro: 94º Aniversario do Manifesto de Lugo

Cultura do País organiza, por cuarto ano consecutivo, os actos de conmemoración do aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista -que tivo lugar en Lugo o 18 de novembro de 1918-. Para esta cuarta edición, procuramos centrar a actividade na participación política das mulleres naqueles tempos, dado que é un aspecto ao que se adoita dar pouca relevancia.

Os actos de homenaxe comezarán ás 17:30 cunha ofrenda floral diante do Hotel Méndez Núñez, sé da Asemblea Nacionalista. Posteriormente, terá lugar a parte formativa da xornada, cunha charla-coloquio que terá lugar no noso local social, o Lar da Cultura do País, a partir das 18:30. Baixo o título “A participación política das mulleres durante o primeiro terzo do século XX. O galeguismo”, a historiadora Isabel Rodríguez Mate, socia de Cultura do País, daranos a coñecer diferentes aspectos da implicación feminina na esfera pública e no movemento nacionalista da época.

A xornada rematará coa celebración da xa tradicional Festa Dandi, a partir das 23:00 no Pub New Kursal, coa actuación do grupo Cabraret. Para esta edición vólvese facer o concurso dos Premios Dandi, asignados aquelas persoas que acudan á festa cos mellores vestidos de estética dandi dos anos 20; que consistirán en pezas de olaría de Bonxe. A entrada é gratuíta.

Cultura do País propón novos nomes para as rúas adicadas a cargos da ditadura

O pasado venres 9 de novembro a nosa Asociación presentou no rexistro do Concello de Lugo unha proposta dirixida á Comisión do Rueiro na que se propuñan dez nomes para as prazas e rúas do municipio. Esta iniciativa é resposta ao anuncio feito polo Concello segundo o cal se vai proceder a eliminar os nomes referentes á ditadura franquista e relacionados coa represión do rueiro da nosa cidade.

Desde Cultura do País avaliamos positivamente esa medida, que xa foi demandada pola nosa Asociación hai un ano, a través dunha proposta conxunta coa Mesa pola Normalización Lingüística. É por isto que presentamos varias alternativas para suplir eses nomes, propoñendo nomes de persoeiros, feitos ou territorios de relevancia para a historia e a cultura galegas. Estas propostas son as seguintes:

Lois Peña Novo (Vilalba, 1893-Robra, Outeiro de Rei, 1967): foi un dos membros máis destacados das Irmandades da Fala desde a súa fundación, tendo unha especial relevancia a súa participación na Iª Asemblea Nacionalista celebrada na nosa cidade (18 de novembro de 1918), chegando a ser concelleiro na Coruña (1923) e deputado nas Cortes Republicanas pola provincia de Lugo (1931-1933). Ten tamén unha destacada actividade nos mitins de propaganda pro-Estatuto de Autonomía en 1936, cando exerce, ademáis, posto de Secretario do Concello de Lugo. Co golpe de Estado, é afastado dese posto e deportado a Mallén (Zaragoza). Destacou na elaboración de estudos sobre a economía galega, especialmente no relativo ás caixas de aforros e a temas agrarios.

Conde Roi Ovéquiz (cir. 1065-1090): este conde lugués, antigo membro da corte real do rei García, sublévase na nosa cidade en defensa da independencia do reino de Galiza en 1085, conseguindo expulsar aos partidarios do rei Afonso de León. Ovéquiz e os seus aliados proclaman de novo rei de Galiza a García e tentan darlle continuidade ao seu reinado. Mais en 1088 as tropas de Afonso de León conseguirán vencer aos leais a García, encarcerándoos a todos.

Xosé Ramón e Fernández-Oxea, “Ben-Cho-Shey” (Ourense, 1896-Madrid, 1988): mestre e xornalista, con estudos superiores internacionais de pedagoxía, accede en 1934 á praza de Inspector de Primeiro Ensino en Lugo, onde tamén será presidente do Grupo do Partido Galeguista na cidade. Co golpe de Estado de 1936 vai ser perseguido: depurado, sancionado co desterro á Inspección de Ensino da provincia de Cáceres. Posteriormente consigue trasladarse a Madrid, onde inicia un intenso labor de recuperación e promoción da cultura galega en contacto con varios grupos culturais e políticos que se constitúen alí.

Mártires de Carral (1846): Lugo foi a principal cabeceira da revolución provincialista de 1846, que rematou co fusalimento dos principais líderes desa revolta en Carral. Ese era o nome que tiña antes do golpe de Estado de 1936 a actual Praza de Comandante Manso, unha das que que se van substituír, sendo de xustiza que se restitúa o nome orixinario.

Ramón Martínez López (1907-1989): Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, foi Catedrático de Literatura no Instituto de Lugo. Participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923) e da súa sección lucense, o Instituto da Cultura Galega (1930). Activista cultural e implicado na loita política e participando como orador en numerosos mitins. En 1936 imparte aulas no Instituto Español de Lisboa, facendo despois labores de agregado cultural da embaixada da República en Lisboa e París até 1937. É perseguido á súa volta, fuxindo polo Miño cara a Portugal e pasando ao exilio en Francia, Arxentina e Estados Unidos.

Conde Fruela Bermúdez, Conde de Lugo que no século IX se sublevou contra o rei Afonso III, chegando a ocupar Oviedo a proclamarse rei, obrigando a Afonso a fuxir e agocharse en terras castelás.

Veiga de Valcarce, en deferencia ao concello galego sito na provincia de León, lindeiro con Pedrafita, que o 24-02-2001 aprobou unha moción de cooficialidade da lingua galega. Asemade, tería o valor engadido de utilizar a toponimia real dese concello. Con este mesmo criterio poderíase propor adicar rúas a outros lugares de fala galega sitos fóra da C.A.G., co ánimo de contribuír a regularizar a súa denominación oficial: p. ex. “Vilafranca do Bierzo”, “Barxas”, “A Veiga”… Coa mesma finalidade de reforzar os lazos culturais con esa zona, suxerimos a idea de “Provincia do Bierzo“, demarcación galega que existiu no século XIX e incorporaba, ademais do Bierzo, a actual bisbarra ourensá de Valdeorras.

 José Moreno Torres, o Comandante Moreno, en recordo do sindicalista coruñés, oficial do Batallón Galicia durante a Guerra Civil, que foi capturado polos falanxistas en Fonsagrada e torturado até a morte. Os seus restos foron resgatados, xunto con outros, no Alto do Acivro, e hoxe repousan na Fonsagrada.

Aviador Xaquín Loriga (Lalín 1895 – Cuatro Vientos 1927): en 1924 realizou a fazaña de voar desde a Península Ibérica até Filipinas, e o 23 de xuño de 1927 aterrou no monte do Toxo de Lalín o primeiro avión que tomaba terra na Galiza. Morreu nun accidente de aviación no Aeródromo de Cuatro Vientos en 1927.

Ademais, trasladouse ao Concello a necesidade de que se fagan xestións para a eliminación da simboloxía franquista en varios edificios e espazos públicos da nosa cidade, como é o caso dos institutos da zona do Parque.

Venres 9 de novembro: presentación de Fugaz coincidencia

 

 

Cultura do País presenta unha nova obra literaria do noso socio Xosé Estévez. Desta volta, trátase da novela Fugaz coincidencia, na que se fai unha viaxe pola nosa historia recente, abordando o paso do tempo, os compromisos éticos, políticos e vitais e as relacións humanas.

O acto de presentación, que terá lugar o vindeiro venres 9 de novembro a partir das 20:30 no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5), combinará actuacións musicais e a intervención de amigos do autor que gardan relación coa cultura e coa comunicación social en Galiza: Tareixa Novo, profesora, que foi integrante do grupo Fuxan os Ventos, e Francisco Arrizado, quen foi xornalista no semanario A Nosa Terra e máis en Cope Lugo. Acompañarán a estes o cantautor lugués Josito e máis o grupo Lois e os Ganchos da Esquerda, que ofrecerán unha performance literario-musical.