Actividades para outubro

Cultura do País continúa a súa actividade no que resta do mes de outubro, cunha programación completa e variada.

O desmantelamento do ensino no rural centrará un coloquio que terá lugar o vindeiro venres 26 de outubro a partir das 20:00 no noso local social, o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1- baixo 5). Contaremos coa presenza de docentes e representantes de colectivos de nais e pais que loitan contra a supresión de unidades de docencia nos centros de ensino de Samos, Navia de Suarna, Cervantes e O Incio; quen nos exporán cal é a súa situación e a resposta popular ao abandono e perda de dereitos da comunidade educativa desas zonas da Montaña luguesa.

Para o domingo 28 de outubro, a nosa sección Ultreia: Mocidade e Patrimonio programa unha excursión a Becerreá e Triacastela para visitar as covas do paleolítico galego, achegándonos até as covas de Valdavara e Eirós. Tamén visitaremos neste percorrido a ponte e o aciñeiral de Cruzul, e mailo complexo kárstico dos Grobos en Becerreá; así como o castro de Cancelo en Triacastela. O lugar de saída é na Fonte do Rei en Lugo ás 10:00 hs., distribuíndonos en carros até os lugares indicados. Quen desexe inscribirse pode facelo no seguinte enderezo: culturadopais@gmail.com. Esta actividade realízase en colaboración coa Asociación Socio-Cultural O Iribio, de Triacastela.

A actividade deste mes remata coa organización por parte da Liga Estudantil Galega dunha xornada de recepción do estudantado de intercambio do Campus de Lugo, na que colabora a nosa Asociación. Esta actividade, que constará dun percorrido polo centro histórico de Lugo e un convivio amenizado con música tradicional no Lar da Cultura do País, terá lugar o vindeiro martes 30 de outubro a partir das 16:30 hs. O punto e encontro será diante da Facultade de Formación do Profesorado.