4 de outubro: IIª edición do Festival de Noso

Cultura do País vén de presentar hoxe, no Salón de Plenos do Concello de Lugo, a Segunda Edición do Festival de Noso. Como na ocasión anterior, tratarase dun festival destinado á mocidade e aos grupos que fan música en galego en diferentes estilos musicais. Será o xoves 4 de outubro a partir das 21:15 hs. na Praza do Campo Castelo.

Nesta segunda edición contaremos cun festival bastante rockeiro, coa presenza de grupos galegos de moito nivel:

  • Os John Deeres: banda que lle bota unha ollada aos anos 70, á psicodelia e ao rock clásico para crear a súa proposta musical. Teñen a influencia da potencia de Black Sabbath, do espírito de Led Zeppelin ou Deep Purple, e a psicodelia dos Doors e Hendrix. Cos John Deeres o hard rock clásico fala galego.
  • Terbutalina: grupo de Muros creado no 2010 que desenvolve temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons. En 2011 lanzan o seu traballo de presentación Live in Catoira e gravan o que será o seu primeiro LP de estudio (Broncodilatador). Un disco con 15 racións de gastropunk e música de diferentes estilos sempre baixo a premisa “mellor arriscarse e que rompa”; unha aposta variada que mestura diversión, velocidade e empanada.
  • Machina: banda galega de rock alternativo, hardcore melódico e metal alternativo cantado en galego e fundada en Cerceda no ano 2002. No 2005 gravan a súa primeira maqueta titulada S.Ó.S. Machina coa que saen gañadores do concurso Campussons. No 2009 publica Post-Bravú, a partir do que compartirá escenario con bandas consagradas como Boikot, Amparanoia, Habeas Corpus ou Berri Txarrak.

De novo temos a posibilidade de abrir as Festas do San Froilán contribuíndo coa nosa aportación a manter o carácter popular e fondamente enraizado na nosa cultura propia que tradicionalmente tiveron as festas patronais lucenses e que nos últimos anos se está a recuperar; coa re-edición da colaboración coa Área de Cultura do Concello de Lugo, que organiza as festas.

Un ano máis, De Noso e para vós… que non decaia!

Venres 14 de setembro: Lugo de medo. Monólogos de terror

Para a volta do verán, en Cultura do País xa temos preparadas novas actividades. Comezaremos realizando unha xornada adicada aos monólogos arredor de relatos de terror: Lugo de Medo. Monólogos de terror terá lugar o vindeiro venres 14 de setembro a partir das 23:30 no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 23). Contaremos con dúas persoas que xa colaboraron no ciclo de monólogos na Abadía que desenvolvemos no primeiro trimestre do ano: Isa Chao e Anxo Lamelo -este último integrante do grupo Menos dá unha pedra-. A entrada custa 2 euros, sendo de balde para socios/as de Cultura do País.

Ímolo pasar… de medo!