Cultura do País no Castro do Medulio: Romani ite domum!

Cultura do País adhírese á iniciativa de Trebas Galaicas, consistente na instalación do Castro do Medulio durante a festa do Arde Lucus e participará nas actividades que se celebren nese espazo para reivindicar o pasado celta e a existencia dunha cultura galaica previa á ocupación romana.

A nosa comitiva galaica unirase á de Trebas para recrear o asedio do Monte Medulio, resistindo con firmeza ante a acometida romana, que terá lugar o vindeiro sábado 24 de xuño ás 19:30 no Castro do Medulio (Cantiño de Nemesio Cobreros, entre o Cárcere Vello -antiga sé da policía local-  e o Seminario Maior).

Asemade, queremos recomendar as actividades que organiza Trebas Galaicas para nenos/as (sábado e domingo a partir das 12:00) e, especialmente, o desfile de xigantes e cabezudos, elaborados artesanalmente por membros de Trebas, que terá lugar o domingo.

Desde Cultura do País queremos facer un chamamento a toda a cidadanía lucense a reivindicar a nosa cultura e a nosa historia propias vestíndose de galaicos/as e participando nestas iniciativas; cuestionando o carácter predominantemente romano da festa, pois a instalación das tropas romanas na nosa cidade fíxose ocupando militarmente uns territorios poboados polas trebas galaicas, resistentes, que tiñan unha cultura e un medio de vida propio e diferenzado, que foi ao que a propia potencia ocupante puxo o nome de “Gallaecia”, orixe histórica do nome do noso País.

Romani ite domum!

Sábado 16 de xuño: roteiro da Sección Ultreia até Adai

O vindeiro sábado 16 de xuño, desde Ultreia, sección de mocidade e patrimonio de Cultura do País, organizamos unha xornada de visita e reivindicación do noso patrimonio e da nosa historia, coa realización dun roteiro até o singular complexo arqueolóxico de Adai, onde varios elementos nos presentan reminiscencias do que podería ser a orixe da cidade de Lugo: do latino Lucus, que fai referenza a unha fraga sagrada ou a un santuario silvestre, con clara referenza ao deus celta Lugh. Alí atópase unha estrutura desas características -a Pena Fita-, que ben podería ser a que deu nome á cidade. Arredor dese espazo pódense atopar, nun radio inmediato, varias pegadas da cultura galaica previa á ocupación romana: unha cista, o Castrillón, petróglifos… que serán obxecto da nosa visita.

O lugar de saída do roteiro é na Ponte Romana ás 12:00 hs. Realizaremos un percorrido de 6 km. Recoméndase levar comida. Podedes anotarvos no enderezo de correo-e da nosa Asociación:

culturadopais@gmail.com

Homenaxe ao Zeca Afonso en Lugo por GZ Vídeos

O portal GZ Vídeos disponibiliza en varias pezas as gravacións da xornada de conmemoración do 40 aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo que celebramos conxuntamente os departamentos de português da EOI e dos insittutos de Lugo, a Associação José Afonso e Cultura do País o pasado 5 de maio.

Nas seguintes ligazóns podedes acceder ao contido dos vídeos:

Escandinávia Bar

O Triângulo Mágico do Zeca; África, Portugal, Galiza

Grupo de Canto de Intervenção da AJA

Queremos agradecer ao GZ Vídeos o interese posto na actividade e a cobertura da mesma, disponibilizando uns recursos de grande calidade na rede.