Xoves 26 de abril: 2ª Noite da Lusofonía

Cultura do País, en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, celebra o vindeiro xoves 26 de abril a segunda edición da Noite da Lusofonía, evento co que pretendemos explicitar o carácter internacional da lingua galega e reforzar os lazos culturais cos países lusófonos. A primeira edición foi adicada a Angola e contou cunha actuación de Aline Frazão. Esta segunda edición, adicada a Portugal, quixémola enmarcar entre dous acontecementos: o 25 de Abril, data da Revolução dos Cravos, e mailo 40 Aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo en 1972.

O 25 de Abril de 1974 prodúcese o golpe militar levado a cabo polo Movimento das Forças Armadas e apoiado polas masas populares que pon fin ao longo réxime ditatorial do Estado Novo. O termo Revolução dos Cravos débese a un episodio deste levantamento popular, no que unha florista de Lisboa repartíu caraveis entre o pobo que tomaba a rúa, quen os ofrecían aos militares para os colocaren sobre as escopetas. A clave para iniciar o levantamento era a transmisión da canción Grândola, Vila Morena, de Jose Afonso, no programa Limite da Rádio Renascença. Esta canción fora ilegalizada polo goberno despois de gañar o Festival RTP da Canção por incitar ao comunismo. Esta canción fora cantada por primeira vez en Galiza no concerto que José Afonso dera no Burgo das Nacións en Compostela o 10 de maio de 1972, nunha xira que realizara polo noso país e pola cal fixera parada en Lugo o día anterior para ofrecer tamén un concerto. Este concerto tiña unha significación de loita antifascista nun contexto ditatorial tanto en Portugal como no Estado Español.

Leva, pois, como título Portugal: Abril Sempre, e contará coa actuación do lisboeta Gonçalo Guerreiro, destacado escenógrafo no seu país e integrante da compañía de teatro galego-portuguesa Elefante Elegante, que nos vai presentar unha sesión de fado electónico. A actuación será no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 23) a partir das 23:00hs. O prezo da entrada é de 5 euros, con prezo reducido de 3 euros para socios/as de Cultura do País.

Presentación das vindeiras actividades


Cultura do País vén de presentar en rolda prensa na Galería Sargadelos, canda representantes dos Departamentos de Português da Escola Oficial de Idiomas e máis dos centros de ensino medio da cidade de Lugo, a programación conxunta que teñen conxunta para a vindeira quincena e que vira arredor da celebración da Revolução dos Cravos e do 40 aniversario do concerto do Zeca Afonso en Lugo.

Esta programación comezará o vindeiro xoves 26 de Abril, no que a nosa Asociación Cultural celebra a 2ª edición da Noite da Lusofonía, en colaboración co Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas. Desta volta, o concerto adicado a Portugal co gallo do aniversario da Revolução dos Cravos, levará como título Portugal: Abril Sempre, e consistirá nunha actuación do fadista electrónico Gonçalo Guerreiro. Dará comezo ás 23:00 no Clube Clavicémbalo. A entrada custa 5 euros, habendo un prezo reducido de 3 euros para socios e socias de Cultura do País.

O seguinte evento celebrarase o sábado 5 de maio e consistirá na Homenaxe ao Zeca Afonso polo 40 aniversario do concerto que deu en Lugo en 1972. Trátase dunha programación completa dunha xornada en colaboración coa Associação Jose Afonso (AJA) e os departamentos de português da EOI e máis dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e Ánxel Fole; así como da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Lugo.

Nesta xornada haberá unha parte máis formativa e outra lúdica. Comezarán as actividades formativas xa de tarde (16:30) no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes cun Café Escandinávia, no que a xente que acudíu a aquel concerto porá en común a súa experiencia. Posteriormente terá lugar (17:30) unha palestra de Paulo Esperança, do Núcleo Norte da AJA á que seguirá un concerto-espectáculo do grupo de Canto de Intervenção dese colectivo (19:30). Todas estas actividades, a celebrar no devandito instituto, son de entrada libre e gratuítas.

Como broche a esta xornada, celebrarase un concerto con João Afonso e Fred Martins a partir das 23:00, de novo no Clube Clavicémbalo. O custo das entradas é de 15 euros, con prezo reducido a 10 euros para socios e socias de Cultura do País.

As entradas para ambos espectáculos -Noite da Lusofonía e concerto de João Afonso+Fred Martins- estarán á venda anticipada na Libraría Trama (Avda. da Coruña, 21) e máis no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 23).

Podedes ver algúns fragmentos da rolda de prensa na nosa Canle de Youtube.

E para vivir… Lugo: crónica

O pasado venres 13 de abril tivemos a terceira sesión que pechaba o ciclo de Monólogos na Abadía, promovido por Cultura do País. Nesta, Anxo Lamelo, integrante do grupo Menos dá unha pedra, presentounos ás persoas asistentes o monólogo “E para vivir, Lugo”.

Un científico do Campus analiza os aspectos definitorios da sociedade lucense: os seus costumes, os sinais de identidade do lucensismo, persoeiros ilustres e festas e acontecementos destacados. Vestido coa súa bata branca e recén saído do laboratorio procedeu a diseccionar en capítulos os elementos diferenciais do ser lucense.

Mereceron especial atención as super-criticonas, o alto nivel de atropelos que se produce na provincia e mailas tapas especiais que se serven nalgúns ‘bares’ de Lugo, facendo mención á especialidade culinaria da tarta de 8 pisos do Garañón. Tamén nos explicou de onde vén o odio secular entre lucenses e coruñeses/as e a envexa que estes/as nos teñen.

O deporte ocupou outro dos temas do estudo científico, facendo un repaso polas equipas lucenses, e mesmo polos deportes de risco aos que a veciñanza da cidade se adica cando fai deporte polo Paseo do Rato, preparándose para as carreiras do ‘Corre con Noos’.

En canto a edificios senlleiros, expuxéronse as tradicións ancestrais lucenses arredor da Muralla e o impacto social da construción do edificio do Novo Hospital, o HULA. E como non, falando de tradicións, as Festas do San Froilán -“as do santo, non as do torpe“- e o costume de comer o polbo -que todo o mundo sabe que ten que ser con viño-, ao que vai asociado o ‘tour dos masoquistas’ ao longo das atraccións que hai instaladas no recinto feiral. Fíxose aquí unha parada para facer un estudo de campo co relato do episodio dos valentes da Piringalla na Pasaxe do Terror.

No apartado de persoeiros ilustres destacáronse a ‘La Bicicleta’, Dorribo e o catálogo actualizado de políticos lucenses. Mais este apartado xa se converteu nun estudo multi-disciplinar, coa colaboración de Eros Ramazzotti, Fofito e mesmo Joaquín Sabina, que lle permitíu ao publico asistente ter unha caracterización máis completa da sociedade lucense.

Podedes ver algúns anacos deste espectáculo na nosa Canle de Youtube.

Sábado 14 de abril: xantar da Liga Estudantil Galega

O Lar da Cultura do País acolleu o xantar da Iª Asemblea Nacional da Liga Estudantil Galega, organización estudantil soberanista da esquerda transfomadora, que celebra esta xuntanza hoxe en Lugo baixo o lema “En movemento”.

Desde a nosa Asociación Cultural saudamos ao estudantado galego organizado na Liga e agardamos que o debate e os acordos que tomen sexan produtivos para a defensa dun ensino público, galego, democrático e de calidade.

Venres 13 de abril: “e para vivir, Lugo”

Cultura do País pecha o seu ciclo de Monólogos na Abadía o vindeiro venres 13 de abril cunha sesión na que Anxo Lamelo presentará o espectáculo “e para vivir, Lugo”, co que a ben seguro nos fará pasar un bo rato. Será, como até o de agora, na Cervexaría A Abadía (Pza. da Milagrosa, 14) , a partir das 22:45 hs.

Non o perdades!