Domingo 1 de abril: roteiro da Sección Ultreia

O vindeiro domingo 1 de abril terá lugar a primeira actividade programada pola sección Ultreia Mocidade e Patrimonio, grupo de socios/as de Cultura do País que se constituíu o pasado mes de marzo e que procura vencellar o activismo xuvenil coa defensa e dignificación do patrimonio histórico galego nun sentido amplo, entendido como un sinal de identidade como pobo.

Esta primeira actividade realizarase en colaboración coa Asociación de Defensa do Patrimonio e de Reconstrución Histórica Trebas Galaicas e consistirá nun roteiro polas “terras dos mouros” visitando diferentes puntos de interese nos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte.

Percorreremos as antas do neolítico, tumbas que durante milenios salientaron na paisaxe galega, sendo a primeira e gran manifestación contundente do noso pasado máis ancestral. Visitaremos santuarios de elección de reis celtas como Pena de Rodas, marcador solsticial conectado coa Pena dos Mouros.

A cita será o vindeiro domingo 1 de abril ás 10:00 hs. na Praza da Milagrosa de Lugo, onde nos xuntaremos para organizar o transporte até eses lugares.

Animámosvos a participar nesta actividade que será de grande interese para descubrir “tesouros” da nosa historia e da nosa cultura que están totalmente esquecidos. Podedes completar información sobre a temática do roteiro consultando o artigo que se publica no blogue de Ultreia.

Xoves 22 de marzo: letras do País

Cultura do País continúa o seu mes literario. Despois da presentación da segunda edición de Bandeiras da Galiza, de Jose Manuel Barbosa, organizamos un novo acto no que presentamos dous poemarios que son produto da creación literaria de dous socios da nosa Asociación: Jose Manuel Nunes e máis Xosé Estévez.

Jose Manuel Nunes (Agreimunde -O Páramo, 1985) é un estudante da Facultade de Humanidades de Lugo que, malia a súa mocidade, xa vai pola súa segunda publicación. En 2009 lanzou ao prelo o libro de contos titulado Um país oculto pelas silveiras (Manas Editora). Agora presenta o poemario Azul Ultramarino.

Xosé Estévez (Guntín, 1954), Licenciado en Dereito, ten unha longa bagaxe pola Administración desempeñando diversos postos de responsabilidade. Publica regularmente poemas na revista Xistral, editada polo Concello de Lugo, e ten xa publicadas varias obras na editora MeuBook: a novela Morte na Muralla (2011) e máis A túa ausencia que non se apaga (2012), poemario subtitulado Poemas escritos coa soidade sangrando na punta da lingua, que será a obra que presentará no acto.

Esta presentación conxunta de libros terá lugar o vindeiro xoves 22 de marzo a partir das 20:00 hs. na Libraría Trama (Avda. da Coruña, 21). Pecharase a sesión coa actuación de Naír, integrante de Irimia Cantareiras, e máis de Carolina, membro do grupo folk Saltanocribo.

Venres 9 de marzo: Bandeiras da Galiza

Comezamos un mes de marzo literario en Cultura do País. A primeira actividade será a presentación da segunda edición do libro Bandeiras da Galiza, do profesor ourensán Jose Manuel Barbosa. Este acto terá lugar o vindeiro venres 9 de marzo ás 20:00 hs. na Sala 4 do Centro de Convivencia Maruxa Mallo (Carril das Hortas, s/n.).

Polas páxinas de Bandeiras da Galiza faise un repaso por diferentes símbolos que teñen a ver coa identidade galega ao longo da historia: o tríscele, o lábaro, a bandeira dos Reis Suevos, os pendóns do “Christianorum Regnum” e da Coroa Galego-Leonesa; e ainda outros símbolos até chegar á actual bandeira da Galiza. Ademais esta prospección, o autor formula unha proposta de simboloxía nacional a partir da investigación realizada por el.  Podedes ampliar información aquí.

Bandeiras da Galiza é editado pola Através Editora, da Associaçom Galega da Língua, que colabora na organización da presentación.