Sábado 25 de febreiro: Ruada do País


Pasada a festa do Entroido, en Cultura do País temos preparada unha actividade arredor da cultura e da música tradicional, poñendo en valor o traballo de recollida, recuperación e docencia que leva facendo durante anos o asociacionismo. Para isto contaremos coa colaboración do Obradoiro de Cultura Tradicional A Volta do Agro.

A actividade que organizamos é unha ruada, xuntanza que tradicionalmente convocaba á xente moza para divertirse cantando e bailando. Esta Ruada do País, que contará con participantes procedentes de diversos puntos da xeografía galega, terá lugar o vindeiro sábado 25 de febreiro a partir das 17:30 no noso local social, o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1- baixo 5).

Ademais da componente musical, teremos petiscos e bebida para pasarmos unha boa tarde de convivio e lecer entre as persoas asistentes.

Vémonos na Ruada do País!

Viaxe ao país da piruleta: crónica

En Cultura do País celebramos este Martes de Entroido cunha actividade para os/as máis novos/as: o espectáculo que ofreceron as compoñentes de Anima Acción na Praza da Milagrosa, titulado Viaxe ao país da piruleta.

O Trío Pepa, Po e Pía, fixeron pasar un bo intre ás persoas asistentes, relatando as súas aventuras e máis as do seu amigo peludo na procura do camiño cara ao País da Piruleta: ao galope, en comboio e, finalmente, coa máquina de teletransportación até que conseguiron chegar ao seu destino.

Polo camiño, foron cantando, bailando e divertíndose, facendo xogos nos que participaron animadamente as crianzas que asistiron ao acto. Un loro, o seu amigo peludo e os globos de cores axudaron a amenizar esta viaxe e atopar o ansiado rumbo.

Podedes visionar vídeos da Viaxe ao país da piruleta na nosa Canle de Youtube.

Actividades febreiro: entroido e ruada

Este mes de febreiro, desde Cultura do País, temos programadas dúas novas actividades vencelladas ao lecer.

Como vimos facendo anualmente, seguimos a organizar actos polo Entroido. Desta volta, temos preparada a estrea dun espectáculo para todas as idades e especialmente para nenos e nenas, creado por Anima-Acción Desfrute e Educación, no que o Trío Pepa, Po e Pía nos convidan a facer unha Viaxe ao País da Piruleta. Este acto terá lugar o vindeiro martes 21 de febreiro, Martes de Entroido, a partir das 18:00 hs. na Praza da Milagrosa.

E despois do Entroido… ruada!

O sábado 25 de febreiro celebramos unha Ruada do País na que, a partir das 17:30 hs., haberá danza, cantigas e petiscos até que o corpo aguante. Este acto, que terá lugar no noso local social, o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1-baixo 5), conta coa colaboración da Asociación de Cultura Tradicional A Volta do Agro.