“Á dereita do pai”: crónica

Napoleón e Freddie Mercury atópanse no ceo. Así comeza o espectáculo “Á dereita do pai”, interpretado o pasado venres 13 de xaneiro na Cervexaría A Abadía por Anxo Lamelo e Simón Onteniente, compoñentes do dúo “Menos dá unha pedra”. Esta sesión fai parte do ciclo Monólogos na Abadía, organizado por Cultura do País.

A cervexaría da Praza da Milagrosa atopábase completamente ateigada, coas portas abertas e xente observando o espectáculo mesmo desde a rúa, a través da ampla cristaleira. A anterior protagonista do ciclo, Isa Chao, socia da nosa Asociación, pasáballes a testemuña a Anxo e Simón.

As sonoras gargalladas expandíanse polo barrio do Agro do Rolo e chamaban á xente que ía paseando pola rúa a achegarse á Abadía. Alí, un numeroso público, entre o que podiamos observar a algunhas das figuras máis brillantes da farándula lucense, asistía entregado á groriosa aparición: un travesti resabido e un Napoleón curtido en mil batallas do Risk terían unha animada conversa na que compartirían opinións sobre varios persoeiros, reais e non tan reais.

Un amplo repaso ao Antigo Testamento: Salomón, a Arca de Noé, as infidelidades de Xosé e María, etc. irían dando paso á historia de Marco Antonio e Cleopatra. Todo isto coas aparicións estelares de Joaquín Luqui e Simon & Garfunkel.

Tamén se comentaron as últimas actuacións urbanísticas que se levaron a cabo no inferno en previsión da inminente chegada de Manuel Fraga.

Podedes seguir varios treito do espectáculo na nosa Canle de Youtube.

Un espectáculo humorístico con dous artistazos da escena lucense que deixa o listón moi alto para a seguinte sesión. Desde Cultura do País tentaremos, como sempre, continuar a superarnos.

Menos dá unha pedra: Anxo Lamelo e Simón Onteniente

Desde Cultura do País seguimos a ofrecer sesións do ciclo de actividades adicadas á expresión oral dentro do ciclo Monólogos na Abadía. Continuamos a dar difusión ás creacións e o talento de contacontos e monologuistas de Lugo, coa finalidade de termos un anaco de lecer arredor da nosa lingua propia.

Esta segunda posta en escena correspóndelles a Anxo Lamelo e Simón Onteniente, actores lucenses que presentan o espectáculo “Menos dá unha pedra”. A cita será, de novo, na cervexaría A Abadía (Pza. da Milagrosa, 14) o vindeiro venres 13 de xaneiro a partir das 22:45 hs. A entrada é de balde.

Non o perdades!