Venres 2 de decembro: Monólogos na Abadía con Isa Chao

Cultura do País enceta un novo ciclo de actividades, programando para os vindeiros meses a celebración de sesións de monologuistas na cervexaría A Abadía (Pza. da Milagrosa, 14).

Con estas sesións téntase dar a coñecer a novos talentos da expresión oral e contacontos que realizan monólogos, alén de supor unha actividade de lecer arredor da lingua galega.

Esta primeira sesión, que terá lugar este venres 2 de decembro a partir das 22:45 hs., correrá a cargo da animadora sociocultural Isa Chao, que ademais é socia de Cultura do País. Contamos tamén coa colaboración da entidade Anima-Acción (Desfrute e Educación). A entrada é libre.

Animámosvos a asistirdes e pasarmos conxuntamente un intre divertido.

Asemade, esta fin de semana (sábado 3 e domingo 4 de decembro) Cultura do País participará con stand propio na Feira de Asociacións da Praza da Milagrosa, organizada pola Asociación de Veciños/as. Neste espazo daremos a coñecer a actividade e o material da nosa Asociación.

Convidámosvos tamén a dar unha volta pola feira, que temos sorpresas!

Crónica do aniversario do Manifesto de Lugo: “Dandis somos, dandis seremos”

Lazos, gravatas, colares, vestidos… acción! Por terceiro ano consecutivo, Cultura do País quixo devolverlle a Lugo un chisco do que os persoeiros das Irmandades da Fala lle deron á cidade en 1918. Noventa e tres anos despois da súa redacción, o Manifesto de Lugo regresou a pé de rúa en forma de vestimentas elegantes, homes e mulleres con chapeu e vestimenta de día de festa para celebrar e reivindicar a vixencia daqueles que deron en reclamar a “autonomia integral da Nazón Galega”, galegos egrexios que chegaron á conclusión de que

“tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos”.

A primeira cita da xornada era no Centro de Convivencia Maruxa Mallo, aínda que o atuendo dos presentes ben podía facer pensar que se atopaban no comedor do Mendez Núñez, hai un século. Estabamos citados co Manifesto e, desta volta, cun dos seus impulsores, o vilalbés Lois Peña Novo. O historiador Xosé Luís Novo Cazón, tamén chairego, foi o encargado de lembrar o espertar ao galeguismo que tivo o homenaxeado, o duro traballo, a carreira política, o pensamento económico e tamén os momentos difíciles de quen, subliña, foi “un perdedor” en moitos treitos da súa vida, o que non lle impediu amosar con feitos a súa paixón polo país ou a, por exemplo, levar a lingua galega aos plenos do Concello da Coruña como “primeiro e único concelleiro nacionalista”.

Ante a trintena de asistentes, Novo Cazón lembrou a importancia de Peña Novo non só por participar no alborexar do Manifesto malia a súa mocidade, senón tamén polo seu vencellamento con Lugo, onde foi secretario do Concello. Ademais dunha lembranza e do agradecemento a Cultura do País, o historiador deixou tamén unha petición no aire: que o histórico vilalbés poida contar cunha rúa na cidade da Muralla. Anotado queda.

Podedes ver algúns momentos da palestra na nosa canle de youtube.

Para a Asociación foi de enorme agrado volver contar coa presenza de Luís Gonçales Blasco, “Foz”, memoria viva do nacionalismo contemporáneo, entre os asistentes; pois xa nos acompañara como ponente na tertulia que organizaramos para a primeira edición desta xornada de aniversario do Manifesto.

“Se me dan a escoller unha cidade, eu digo Lugo”

E tras a lembranza, a festa. O número de dandis ía incrementando e, cando faltaban máis de dúas horas para a festa, nos arredores da sala Doble Moral xa se observaba unha elegancia pouco habitual para un sábado calquera. Ao calor dunha cea improvisada con produtos do país xurdiron as primeiras cancións e as primeiras consignas da noite: “dandis somos, dandis seremos”.

Á mesa sentaron tamén, aínda que tiveron que marchar un chisco antes por motivos obvios, os que serían protagonistas da festa, o grupo Os da Ría, formado por Arturito Puy e Fabián Santomé, alter egos de Carlos Meixide e Tomás Lijó que, desta volta, viñan acompañados por Suso Pián (Suso Alonso), tocando “o pián”, e unha especialísima convidada de luxo, Lilí Berlín (Blanca Cendán).

E así, cos bandullos satisfeitos pero sen perder un ápice de dandismo, chegou o momento. Os da Ría exerceron como persoeiros que son e, no seu espectáculo máis íntimo, despregaron as súas “cantareliñas” máis senlleiras. Con escrupuloso respecto á xornada de reflexión -”nós sempre estivemos moi a goste con todos os gobenros”, insisten en salientar-, polo escenario pasaron melodías como Infanta Elena, A ruta dos Libros, Miguel Delibes, Alberte Núñez Feixóo e un longo etcétera no que non faltou a actuación estelar “do robó de Bravo pola Música” nin tampouco un detalle especialmente agradecido polo público: lembrarse de Lugo.

Cando máis de setenta almas “viraban loucas” c’Os da Ría, Arturito e Fabián “enxergaron” un novo “xite”:

“Se me dan a escoller unha cidade,

eu digo Lugo

E se me dan a escoller unha cidade que rime con teixugo,

tamén digo Lugo”.

Apoteose. Ou case, porque aínda faltaba o momento máis agardado por moitos dos presentes, a entrega dos galardóns aos máis dandis da noite e o nomeamento do Primeiro Dandi de Honra, distinción que recaeu en Tino Pinheiro, ex presidente de Alto Minho, dandi a diario e traballador incansábel pola cultura galega en Lugo.

Co seu sonoro Chin, chin, polo borrachín do pueblo, Os da Ría remataban no máis alto o seu paso por Lugo nunha festa que superou as previsións de participación e na que a elegancia dos e das asistentes foi tanta como o grao de vixencia do Manifesto de Lugo.

93 anos do Manifesto de Lugo: Lois Peña Novo

Hoxe cúmprense 93 anos da celebración da Iª Asemblea Nacionalista (Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918), que concluíu coa aprobación do coñecido como Manifesto de Lugo, programa político das Irmandades da Fala. Desde Cultura do País continuamos a lembrar esta data e o significado que o Manifesto tivo na historia de Galiza, celebrando unha nova xornada de conmemoración deste evento que terá lugar mañá sábado 19 de novembro ao longo da tarde-noite.

Como xa adiantamos noutras informacións que publicamos neste blogue, este ano a Asociación escolleu a figura do vilalbés Lois Peña Novo, arredor da cal centraremos o acto formativo.

Este consistirá nunha charla-coloquio impartida polo historiador Xosé Luís Novo Cazón, profesor do IES Ollos Grandes de Lugo, membro do Instituto de Estudos Chairegos e estudoso, entre outros aspectos, da biografía de Peña Novo. Esta charla terá lugar a partir das 18:30 hs. no Centro de Convivencia Maruxa Mallo (Carril das Hortas, s/n.) .

Lois Peña Novo foi un dos membros das Irmandades da Fala que máis contribuíu á expansión organizativa e á concreción programática acadada co Manifesto de Lugo. Foi, ademais, un fervente defensor da participación política e institucional e estivo preocupado por espallar o pensamento nacionalista e mellorar as condicións de vida do pobo galego, rachando as inxustizas sociais e apoiando as reivindicacións agraristas. O seu compromiso con estes valores levouno a ser un persoeiro destacado na política galega, xa desde que accede á acta de concelleiro no Concello da Coruña en 1920 até os cargos institucionais e a súa maxistral participación en mitins durante a Segunda República.

Alén da súa paixón polo activismo político e da súa tarefa organizativa nas Irmandades, queremos recuperar a súa faceta de ensaísta, especialmente preocupado por asuntos económicos vencellados ao agro.

É, sen dúbida, outro persoeiro da nosa historia, outro “dandi” que levou a Galiza no corazón e que pretendemos rescatar do esquecemento a través desta xornada.

Un ano máis, a parte formativa será combinada cunha actividade lúdica: a IIIª Edición da Festa Dandi, que terá lugar na Sala Doble Moral (Pza. da Horta do Seminario) a partir das 23:00 hs. Consistirá nun concerto do grupo Os da Ría Íntimos, con entrega dos Premios Dandi e algunha que outra sorpresa que reservamos para quen asista ao acto. O prezo da entrada é de 5 euros.

O 19 de novembro Lugo vístese de Dandi! trae as túas mellores galas!

Lugo, ponte de gala! Festa dandi!

Desde a nosa fundación, en Cultura do País tiñamos claro cal sería unha das nosas primeiras actividades: lembrar a Asemblea Nacionalista de 1918 e o documento que saíu dela, o Manifesto de Lugo. E así foi xa desde a primeira edición das xornadas conmemorativas que organizamos, en 2009: puxémonos á tarefa e elaboramos un programa de actos que combinaba a lembranza, a homenaxe e a reivindicación dos valores e dos persoeiros daquela xuntanza. Pero non dubidamos en introducir un ingrediente esencial: a festa e o bo humor. Nacía así a Festa Dandi, unha noite na que Cultura do País abre simbolicamente as súas portas para que pase todo aquel que o desexe cunha única condición: que quen se achegue veña ataviado ou ataviada coas súas mellores galas. Coas mesmas coas que acudiría, por exemplo, a unha recepción aos persoeiros da Asemblea no comedor do Méndez Núñez hai noventa e tres anos.

Nestes días a Asociación anda a darlle os últimos retoques á terceira edición da Festa Dandi. Desta volta organizámola sen a autodisolta plataforma Sei o Que Nos Figestes -por razóns obvias…- e ubicámola na Sala Doble Moral. Mais non estaremos sós. Ben ao contrario. Ademais dos convidados e convidadas, dous mestres do dandismo galego achegaranse a Lugo ben vestidos e mellor prantados para cantar, bailar… e o que se tercie. Eles son Os da Ría, o dúo formado por Carlos Meixide e Tomas Lijó… ou mellor dito, por Arturito Puy e Fabián Santomé. Con toda a mestría da que son capaces (que é moita), Arturito e Fabián tamén están a aquelar os detalles do seu espectáculo máis íntimo. Por se quedaba algunha dúbida de que o están a preparar a conciencia véñennos de achegar “un momenteliño da cotidiaeidade de os nosos ensaiolos, con moito engarimo”.

Aínda que a súa fama os precede é posible que non todos os amigos de Cultura do País coñezan aos que veñen ser os referentes “da música livián galega”. Pero iso arránxase doadamente, abonda con remitírmonos ao que eles mesmos din deles propios:“Os da Ría levan ans defendendo enriba de os esceairos (e ás veces debaixo), o galegueiro como ferramenta de expresión cultural e festeira de o póbolo galegueiro”. Por se non abonda, un chisco máis: “O amplísimo repertorio do grupo, creado a modo de skectchs para as Ultranoites dos últimos 10 ans, recorre, desde o territorio do absurdo, da crítica máis ácida e da parodia, a vida social, cultural e política de a Galicia Nai e Señora, nun espectáculo ao que o público nunca é indiferente”. A cousa promete e, para que prometa un chisco máis, desde Cultura do País deixámosvos un petisco musical do que acontecerá no Doble Moral o vindeiro sábado 19 de novembro desde as 11 da noite.

Lugo, ponte de gala! Festa Dandi!

Virando Louco
Os da Ría -Virando Louco

19 de novembro: Aniversario do Manifesto de Lugo

Cultura do País celebra un ano máis o aniversario da Primeira Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Neste 93º Aniversario do Manifesto de Lugo, programa das Irmandades que emanou daquel cónclave, temos organizada, de novo, unha xornada que combina actividades formativas e lúdicas.

A partir das 18:30, no Centro de Convivencia Maruxa Mallo (Carril das Hortas, s/n.), terá lugar a charla-coloquio ao persoeiro a quen adicamos este ano a xornada, o avogado vilalbés Lois Peña Novo, destacado membro das Irmandades da Fala que tivo unha participación fulcral na Asemblea de Lugo. O historiador Xosé Luís Novo Cazón achegaranos aos trazos máis característicos da súa biografía e da súa obra cunha ponencia que leva de título “Lois Peña Novo: da Asemblea de Lugo ao Concello da Coruña. Labor institucional e pensamento económico”.

Xa pola noite, a partir das 23:00 na Sala Doble Moral (Pza. Horta do Seminario) desenvolverase a IIIª Edición da Festa Dandi, que este ano contará coa actuación do grupo Os da Ría Íntimos. Celebrarase por segundo ano consecutivo a gala dos Premios Dandi, na que se galardoarán con magníficas pezas de olaría de Bonxe os vestidos mellor caracterizados coa estética dandi dos anos 20. O prezo da entrada é de 5 euros.

Nesta edición, despois da disolución da Plataforma Cívica Sei o Que Nos Figestes… Nos Ultimos 525 Anos, correspóndenos a Cultura do País a organización en solitario, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación. Contodo, chamamos aos/ás siareiros/as seioqueiros/as a facer parte deste evento que manterá a esencia subversivo-esmorgueira de loita e festa das convocatorias anteriores.

O Vento Lois acariña Lugo

…todos quixeran ver despois da orxía
se o que levo gardado é un pensamento
enfiado en agullas de ironía

Dandy, de Lois Pereiro

Nunha noite ben luguesa, desas nas que o frío corta un chisco máis que no resto do país e nas que a quentura da casa propia ou da taberna podería ser receitada como tratamento para o conxunto da veciñanza, máis dun cento de persoas decidiu acudir á cita de Cultura do País. En tempos de rescates financeiros, referendos retirados pola presión do euro e carreiras electorais a Asociación Cultural propuña algo case transgresor: regardarse de todo o que está a caer cunha dose de poesía, música e punk, coas Músicas de Lois Pereiro.

Non quixemos desde Cultura do País facer un acto ritual, unha lembranza ao uso para un homenaxeado no pasado Día das Letras que é calquera cousa menos un homenaxeado ao uso. Quizais por iso resultou incómodo, mesmo molesto para algúns. Mesmo dentro da propia institución que lle concedeu tan alto recoñecemento. Pero é que Pereiro non quixo ser cómodo, e iso precisamente foi o que lembraron os acordes e as voces que soaron dende o escenario do Clavicémbalo.

A letra do radicalmente moderno poeta de Monforte comezou a se converter en música da man de Manu Clavijo, un galego-arxentino que ao longo de 2011 se esforzou na nada doada tarefa de facerlle chegar os poemas e a figura de Lois Pereiro aos estudantes de ensino secundario. Primeiro coa súa guitarra, despois cun violín de psicodélica forma e en case todos os temas co apoio dunha segunda guitarra ou do piano, recitou e cantou sinceramente algunhas das composicións máis destacadas de Pereiro, desde treitos da Modesta Proposición ata versos dos Poemas 1981-1991.

E tras o intimismo de Clavijo, a forza telúrica das Ondas Martenot, o grupo formado por e para Pereiro e integrado por todoterreos da música galega: O Leo i Arremecághona, Antón Papaqueixos, Fran Amil e Cristina Asenjo. Malia a ausencia de Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, decano dos xornalistas galegos e punk dos que non envellecen que adoita formar parte da formación, a voz d’O Leo e os acordes do resto da banda puxeron a ferver o Clavi coas notas que escoitaba Lois e tamén coas súas propias palabras.

Coa sala chea, lembráronse e bailáronse temas de Iggy Pop, Talking Heads ou Parálisis Permanente, convenientemente mesturados ou case fusionados con poemas como Narcisismo ou himnos de Radio Océano, caso de Como o vento. A madrugada do venres arrefriaba un pouco máis en Lugo, pero dentro do Clavi non se percibía. “Esto no es Hawaii, nin falta que fai”, concluíron dende Ondas Martenot. O único vento que arreciaba, pero acariñaba, era o Vento Lois.