Avenida Lois Pereiro

Esta mañá, representantes da Asociación Cultural Cultura do País e da Asemblea da Zona de Lugo d’A Mesa pola Normalización Lingüística rexistraron no Concello de Lugo unha proposta de modificación do rueiro para que a Avenida Ramón Ferreiro pase a chamarse Avenida Lois Pereiro.

O texto da solicitude é o seguinte:

EXPOÑEN:

1. Que no Estado Español está vixente a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a prol de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, máis coñecida coma Lei da Memoria Histórica; que establece no seu artigo 15 a obriga das administracións públicas a tomaren medidas para a retirada da simboloxía e mencións públicas que exalten a guerra civil e a ditadura.
2. Que no Concello de Lugo, ademais de moitas rúas e símbolos adicados ao enxalzamento do bando vencedor na Guerra Civil e da sanguenta ditadura posterior, persiste a día de hoxe a denominación dunha das principais vías de comunicación da cidade, a avenida que conecta a Praza da Horta do Seminario coa Praza do Rei, leva o nome de Ramón Ferreiro Rodríguez, quen foi Jefe Provincial do Movimiento nos anos corenta e procurador en Cortes nas primeiras lexislaturas do Franquismo por designación da Delegación Nacional de Sindicatos. A permanencia deste nome nunha rúa principal de Lugo, ademais de situarse fóra do establecido pola Lei, é unha ofensa aos valores democráticos e as vítimas da persecución sufrida pola ditadura e as súas familias.
3. Que no Concello de Lugo non existe ningunha rúa adicada ao escritor monfortino Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996), a quen se adicou este ano 2011 o Día das Letras por parte da Real Academia Galega. Este autor, que tivo unha participación destacada nos movementos contraculturais dos anos oitenta e noventa do século XX, na época coñecida como da “movida”, ten publicados dous poemarios en vida: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). En 1996, o ano da súa morte, saíu ao prelo Poemas para unha Loia, que recolle as obras da súa etapa madrileña. Participou en varias revistas da época: Loia, La Naval ou Luzes de Galiza, entre outras. Traballou como tradutor de cinema en varios idiomas e as súas letras influíron varios temas de música punk do momento.

SOLICITAN:

Que a actual vía denominada Avenida de Ramón Ferreiro pase a chamarse Avenida de Lois Pereiro.



Esta proposta faise no marco do evento de homenaxe a Lois Pereiro promovido por Cultura do País coa colaboración de Ouvirmos e da Vicepresidencia de Cultura da Deputación Provincial, que baixo o título de “As Músicas de Lois Pereiro” terá lugar o vindeiro xoves 3 de novembro a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo, coa actuación de Manu Clavijo e Ondas Martenot. O prezo da entrada é de 8 euros.

Xoves 3 de novembro: As Músicas de Lois Pereiro

Tan só queda unha semana para o acto que a Asociación Cultural Cultura do País ten programado coma homenaxe ao escritor monfortino Lois Pereiro. Será o xoves 3 de novembro a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo. O prezo da entrada é de 8 euros.

A través deste evento, que titulamos “As Músicas de Lois Pereiro”, queremos facer un percorrido pola traxectoria do poeta, resaltando ademais a importancia da música na súa obra, pois a súa poesía enmárcase nos anos da movida e as súas creacións serviron de base para varios temas musicais.

Os poemas de Lois Pereiro serán musicados polo cantante, compositor, guitarrista e violinista arxentino-galego Manu Clavijo, cuxa actuación abrirá o acto, deixando paso despois ao grupo que se creou xustamente para render tributo ao poeta a quen se lle adicou o Día das Letras 2011, Ondas Martenot. Este grupo está formado por Cristina Asenjo (Sonoro Maxín) no teclado, Fran Amil (Ultraqäns) na batería, Antón (Ultraqäns) ao baixo e máis a guitarra e a voz do Leo i Arremecaghoná.

Esta ha ser, sen dúbida, unha velada para non perder!

Cultura do País: actividades no mes de novembro

Xa temos ultimada a programación de Cultura do País para un mes de novembro cheo de actividade. Aquí tendes un avanzo para que vaiades anotando nas vosas axendas!

O xoves 3 de novembro a partir das 23:00 hs. no Clube Clavicémbalo (R/Paxariños, 22) terá lugar o concerto As Músicas de Lois Pereiro, de homenaxe ao autor galego. Actuarán o cantautor arxentino Manu Clavijo, que pon música aos poemas de Lois, e mailo grupo Ondas Martenot, composto por Cristina Asenjo (Sonoro Maxín), Fran Amil (Ultraqäns), Antón (Ultraqäns) e O Leo i Arremecaghoná. O prezo da entrada é de 8 euros.

E un ano máis, celebraremos o aniversario da Asemblea Nacionalista de 1918 cunha xornada de actividades o sábado 19 de novembro. Este ano adicámolo ao vilalbés Lois Peña Novo, destacado persoeiro das Irmandades da Fala e comprometido coa causa agrarista e republicana. A súa biografía será tema da charla-coloquio que terá lugar no Centro de Convivencia Maruxa Mallo a partir das 18:30 hs. coa intervención do historiador Xosé Luís Novo Cazón.

Á noite, a partir das 23:00 hs., a III Edición da Festa Dandi acadará meirande dimensión co concerto do grupo Os d’A Ría Íntimos na Sala Doble Moral (Pza. da Horta do Seminario), durante a que se desenvolverá a II Edición dos Premios Dandi, concurso no que, un ano máis, se premiará aos mellores vestidos de estética dandi dos anos 20 con magníficas pezas de olaría de Bonxe. O prezo da entrada é de 5 euros. Acode vestido/a de dandi!

San Froilán recoñécese no espello

Non as tiñan todas consigo. Ían dar as nove da noite e na Praza do Campo Castelo apenas se xuntaban dúas decenas de persoas entre curiosos, clientes das terrazas da zona, paseantes e asistentes ao espectáculo. Na balconada da Casa do Concello o escritor Paco Martín viña de pregoar a “ledicia, amor e irmandade compartidos, luz e troula para os sentidos”. Todo isto, di o chairego, deben ser as festas do San Froilán.

Apostados no Carme, os fogueteiros encheron de lume festivo o ceo de Lugo e no Campo Castelo xa había en torno a un cento de persoas. Diante do neno debuxado por Castelao que lle dá imaxe a Cultura do País xuntábanse mocidade e maiores e, sobre del, a voz de Iria Pinheiro convertía a praza nun cabaré e facía tanxible o primeiro Festival de Noso.

Cando o punk sincero e potente dos Labregos do Tempo dos Sputniks facía tremer os cimentos da praza, os Di Elas de Luís Tosar, galego lucense, culminaban o seu recital na praza da Horta do Seminario e algúns/has incondicionais trasladábanse ao Campo Castelo para sorprenderse coas músicas de tres rapazotes de Medomedá que, enfundados en mallas que simulaban tatuaxes, o mesmo versionaban a banda sonora de Titanic que instaban o persoal a “rir, por debaixo do nariz”. Se desde o escenario tirasen un alfinete ao público daríanlle a alguén con total seguridade, o Festival de Noso rebordaba.

Esa noite do 4 de outubro converteuse nunha verdadeira tarxeta de visita das festas, de todo o que estaba por vir nuns días nos que se ía testear a pé de rúa un programa festivo que tiña tanto de galego e de popular como de aposta. As primeiras vinte e catro horas das patronais remataban con Xosé Manuel Budiño e Kepa Junkera facendo pequena a Praza de Santa María; o mesmo conseguiríano días despois os portugueses Deolinda ou os cataláns Manel; estilos ben distintos de latitudes afastadas entre si para construíren un San Froilán inédito, que deixa para a lembranza momentos como a Danza de Meirol interpretada por Berrogüetto, co acompañamento das cantareiras de Cantigas e Agarimos e de varios milleiros de persoas.

Rebordaron o Campo Castelo, Santa María, a Horta do Seminario e tamén as rúas todas do centro na única fin de semana festiva. Abondaba con pór o ouvido en calquera praza para decatarse de que moita da xente que acompañaba con palmas os pasarrúas non eran de aquí, senón que viñan á festa. Á festa que para don Álvaro Cunqueiro era a “máis cabal” e “fermosa” dun outono galego que desta volta se disfrazou de verán. A festa que, desta volta, se recoñeceu no espello e saíu á rúa fachendosa, sen complexo ningún e cunha modesta pero sincera achega de Noso.


3-2-1… de Noso!

Só queda un día! Desde Cultura do País estamos a ultimar os preparativos en canto a difusión e propaganda do evento que organizamos para o comezo das festas patronais: o Festival de Noso.
De seguro que as actuacións dos grupos Cabraret, Labregos do Tempo dos SputniksMedomedá o vindeiro martes 4 de outubro na Praza do Campo Castelo a partir das 21:15 hs. han ser unha boa mostra dalgúns dos proxectos musicais máis frescos en lingua galega, da música de noso que vén petando forte, animando o espírito e espertando consciencias.

Ademais, o Festival de Noso vai contar cun mestre de cerimonias moi especial: o xornalista lucense David Lombao, cunha destacada traxectoria en medios radiofónicos e na prensa escrita, e que é socio fundador de Cultura do País. A el corresponderalle a presentación do Festival.

Comeza a conta atrás… xa tan só faltas ti!