4 de outubro: Festival de Noso

Cultura do País comeza o outono con forza, cunha actividade no marco das festas patronais de Lugo. Será o vindeiro martes 4 de outubro, data que coincide co comezo oficial das Festas de San Froilán. Desde a Asociación quixemos contribuír a un modelo de festas popular e que puxera en valor o talento e a calidade das novas bandas e grupos musicais que están a traballar no País, facendo música en galego, aportando frescura e maxín ao panorama musical.

A nosa iniciativa foi ben acollida pola Concellería de Cultura, que decidiu colaborar no desenvolvemento do Festival de Noso, un evento cultural que dará comezo ás 21:15 hs. no Campo Castelo e no que a música galega vai ter protagonismo a través das actuacións de tres grupos:

Cabraret: conxunto formado por Iria Pinheiro (diva), Alonso Caxade (acordeón) e Alberto Rodríguez (contrabaixo). Un espectáculo musical coa antiga estética do cabaret de comezos do século XX.

Labregos do Tempo dos Sputniks: proxecto musical de “foliada rap n’punk” do que fan parte Vero (Xenreira), García (Dios Ke Te Crew) e O Leo i Arremecaghoná: música para espabilar as conciencias.

Medomedá: proxecto audiovisual diverso con base de rock e multitendencia xurdido a raíz do concurso “A polo ghit” da Radio Galega. Conxunto de batería, guitarra solista e voz. Ironía, diversión, contracultura e retranca en galego cunha rechamante posta en escena. Usando o sentido do humor como arma contra o tedio do mundo.

Será unha boa forma de dar comezo ás festas de San Froilán máis galegas e populares dos últimos anos.

Non faltedes!

Número 3 do Ronsel da Cultura do País

Saíu ao prelo este verán o novo número do noso caderno formativo, o Ronsel da Cultura do País, que xa vai polo terceiro número que se edita.

Desta volta decidimos remontarnos até a historia do Reino de Galiza, lembrando a revolta do conde Roi Ovéquiz na cidade de Lugo en 1085, contra a autoridade do rei Afonso de León. Reseñamos este feito por tratarse dun acontecemento pouco coñecido da historia da nosa cidade e que evidencia a loita pola independencia do Reino de Galiza á altura do Ano Mil, unha vez repartidas as posesións do rei Fernán I entre os seus fillos. Destas, o territorio galego corresponderíalle a García, rei que será traizoado polo seu irmán Afonso, quen se acabará facendo coa súa parte e máis coa do outro irmán, Sancho (Castela); unificando a Coroa con capitalidade en León.

Asimesmo, xa está dispoñíbel en rede para a súa lectura o número anterior, o que facía o número 2, adicado a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, “Ben Cho Shey”, que podedes consultar premendo aquí.